O clima defínese coma a síntese das
condicións meteorolóxicas dunha zona xeográfica
durante un período de tempo dado. Aínda que a meteoroloxía
varía continuamente, o clima é independente dos estados
meteorolóxicos illados e, nun lugar determinado, permanece
practicamente constante durante longos períodos de tempo.
En síntese, o clima está gobernado pola radiación
de onda curta procedente do Sol. A Terra recibe unha cantidade de
radiación solar, parte da cal (un terzo, aproximadamente),
é reflectida cara ao exterior pola propia superficie terrestre
ou pola atmosfera. A radiación restante é capturada
pola superficie terrestre e polos compoñentes atmosféricos.
A radiación solar de onda curta non é absorbida polos
principais gases que forman parte da atmosfera. Non obstante, a radiación
de onda longa emitida pola superficie terrestre é absorbida
e posteriormente emitida por estes, quentando as capas baixas da atmosfera.
Ao aumentar a concentración atmosférica de gases de
efecto invernadoiro (GEI)1, prodúcese unha maior absorción
de radiación infravermella, que volve ser emitida á
Terra co conseguinte aumento das temperaturas sobre a superficie.
Este fenómeno denomínase Efecto Invernadoiro, proceso
causado polos GEI, é responsable do fenómeno do Cambio
Climático.
O fenómeno do cambio climático é un dos maiores
retos ambientais a que se enfronta na actualidade a nosa sociedade
debido ás súas implicacións sociais, económicas
e ambientais. Este reto é importante, non soamente pola intensidade
dos impactos prognosticados en diferentes estudos, senón tamén
pola extensión do fenómeno a escala planetaria, así
como polas implicacións que previsiblemente terá nos
modos de vida e métodos de produción.
¿Qué é o cámbio climático? 

