Protocolo de seguimento da calidade da auga de abastecemento ante a posible presencia de cianobacterias.
Baseado no protocolo experimental da Universidade Autónoma de Madrid e os documentos guía da OMS.
A proliferación de cianobacterias tóxicas vese favorecida na estación estival debido ao aumento da temperatura da auga. Por este motivo, a partir do 15 de maio iniciouse dende a Rede de Seguimento do Estado Ecolóxico das Augas de Galicia a vixilancia do encoro de A Baxe (Caldas de Reis). Esta vixilancia consiste na inspección visual do encoro coa toma de fotografías cada 15 días. Deste xeito pódese avaliar mediante un rexistro gráfico a evolución do estado do encoro. No caso de existir algún indicio de eutrofización no encoro, é dicir, aumento da coloración verde da auga, tomaríase unha mostra para análise de clorofila a ([Chl a]) e para identificación de microalgas co fin de comprobar a presencia ou ausencia de cianobacterias tóxicas. En función dos resultados obtidos tras esta análise entraríase nun nivel de alerta diferente. Cada nivel de alerta ten asociado un protocolo axeitado de actuación, como se mostra no esquema a continuación.

En nivel de "alerta 2" lévanse a cabo análises de concentración de cianotoxina en auga. Os resultados obtidos póñense en coñecemento das autoridades responsables i empresas de abastecemento para tomaren as medidas axeitadas para a protección da saúde pública.
Estado de eutrofización das augas do Río Umia
Acompañando aos datos do seguimento do estado de eutrofización do río Umia (encoro e captacións) preséntase a modo de táboa a evolución do establecemento das alertas en cada punto de mostraxe.
Na páxina de inicio recóllese a situación actual de alerta en cada un dos puntos de control.
Cabe sinalar que o Encoro de A Baxe non é punto de abastecemento para ningunha poboación, nin está autorizado para uso recreativo. Polo tanto, o estado deste encoro en "alerta 2" non representa ningún risco directo para a poboación.



