Lexislación ambiental

 
Busca Avanzada
Base de datos de LEXISLACIÓN AMBIENTAL versión castelán
ORDE DO 15 DE XUÑO DE 2006 POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 174/2005, DO 9 DE XUÑO, POLO QUE SE REGULA O RÉXIME XURÍDICO DA PRODUCIÓN E XESTIÓN DE RESIDUOS E O REXISTRO XERAL DE PRODUTORES E XESTORES DE RESIDUOS DE GALICIA.
DATA Xoves, 15 de Xuño do 2006
ORGANISMO CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
PUBLICACIÓN DOG, Luns, 26 de Xuño do 2006, Nº 121, páx. 10174
   
DESCARGAS:   O15062006.pdf (Galego) (doc. *.pdf de 25 KB)
 o15062006.pdf (Castelán) (doc. *.pdf de 26 KB)
Orde do 15 de xuño de 2006 pola que se desenvolve o Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.
 
  O Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, establece o órgano administrativo competente para outorgar as autorizacións reguladas nel, pero garda silencio sobre o órgano competente para acordar a inscrición das actividades suxeitas a este réxime de control administrativo.
 
  Pola súa parte, o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, atribúe a competencia para a tramitación das autorizacións de xestores e produtores de residuos na Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pero tampouco prevé o órgano competente para acordar a inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.
 
  Por iso é de aplicación a previsión contida no parágrafo terceiro do artigo 12 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, polo que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que establece a quen corresponde a facultade para instruír e resolver os expedientes atribuídos a unha administración, cando non especifica o órgano que debe exercela, neste suposto entenderase que corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio.
 
  A facultade para ditar as disposicións precisas para desenvolver o contido do Decreto 174/2005, do 9 de xuño, corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, de acordo coa atribución da súa disposición derradeira. Na súa virtude e de acordo co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
 
  DISPOÑO:
 
  Artigo único
 
  1. O órgano competente para coñecer e resolver os procedementos administrativos das actividades de produción e xestión de residuos suxeitos a réxime de notificación no Decreto174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia é a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible correspondente ao lugar onde se realiza a actividade suxeita a inscrición.
 
  2. No caso de que unha mesma empresa realice a súa actividade en distintas provincias, o órgano competente para coñecer e resolver os procedementos será a delegación provincial onde teña a sede social a empresa notificante. Neste suposto, no caso de que a sede social da empresa non radicase na comunidade autónoma de Galicia, o órgano competente para coñecer e resolver o procedemento será a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
 
  Disposición derradeira.- Esta orde entrará en vigor aos vinte días seguintes á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
 
  Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2006.
 
  Manuel Vázquez Fernández
  Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvento Sostible