A Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh) asumirá a xestión e explotación da estación de augas residuais (Edar) dos Praceres, na cidade de Pontevedra. Así se recolle nun convenio que subscribirán a propia administración hidráulica, a Consellería de Medio Ambiente e o Concello pontevedrés, cuxa sinatura autorizou hoxe o consello da Xunta.
Con esta medida, perséguese acadar unha explotación íntegra e conxunta de todas as instalación coas que conta a planta, que foi construída en dúas fases. A primeira, concluíu en 1993 e as súas instalacións están actualmente xestionadas polo Concello de Pontevedra a través dun concesionario, a empresa Aquagest. A segunda fase da depuradora, consistente na súa ampliación, está rematada dende o ano 2005, pero non chegou a entrar en funcionamento. Por iso, a asunción da xestión da depuradora contribuirá a mellorar a calidade das augas da ría de Pontevedra, que foi declarada zona sensible a efectos do tratamento de augas residuais e incluída no Plan de Saneamento de Galicia 2000-2015.
Así, a sinatura deste acordo implicará que o Concello de Pontevedra cederá á Eposh o contrato de xestión indirecta do servizo de depuración das augas residuais da Edar dos Praceres, cuxo concesionario é a empresa a Aquagest. Pola súa banda, a empresa pública asumirá a xestión e o correspondente financiamento das instalacións construídas e vinculadas á depuradora. O custo derivado desta actuación ascende a 6.754.357 euros polo prazo que resta para o remate da concesión do servizo da depuración ao seu actual concesionario, que conclúe en febreiro de 2017. A contía repartirase do seguinte xeito: 461.080,38 euros este ano; de 2008 a 2016, 686.915,65 € cada exercicio; e 111.035 € en 2017.