Libro Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático: un compromiso de Galicia coa humanidade


A loita fronte ao Cambio Climático é un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego. Trátase, sen dúbida, dun dos máis graves problemas cos que se enfronta a humanidade, e Galicia quere contribuír ao esforzo que se realiza a nivel mundial para paliar os seus efectos e trocar na medida do posible o rumbo dos acontecementos negativos que anticipan os informes científicos máis solventes.

A existencia do cambio climático de orixe antropoxénico é xa unha evidencia científica. Os investigadores do Panel Intergubernamental para o Cambio Climático de Nacións Unidas (IPCC) afirman que «o quentamento do sistema climático é inequívoco. Moi probablemente debido aos gases invernadoiro de orixe antropoxénico». Incrementos de temperatura media da atmosfera de 0,74 ºC e ascensos do nivel do mar de 10–20 cm ao longo do pasado século, son exemplos demostrativos do cambio ambiental global que o noso planeta está a experimentar.

As predicións que os informes científicos establecen sobre os impactos previsibles do cambio climático sobre os sistemas naturais e económicos son preocupantes. Porén, eses mesmos informes sinalan que aínda queda tempo para a reacción e que a adopción de medidas urxentes neste ámbito mitigará a severidade das consecuencias negativas deste fenómeno global.

Galicia, responsable do 0,12 % das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, adquire o compromiso de loitar contra o cambio climático de xeito solidario co resto dos pobos da terra. Consecuentemente, o Goberno galego elaborou o presente Plan de Acción fronte ao Cambio Climático, que constitúe a contribución de Galicia ao cumprimento dos compromisos adquiridos polo estado español no ámbito do Protocolo de Kioto. O Plan, froito do esforzo coordinado de todos os departamentos da Xunta de Galicia, articulase en torno a catro programas que abordan os eixes principais de actuación neste eido: a redución de emisións, a avaliación de impactos e adaptación ao cambio climático, a observación e a investigación e a educación, información e cooperación.

O presente Plan abrange as accións a desenvolver pola Xunta de Galicia e aspira a incorporar ao mesmo no futuro próximo ao resto das administracións públicas, ás empresas, aos colectivos sociais e, en definitiva, a tódolos cidadáns galegos a un compromiso activo.

O Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático é a culminación do traballo rigoroso e persistente dos últimos tres anos na procura damellora do coñecemento dos condicionantesmedioambientais da nosa comunidade autónoma, especialmente, aqueles de carácter global con incidencia nos nosos ecosistemas. Pero é, ao mesmo tempo, o comezo dun novo rumbo que nos dirixa a incrementar a protección dos recursos naturais, evitando ou, cando menos, mitigando posibles alteracións, que poidan chegar a ser incluso irreversibles.

A magnitude do problema ao que nos enfrontamos require unha resposta decidida e urxente por parte de tódolos pobos da terra. Este Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático é o primeiro compromiso de Galicia co resto da humanidade, un compromiso inaprazable.

Cargando...