A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible disporá dun orzamento de 223 millóns de euros para o ano 2009, que permitirá a consolidación do cambio medioambiental en Galicia a través das políticas postas en marcha pola consellería.
As partidas destinadas a Medio Ambiente no próximo ano están dirixidas a concluír os plans, programas e proxectos postos en marcha polas diferentes direccións xerais, así como desenvolver novas iniciativas que incidan na mellora da calidade das augas e o control ambiental.
A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible disporá de 5,4 millóns máis que no pasado exercicio, o que supón unha suba do 2,5 por cento con respecto a 2008. Deste xeito, este departamento é o cuarto de todo o Goberno que máis inviste en termos absolutos.
As nove liñas principais de investimento para o 2009 teñen como obxectivo a culminación do Plan de Saneamento e Depuración das Rías Galegas, o programa de novas Infraestruturas de Saneamento e Abastecemento nos núcleos rurais e a mellora e ampliación das infraestruturas de abastecemento nas grandes aglomeracións urbanas e mancomunidades. Ademais, potenciarase o Plan de valorización do patrimonio natural de Galicia e o programa de Rede de Camiños Naturais, así como se dará inicio as medidas previstas na aplicación da Lei de Protección da Paisaxe e á execución do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia.
O investimento dará prioridade tamén á introdución de novas tecnoloxías nas empresas para mellorar a calidade ambiental e á potenciación do servizo meteorolóxico MeteoGalicia, así como a toda as redes de control ambiental de Galicia, integradas por 474 estacións e puntos de control e medición.
Augas de Galicia
O Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, destacou na súa intervención na Comisión 3ª do Parlamento que o organismo autónomo Augas de Galicia é o máis inversor da consellería, seguindo a prioridade que se marcou o Goberno galego no control e mellora da calidade da auga. Este organismo xestiona os recursos hídricos do país, coa excepción dos que son competencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Por isto, Vázquez reclamou como “obxectivo irrenunciable” da Xunta lograr a encomenda da xestión que ten agora a Confederación e poder unificar así todo o territorio galego en materia de saneamento, abastecemento e control de vertidos.
Augas de Galicia xestionará en 2009 un orzamento de 158,2 millóns de euros, un 2,9 por cento máis que en 2009.
En materia hidráulica, no ano 2009 todas as depuradoras de Galicia para dar cumprimento á directiva europea de saneamento e depuración das augas residuais das poboacións de máis de 2.000 habitantes equivalentes estarán en execución. Neste sentido, Vázquez resaltou que, a algo máis de dous meses para o cumprimento do prazo previsto, todas as depuradoras planificadas van a estar licitadas, agás dúas: a de Poio-Sanxenxo e a de Ribeira. Ambas, por cuestións alleas ao Goberno galego, xa que están pendentes unicamente da posta a disposición dos terreos, que é unha competencia exclusiva dos concellos.
Das 20 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) proxectadas, 9 están xa en construción. Son as de Arzúa, Ponte do Porto (Camariñas), Carral (Abegondo-Carral), Fisterra, Aríns (Santiago), Palmeiro (Xove), Carrás (Carballiño), Baiona e Catoira. Outras 5 están adxudicadas e próximas ao comezo das obras. Son as de Chanteiro (Ares-Fene-Mugardos), Gandarío (Bergondo), Esteiro (Muros), Corme (Ponteceso) e Ribadeo. Ademais, está en licitación a EDAR de As Pontes, e outras 3 serán licitadas nas próximas semanas: O Grove, Malpica e Santa Comba.
O Plan de Saneamento Integral incluía, tamén, a construción doutras 7 depuradoras, cun investimento previsto de 34 millóns de euros.
Destas 7 depuradoras, a de Razo (Carballo) está en construción. As de Baldaio (Carballo) e Bandeira (Silleda) están en licitación. E as de Camelle (Camariñas), Corrubedo (Ribeira), Barrantes (Ribadumia) e Forxán (Foz) licitaranse nas próximas semanas.
Para o total das 27 novas estacións depuradoras os orzamentos do 2009 contemplan partidas por valor de 48,2 millóns de euros.
A depuración das augas residuais complétase co Plan de Saneamento das Rías galegas, no que destaca a construción da EDAR da cidade de Vigo que estará en construción a finais do próximo ano. A obra hidráulica máis sobranceira de Galicia e que contribuirá a resolver o problema de contaminación da ría de Vigo. A este proxecto, que ten un custo de 234 millóns de euros, contará en 2009 con 80 millóns de euros dos orzamentos do Estado e 5 millóns de euros da Consellería de Medio Ambiente.
