Libro Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Emisións brutas, netas e exportadas


Galicia ten unha gran capacidade de transformación enerxética, que representa un 10% de toda a enerxía primaria do Estado. Isto vese reflictido en que as emisións de gases GEI na nosa Comunidade procedentes da xeración eléctrica foron durante o período 1990–2006 o sector que máis contribuíu ás emisións totais, representando no ano 2006 o 41,7%. Non obstante, cómpre sinalar que Galicia é unha das comunidades que produce máis enerxía en relación coas súas necesidades, exportando unha parte importante da electricidade final xerada.

A diferenza entre as emisións procedentes da totalidade da enerxía xerada en Galicia e as emisións correspondentes á exportación enerxética fóra da nosa Comunidade constitúe as emisións netas ou emisións debidas á xeración en Galicia dunha cantidade de enerxía eléctrica igual á demandada pola actividade económica e social no noso territorio. Como media, o 14,7% das emisións totais de GEI en Galicia corresponderon á produción de enerxía consumida fóra da Comunidade galega durante o período 1990–2006. Os gráficos 10 e 11 [F 10, F 11] amosan a evolución das emisións brutas, exportadas e netas ao longo do período 1990–2006.


gráfico F10
[F 10]: Evolución das emisións brutas, netas e exportadas (1990–2006)
Fonte Elaboración propia


gráfico F11
[F 11]: Contribución das emisións netas e exportadas ás emisións brutas (1990-2006)
Fonte Elaboración propia

As emisións netas de GEI en Galicia ascenderon un 22,6% con respecto ás emisións netas do ano base. Cabe salientar que o aumento das emisións exportadas durante o período 1990–2006 non é proporcional ao aumento da enerxía exportada. Isto é debido á mellora do factor de emisión de gases GEI asociado á produción eléctrica en Galicia consecuencia da introdución de enerxías renovables e das melloras nos procesos de xeración de enerxía incorporadas polas empresas que operan no noso territorio.


Cargando...