A cuantificación do compromiso de redución de emisións difusas que adquire Galicia para o período 2008–2012 parte do obxectivo básico definido polo Goberno de España no Plan Nacional de Asignación 2008–2012. Segundo este plan, as emisións de GEI de España non deben aumentar en máis dun 37% con respecto ás emisións do ano base.
A proxección das emisións totais de GEI de España para o quinquenio 2008–2012 apuntan a un crecemento dun 50% respecto ao ano de referencia, o que representa unha diferenza do 35% (101,02 Mt CO2eq ano-1) en relación ao obxectivo fixado polo Protocolo de Kioto (15%). Coa finalidade de resolver este desaxuste, o Goberno de España prevé compensar 57,87 Mt CO2eq ano-1 (20% das emisión do ano base) mediante a adquisición de créditos de carbono e 5,79 Mt CO2eq ano-1 (2% das emisións do ano base) a través da absorción por sumidoiros de carbono. As restantes 37,36 Mt CO2eq ano-1 constitúen a tarefa adicional de redución que as administracións central, autonómicas e locais, as empresas e os particulares deben asumir co fin de cumprir o compromiso de redución fixado por España. Os esforzos deben centrarse nos sectores difusos, xa que a proxección do reparto no inventario nacional para o período 2008–2012 reflicte un crecemento medio sobre o ano base dun 65% para o sector difuso fronte a un 37% no sector directiva. Ademais, este sector ten establecido o seu esforzo redutor a través do Plan Nacional de Asignación 2008–2012.
Unha vez fixado o compromiso de redución adicional que precisa o Estado para cumprir os compromisos do Protocolo de Kioto, a aproximación metodolóxica seguida para a elaboración deste programa de mitigación consistiu no cálculo do obxectivo de redución de Galicia. Este obxectivo de redución de emisións de GEI debe ser proporcional á magnitude das emisións difusas de GEI de Galicia co respecto ao total de emisións difusas de España. O primeiro dato oficial sobre emisións difusas en Galicia corresponde ao ano 2005 [F 19], ano de inicio do comercio de dereitos de emisión. Galicia emitiu, no ano 2005, 18,34 Mt CO2eq polos sectores difusos. Nese mesmo ano, os ditos sectores emitiron en España 257,06 MtCO2eq. En consecuencia, as emisións difusas de Galicia representan o 7,1% das emisións difusas estatais.
Porén, o sector difuso de Galicia presenta a peculiaridade de albergar o único centro de produción de alumina e dúas das tres instalacións de fabricación de aluminio primario de España. En consecuencia, Galicia asume dentro das súas emisións difusas de GEI aquelas derivadas da fabricación dun ben que se consume na súa maior parte fóra da Comunidade Autónoma. Para o cálculo do obxectivo de redución de emisións difusas en Galicia, considérase que do total de emisións de GEI xeradas polo sector da alumina e o aluminio, Galicia debe asumir as correspondentes á contribución do sector industrial galego ao sector industrial español, que é do 5,1%. É dicir, das 1,57 Mt CO2eq emitidas polo sector da alumina e o aluminio no ano 2005, atribúense a Galicia 0,08 Mt CO2eq. Como resultado final do cálculo, as emisións difusas atribuíbles a Galicia son 16,85 Mt CO2eq, o que representa o 6,56% das emisións difusas de España.
Partindo da base de que o obxectivo do presente programa de mitigación debe ser coherente coa contribución de Galicia ás emisións difusas de España, conclúese que o conxunto das accións de redución de emisións desenvolvidas en Galicia deben representar o 6,56% do esforzos encamiñados á redución das 37,36 Mt CO2eq ano-1 necesarias para o cumprimento do Protocolo de Kioto por parte do Estado. Isto supón que Galicia debe contribuír cun compromiso de redución de 2,45 Mt CO2eq ano-1 ao longo do período 2008–2012. Este compromiso que debe ser asumido por todos os colectivos: administracións, empresas e particulares.
O programa de mitigación do presente Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático representa o compromiso inicial da Xunta de Galicia á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Este programa inicial deberá complementarse coas accións impulsadas e apoiadas dende o Goberno galego que deberán desenvolver os propios cidadáns, as administracións locais, as deputacións e outras administracións públicas, así como as empresas para reducir as emisións difusas do noso país.
Obxectivo
Galicia debe contribuír cun compromiso de redución de
2,45 Mt CO2eq ano-1 ao longo do periodo 2008–2012.
[F 19]: Emisións sector Directiva e difusas 2005
Fonte: Elaboración propia
¿Qué é o cámbio climático? 

