Considérase sumidoiro de GEI calquera proceso, actividade ou mecanismo que absorba un gas de efecto invernadoiro da atmosfera. No noso planeta, teñen capacidade para captar carbono os océanos, os bosques e o solo, aínda que o Protocolo de Kioto soamente considera como sumidoiros as actividades humanas directamente relacionadas co uso da terra, o cambio de uso desta e a silvicultura. No artigo 3.3 do dito Protocolo, limítanse estas actividades á forestación, reforestación e deforestación dende 1990, e as nacións están obrigadas a informar sobre elas. No artigo 3.4, contémplase a posibilidade de que se poidan contabilizar prácticas adicionais ás anteriores. O Goberno español decidiu contabilizar as reducións derivadas do manexo forestal e agrícola.
A captación de CO2 polos sumidoiros de carbono xa foi computada por España dentro da senda de cumprimento do Protocolo de Kioto definida no Plan de Asignación 2008–2012, establecendo unha redución máxima nun 2% das emisións do ano base, o que equivale a 5,79 Mt CO2eq ano–1, das que como máximo 0,67 Mt CO2eq ano–1 de fixación de CO2 proceden do manexo agrícola e forestal. En consecuencia, as accións de fixación de carbono recollidas neste programa, aínda que son responsables dunha diminución da concentración de dióxido de carbono na atmosfera, non poden sumarse ao resto de accións de redución deste Plan por estaren xa contabilizadas na Estratexia Española do Cambio Climático e Enerxía Limpa, e, polo tanto, contempladas no proceso de definición do obxectivo de redución do presente programa de mitigación (ver apartado «Delimitación de obxectivos»).
As formacións vexetais desempeñan un papel decisivo no ciclo global do carbono, xa que absorben CO2 mediante a fotosíntese e sintetizan azucres que acumulan na biomasa e no solo. As masas arbóreas poden, non obstante, actuar como fontes emisoras de GEI como acontece no caso dos incendios forestais ou da corta de bosques co fin de liberar terras para uso agrícola. Pola contra, se a corta conduce ao aproveitamento da madeira para a fabricación de mobles, construción, obxectos ornamentais, etc., o carbono permanece fixado nos produtos derivados do bosque durante o seu ciclo de vida. Outra forma de reducir emisións consiste en empregar a madeira para substituír outros produtos fabricados con materias primas procedentes de recursos non renovables ou como biocombustible. Neste caso, o carbono devolto á atmosfera foi previamente retirado pola árbore, o que supón unha diferenza clara coa utilización de combustibles fósiles cuxa combustión emite un carbono almacenado nun compartimento xeoquímico de longo tempo de residencia.
En resumo, os distintos usos da madeira constitúen unha importante fonte de almacenamento de carbono, especialmente no caso de Galicia onde 1.405.452 ha9 (o 47,5% da superficie total da Comunidade) é monte arborizado cunha capacidade de captación de 4,46 Mt CO2eq ano–1. Porén, considérase que a maior parte do carbono almacenado polos bosques atópase nos solos. Segundo distintas fontes, o solo dos bosques constitúe un sumidoiro permanente que almacena a través da formación e descomposición da materia orgánica entre 1,5 e 2,5 veces máis carbono que a vexetación. O programa de mitigación contempla a realización dun estudo sobre a capacidade de captación do solo en Galicia que permita a determinación do potencial integral de absorción de CO2 dos bosques galegos.
A continuación, detállase a medida de aumento da fixación de carbono en sumidoiros contemplados no presente programa de mitigación.
Medida de aumento da fixación de carbono
Mecanismos de compensación
¿Qué é o cámbio climático? 

