Libro Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Proxección do escenario tendencial


A proxección do escenario tendencial de emisións de GEI en Galicia toma como punto de partida os valores de emisións de GEI históricos e aplica para os distintos sectores criterios fundamentados na situación actual e a prevista para Galicia en termos de proxeccións demográficas, demanda enerxética, consumos e tendencias económicas, entre outros. A partir desta información, realizouse un estudo da evolución dos distintos sectores emisores de gases de efecto invernadoiro e das tendencias que lles afectarán nos próximos anos de cara á definición da proxección de emisións de GEI para Galicia no período 2008–2012.

Os datos que achegan as proxeccións permiten cuantificar o impacto futuro das emisións de GEI e valorar a efectividade das políticas de redución, ademais de constituír unha importante fonte de información de utilidade para tomar decisións en relación coa redución de emisións.

Unha cuestión fundamental tocante á elaboración das proxeccións é a definición dos escenarios. Un escenario consiste nun conxunto de cxonsideracións acerca de factores socioeconómicos, tecnolóxicos, lexislativos e políticos que constitúen o punto de partida a partir dos cales se calculará a proxección das emisións.

O primeiro dos escenarios que se define neste programa de mitigación é o denominado escenario tendencial que reflicte a continuidade dos comportamentos observados ata o momento, e soamente recolle as melloras tendenciais que non requiran a adopción de novas medidas de carácter institucional.

Para a elaboración do escenario tendencial, realizouse unha extrapolación das emisións históricas corrixida coas previsións de crecemento económico en Galicia7 para os distintos sectores. Ademais, no caso do sector da produción de enerxía tívose en conta a posta en funcionamento durante o ano 2008 de dúas novas centrais de xeración de enerxía eléctrica de ciclo combinado e a substitución total do lignito autóctono por hulla e carbón subbituminoso de importación nas centrais térmicas dende o día 1 de xaneiro de 2008.

A proxección do escenario tendencial [F 12] mostra que, no período 2008–2012, producirase un incremento medio nas emisións de 1,064 Mt CO2eq ano-1, o que supón un crecemento do 14,39% no quinquenio. Deste xeito, no ano 2012 as emisións de GEI situaranse 5,32 Mt CO2eq por riba do nivel do ano 2007, o cal representa un aumento dun 47,5% respecto ás emisións do ano base.



gráfico F12
[F 12]: Proxección do escenario tendencial
Fonte Elaboración propia

En todos os sectores prevese un incremento nas emisións de GEI ao longo do quinquenio 2008–2012, agás no sector primario. Os maiores aumentos porcentuais corresponden á xeración de enerxía e ao transporte. No primeiro deles, estímase un ascenso medio de 0,532 Mt CO2eq no quinquenio en parte motivado pola introdución de dúas centrais de ciclo combinado, que provocarán un aumento da produción de enerxía eléctrica e, por conseguinte, un aumento das emisións de GEI dun 16,85% con respecto ao ano 2007 [F 13].



gráfico F13
[F 13]: Proxección do escenario tendencial, sector enerxético
Fonte Elaboración propia

Polo que respecta ao sector residencial e institucional/ comercial [F 14], o incremento tendencial previsto ao longo do período 2008-2012 representa un 4,13%, o que constitúe un aumento medio das emisións de 0,025 Mt CO2eq ano-1.



gráfico F14
[F 14]: Proxección do escenario tendencial, sector residencial institucional/comercial
Fonte Elaboración propia

No caso do sector do transporte [F 15], a extrapolación da evolución das emisións leva consigo un crecemento no quinquenio 2008-2012 dun 22,00% con respecto ao ano 2007, polo que se estima un incremento medio anual das emisións de GEI asociadas a este sector de 0,320 Mt CO2eq ano-1.



gráfico F15
[F 15]: Proxección do escenario tendencial, sector de transportes
Fonte Elaboración propia

A proxección das emisións de GEI do sector industrial [F 16] experimenta un ascenso medio de 0,204 Mt CO2eq ano-1 ao longo do quinquenio de vixencia do presente plan, o que supón un aumento dun 15,85% con respecto ao 2007.



gráfico F16
[F 16]: Proxección do escenario tendencial, sector industrial
Fonte Elaboración propia

O sector primario (agricultura e gandaría) é o único cuxas proxeccións tendenciais das emisións experimentan un lixeiro descenso [F 17]. Prevese unha redución no quinquenio dun 3,08%, o cal representa unha diminución media de 0,022 Mt CO2eq ano-1.



gráfico F17
[F 17]: Proxección do escenario tendencial, sector da agricultura e gandaria
Fonte Elaboración propia

No caso das emisións derivadas do tratamento e eliminación dos residuos [F 18], o incremento tendencial previsto ao longo do período 2008-2012 representa un 4,45%, o que supón un aumento medio das emisións de 0,005 Mt CO2eq ano-1.


Cargando...