Para facer fronte aos efectos deste fenómeno global é preciso realizar, no ámbito autonómico, unha serie de actuacións coordinadas e programadas no tempo, que enmarcadas no cumprimento do Protocolo de Kioto, axuden a conseguir os obxectivos propostos, tanto pola Unión Europea como polo Estado español.
Con este propósito, elabórase o presente Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático, que consta de catro programas:
O programa de mitigación constitúe a resposta do Goberno galego en materia de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Comprende a diminución das emisións procedentes dos sectores difusos (emisións non sometidas á Lei 1/2005, que regula o réxime de comercio de emisións de gases de efecto invernadoiro) a través das medidas que se están a desenvolver na nosa Comunidade co fin de contribuír ao cumprimento do obxectivo español de redución de emisións para o período 2008–2012.
O programa de mitigación complétase co estudo das proxeccións de emisións de gases de efecto invernadoiro para o quinquenio 2008–2012 no que se confrontan dous escenarios. O primeiro deles denominado tendencial, reflicte a evolución das emisións no caso de que non se apliquen medidas de redución de emisións adicionais ás xa existentes na actualidade. O segundo escenario defínese a partir da consideración das accións propostas no programa de mitigación. A diferenza existente entre as dúas proxeccións constitúe a redución asociada ao programa de mitigación.
O programa de avaliación de impactos e adaptación. O obxectivo principal deste programa é establecer as medidas necesarias para a adaptación da nosa sociedade aos cambios previsibles nos sistemas naturais, económicos e sociais potencialmente afectados no país, coa finalidade de reducir os impactos negativos identificados e de aproveitar as oportunidades que se puideran derivar do propio cambio. Nun primeiro paso, é necesario avaliar as evidencias do cambio climático, así como os seus impactos previsibles sobre os ecosistemas naturais de Galicia e, unha vez estudados estes impactos, deseñar as correspondentes medidas de adaptación. Esta fase inicial lévase a cabo mediante o vixente proxecto CLIGAL (http://www.siam– cma.org/cligal/inicio.do) a través do traballo de case un cento de investigadores de todas as universidades e centros públicos de investigación de Galicia.
O programa de observación e investigación sobre cambio climático baséase en dúas liñas de actuación principais. En primeiro lugar, a constitución da Rede Galega de Observación Ambiental, formada por un conxunto de estacións de observación, que realizará un seguimento a longo prazo dos cambios na estrutura e función dos ecosistemas terrestres e acuáticos, tanto continentais coma mariños, máis representativos de Galicia. A información derivada desta rede de observación permitirá avaliar a incidencia do cambio climático sobre estes ecosistemas. En segundo lugar, a introdución do cambio climático como liña prioritaria de investigación no vixente Plan Galego de I+D+i, o que facilita o financiamento de proxectos de investigación neste eido.
Finalmente o programa de educación, información e cooperación sobre cambio climático execútase entre outras medidas mediante a posta en marcha do proxecto Climántica, desenvolvido inicialmente no ámbito escolar pero con vocación de estenderse aos distintos ámbitos profesionais empresariais e á cidadanía en xeral. Os obxectivos xerais do proxecto son os seguintes:
_Elaborar unidades didácticas globais estruturadas
baixo unha óptica interdisciplinaria, que sirvan de base
para programar múltiples contextos de Educación
Ambiental escolar e de educación non formal, que se
centren nos grandes problemas ambientais e as súas
relacións co cambio climático.
_Elaborar produtos didácticos secundarios máis concretos,
a partir do contido das unidades didácticas que
sirvan demodelo para concretar e contextualizar as unidades
globais.
_Desenvolver un modelo de educación ambiental colaborativo
a través da web.
_Enriquecer o currículo educativo con propostas de educación
ambiental achegando unha oportunidade de mellora
da calidade a partir de problemáticas actuais que
preocupan á sociedade.
O cuarto programa complétase coa elaboración e definición dos indicadores de cambio climático, a posta en marcha de proxectos de cooperación nos países en desenvolvemento mediante os mecanismos de desenvolvemento limpo (MDL) e a execución de proxectos que favorezan a innovación, a adaptación ao cambio climático e a transferencia de tecnoloxías que minimicen as emisións.
¿Qué é o cámbio climático? 

