Libro Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Proxección das emisións resultantes coa aplicación das medidas do Plan


A consideración dun escenario que contemple todas as accións contidas no Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático e a elaboración da proxección das emisións asociadas en confrontación coa proxección do escenario tendencial, permite apreciar o cambio de tendencia nas emisións de GEI que o Goberno galego pretende conseguir.

A representación das proxeccións de emisións dos distintos sectores amosa, polo xeral, unha estabilización das emisións. No caso da redución derivada das accións de mellora de eficiencia enerxética que leven consigo unha diminución do consumo de enerxía eléctrica, asúmese a dita redución no sector onde se produce a acción, é dicir, no sector difuso.

A proxección do escenario do Plan Galego, polo que respecta ao sector residencial e institucional/comercial, amosa unha redución media de 0,335 Mt CO2eq ano-1 con respecto ao escenario tendencial, ata chegar no ano 2012 a un nivel de emisións un 14,13% por debaixo das emisións do mesmo sector no ano 2007 [F 24].

Dado o notable incremento das emisións asociadas ao transporte previsto no escenario tendencial, o programa de mitigación contempla unha importante redución neste sector [F 25]. Estímase un descenso medio fronte ao escenario tendencial de 1,014 Mt CO2eq ano-1, o que conducirá a un nivel de emisións de GEI no ano 2012 un 1,75% menor que as emisións do ano 2007.

No caso do sector industrial, a redución media prevista con respecto ao escenario tendencial é de 0,297 Mt CO2eq ano-1, o que sitúa as emisións da industria en Galicia no 2012 un 8,21% por riba das emisións do ano 2007 [F 26]. Debe terse en conta que o efecto do programa de mitigación sobre este sector está condicionado pola achega a este das emisións procedentes das instalacións industriais sometidas á Lei 1/2005 (sector Directiva). Para estas industrias, o presente programa de mitigación non contempla accións de redución nos seus correspondentes procesos produtivos.

O sector agrícola e gandeiro é o único que presenta un descenso nas emisións de GEI na súa proxección tendencial [F 27]. As accións incluídas no programa de mitigación conseguen reducir, fronte á proxección do escenario tendencial, unha media de 0,052 Mt CO2eq ano-1, o que representa un descenso do 5,04% fronte ao 3,08% que prevía o escenario tendencial.

A aplicación do programa de mitigación no tratamento e eliminación de residuos xera un descenso medio de emisións de GEI respecto ao escenario tendencial de 0,102 Mt CO2eq ano-1, o que representa para todo o quinquenio unha diminución do 18,95% con respecto ao ano 2007 [F 28].

A representación da proxección do escenario que contempla o conxunto do Plan Galego fronte ao Cambio Climático con respecto ao escenario tendencial amosa a redución total de emisións que comporta o programa de mitigación. Para o período 2008–2012, o dito programa contempla unha diminución total de 9,00 Mt CO2eq (1,80 Mt CO2eq ano-1), distribuído de xeito que os maiores esforzos se concentran nos últimos anos do quinquenio, en parte como consecuencia do carácter acumulativo de varias das accións deseñadas no presente Plan [F 29]. A proxección do escenario do Plan Galego sitúa as emisións de GEI no ano 2012 en 2,35 Mt CO2eq por riba do nivel de 2007, o que representa un aumento do 37,1% con respecto ao ano base e cumpre co obxectivo español.

Este escenario tendencial está calculado coas emisións brutas e, polo tanto, non se descontan as emisións procedentes da enerxía eléctrica exportada. [F 30]

Como se mencionou no apartado «Delimitación de obxectivos », o obxectivo de redución de emisións difusas que adquire Galicia, ascende a 12,25 Mt CO2eq ao longo do quinquenio 2008–2012, o que corresponde a unha redución media anual de 2,45 Mt CO2eq ano-1. En consecuencia, o esforzo inicial que representa o programa de mitigación supón un 73,5% da diminución necesaria para acadar este valor. As 3,25 Mt CO2eq (0,65 Mt CO2eq ano–1) restantes deberán provir de accións adicionais a este programa inicial de mitigación, que serán desenvolvidas pola propia Xunta de Galicia, as administracións locais, as deputacións, outras administracións públicas, as empresas, así como os cidadáns. [F 31]

A distribución dos esforzos de redución entre os distintos sectores amosa que a maior contribución provén do sector do transporte e do sector residencial e institucional/ comercial, que constitúen o 56,4% e o 18,6% do total, respectivamente [F 32].

A representación da contribución de cada un dos sectores, tanto á redución total como á asociada dentro do programa de mitigación, mostra, como se mencionou anteriormente, unha maior diminución das emisións nos últimos anos de vixencia do Plan [F33, F 34].

gráfico F24
[F 24]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático das emisións asociadas ao sector residencial e institucional/comercial
Fonte: Elaboración propia


gráfico F25
[F 25]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático das emisións asociadas ao sector transporte
Fonte: Elaboración propia


gráfico F26
[F 26]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático das emisións asociadas ao sector industrial
Fonte: Elaboración propia


gráfico F27
[F 27]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático das emisións asociadas ao sector agrícola e gandeiro
Fonte: Elaboración propia


gráfico F28
[F 28]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao cambio climático das emisións asociadas a tratamentos e eliminación de residuos
Fonte: Elaboración propia


gráfico F29
[F 29]: Proxección do escenario tendencial e o escenario do Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático
Fonte: Elaboración propia


gráfico F30
[F 30]


gráfico F31
[F 31]


gráfico F32
[F 32]: Contribución relativa de cada un dos sectores á redución total de emisións do programa de mitigación
Fonte: Elaboración propia


gráfico F33
[F 33]: Proxección da contribución de cada un dos sectores á redución total de emisións de GEI contempladas no programa de mitigación
Fonte: Elaboración propia


gráfico F34
[F 34]: Contribución de cada un dos sectores á redución asociada ao programa de mitigación
Fonte: Elaboración propia
Cargando...