O SIAM
Os Sistemas de Información Ambiental son aqueles recursos técnicos e humanos que permiten a captación, estruturación, acceso e difusión da información relativa ao medio ambiente. Neles utilízanse ferramentas informáticas como bases de datos, sistemas de información xeográfica (SIX) ou directorios de documentos.
A consecución do desenvolvemento sostible esixe un fondo coñecemento e manexo da información ambiental por parte tanto dos responsables das tomas de decisións como da cidadanía en xeral. Consecuentemente, resulta fundamental dispor dun sistema de información ambiental co que acadar unha xestión eficaz en materia ambiental, que facilite a asignación óptima dos recursos, permita a difusión pública do coñecemento na materia e, mediante a súa axuda na toma de decisións, asegure un desenvolvemento duradeiro, así como o mantemento e mellora da calidade de vida, sen mingua da calidade ambiental.
O Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM) é o instrumento creado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para facilitar o acceso á información medioambiental ao público en xeral, usuarios expertos/investigadores e a outras administracións. Está integrado na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Normativa
- Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente(incorpora as directivas 2003/4/CE E 2003/35/CE).
- Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ó acceso do público á información medioambiental, e pola que se derroga a Directiva 90/313/CEE do Consello.
- Convenio da Comisión Económica para Europa das Nacións Unidas sobre acceso á información, participación do público na toma de decisións e acceso á xustiza en materia de medio ambiente, ou “Convenio de Aarhus”, que a Comunidade Europea asinou en Aarhus (Dinamarca) o 25 de xuño de 1998.
- Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.
- Lei 2/1995, do 31 de marzo, pola que se dá nova redacción á disposición derrogatoria única da Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia.