O ano 2009, será tamén no que funcione a pleno rendemento a Rede de Control Ambiental das Augas e dos Ecosistemas terrestres. Esta iniciativa permitiu aumentar a 388 puntos de control -fronte aos 48 existentes en 2005- en encoros, zonas de auga costeiras, subterráneas, superficiais e os ecosistemas terrestres, continuando coa aposta de Medio Ambiente polo control ambiental. Si a esta rede se lle suman as estacións de control e medición de MeteoGalicia e as da Rede de Calidade do Aire, resulta que Galicia conta neste momento con 474 puntos de recollida e análise de datos ambientais.
O conselleiro incidiu tamén na continuación do Programa de Mellora das Infraestruturas Hidráulicas nos núcleos rurais, que estará dotado con 30 millóns de euros.
Conservación da Natureza
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é a área que máis aumentará o seu orzamento, pasando de case 15 millóns de euros a preto de 18, o que supón unha suba do 14,6 por cento e 3,2 millóns máis que en 2008.
A valorización da natureza que pretende a Consellería de Medio Ambiente pasa pola mellora das condicións de vida dos habitantes dos parques naturais de Galicia e da Rede Natura 2000. A isto contribuirá a posta en valor dos Plans Reitores de Uso e Xestións (PRUX) e dos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) destas zonas, así como o incremento de axudas para zonas de Rede Natura que en 2009 dobrarán o seu orzamento chegando a 1,4 millóns de euros. Estas iniciativas completaranse coa programa de desenvolvemento sostible para os espazos protexidos, que terá 700.000 euros de inversión.
Ademais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas contará cun orzamento de 1,5 millóns, que non inclúe os investimentos do Ministerio de Medio Ambiente na mellora de infraestruturas e servizos.
A xestión dos parques naturais verase reforzada coa construción do centros de interpretación de Fragas do Eume, así como o de Galicia e o do Parque Nacional de Illas Atlánticas e o equipamento dos centros existentes, que suman un investimento total de 16 millóns de euros.
Unha das actuacións máis singulares nesta área é a creación da Rede de Camiños Naturais de Galicia, que conta cun orzamento de 7 millóns de euros e executará máis de 750 quilómetros de sendas naturais. O próximo ano está prevista a execución dos dous primeiros tramos do Camiño da Vía Nova (Celanova-Bande e Bande-O Xurés), e o segundo tramo do Camiño do Interior (Serra da Lastra-PN O Invernadoiro), cun investimento total de 1,7 millóns de euros.
Calidade e Avaliación Ambiental
Avanzar na optimización da xestión de todos os residuos que se producen en Galicia e no control ambiental, buscando previr, reducir e controlar calquera tipo de contaminación, serán os obxectivos prioritarios da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
A posta en marcha das medidas previstas no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2007-2017 fomentará a prevención e redución da produción, con accións formativas e informativas, o avance na xestión integral dos residuos, coa ampliación das infraestruturas ambientais de tratamento e a implantación de mecanismos máis eficientes de recollida e tratamento, entre outras. A execución do Plan ten un orzamento previsto de 6,8 millóns de euros, dos que a metade destinaranse a infraestruturas.
O control ambiental que pretende Medio Ambiente plásmase no funcionamento da Rede de Control da Calidade do Aire que, segundo afirmou Manuel Vázquez, pasou de ser un servizo anecdótico para converterse nunha ferramenta que diariamente aporta índices de calidade do aire de cada cidade galega. Nesta lexislatura renováronse as estacións de control existentes e se crearon catro novas, que se verán reforzadas coa instalación en 2009 dunha nova estación no interior de Ourense.
O próximo ano contémplase a posta en marcha dunha serie de medidas dirixidas a mellorar a avaliación ambiental. Unha das accións máis significativas é fomentar a introdución nas empresas de novas tecnoloxías dirixidas á prevención e redución da contaminación ambiental, proxecto para o que está previsto un orzamento de 9,4.
Ademais, SOGAMA ten prevista a entrada en funcionamento da Planta de Pretratamento do Vertedoiro de Areosa no primeiro trimestre de 2009. Estas instalacións permitirán a recuperación de materiais férricos e aluminio, cun investimento total estimado de 2,5 millóns de euros.
Desenvolvemento Sostible
Os proxecto de sostibilidade ambiental contarán no 2009 cuns orzamentos de 12,4 millóns de euros, que se incrementaron nun 11,6 por cento respecto a 2008.
Entre as prioridades desta dirección xeral figura a potenciación do servizo meteorolóxico de Galicia, MeteoGalicia, cun orzamento previsto de case 3,7 millóns, un aumento do 107 por cento respecto a este ano. Deste xeito, vaise poñer en marcha un novo radar que vai permitir ampliar e mellorar a predición meteorolóxica con moi diversas aplicación e se converter nun dos servizos de predición máis potentes e precisos de España.
MeteoGalicia conta actualmente con 71 estacións repartidas por todo o territorio, das cales 11 se instalaron dende 2005.
Secretaría Xeral
A Consellería de Medio Ambiente continuará apoiando a posta en marcha de iniciativas ambientais e o fomento dos colectivos ambientais cun investimento de 4,1 millóns de euros.