|
Regulamento
do Organismo Autónomo Augas de Galicia, texto consolidado adaptado
ó Decreto 146/2003, do 6 de febreiro.
A
Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia,
crea no seu capítulo II o organismo autónomo Augas de Galicia e
configúrao como o elemento central da estructura organizativa que
se establece na mesma Lei para a policía e a administración dos
recursos hidráulicos e a execución das obras públicas
correspondentes.
Do exame dos preceptos legais resulta que a regulación que se efectúe
da entidade debe desenvolver un triple criterio: especialización
por razón da materia, organización territorial segundo as diversas
agrupacións de concas e demarcacións que como ámbitos de prestación
dos servicios hidráulicos se definen na lei e, finalmente, segundo
o principio declarado básico na propia Lei estatal de augas, a
participación dos usuarios.
Este regulamento dálle cumprimento ó mandato legal naqueles puntos
en que se ordenaba o seu posterior desenvolvemento regulamentario,
e, en particular, responde ós criterios sinalados con anterioridade.
O capítulo primeiro, dedicado á configuración do organismo,
desenvolve a posición legal de Augas de Galicia como un organismo
autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de
Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sen que esa
adscrición supoña máis limitacións á súa autonomía funcional,
cás derivadas das relacións ordinarias de tutela establecidas na
lexislación xeral aplicable ás entidades autónomas de Galicia.
Na regulación dos órganos de goberno e administración e de xestión,
aparece, de xeito destacado, a participación dos usuarios. Na Xunta
de Goberno, que co presidente constitúe a cúpula da estructura da
entidade, a representación dos usuarios supera o mínimo legal do
tercio de membros.
Para a devandita participación, o regulamento toma en consideración
os distintos tipos de usos en proporción á súa importancia dentro
do territorio de Galicia, garantindo, por unha parte, de forma
expresa, a participación dos usos de abastecemento de poboacións e
producción de enerxía eléctrica e de regadío cando proceda, e,
por outra banda, a representación territorial destes usuarios en
función das demarcacións territoriais que se delimitan.
Na distribución de funcións que se efectúa (artigos 13 e 15)
entre a xunta de Goberno e o presidente do organismo, prevalece o
criterio da singularidade ou xeneralidade das determinacións
correspondendo ó presidente, entre outros, os actos de administración
do dominio público hidráulico e o réxime administrativo da
entidade, e reservando para si ó órgano colexiado as materias de
contido xeral ou que requiran unha deliberación máis ampla, como
nas concernentes á planificación hidrolóxica e as de carácter
orzamentario ou que afecten ó réxime patrimonial do organismo.
Coa finalidade de adecua-las materias sometidas ó coñecemento da
Xunta de Goberno ó distinto grao de competencia que lle corresponde
exercer á Administración hidráulica de Galicia nunhas e noutras
concas, o regulamento desenvolve a previsión legal de constitución
das seccións territoriais permanentes no seo da propia Xunta,
establecéndose nos artigos 19 a 25 a súa composición e funcións
respectivas.
Como órganos de xestión, o regulamento dispón, no seu capítulo
terceiro, a constitución e composición das Comisións de
Desaugamento de Encoros e das Xuntas de Explotación con funcións
análogas ás tradicionais dos devanditos órganos na administración
hidráulica do resto do Estado.
Destaca na regulación das Comisións de Desaugamento de Encoros a
suxeición da súa actuación ás normas legais ou regulamentarias
(artigo 32) e a creación dun comité técnico para supostos de
excepcionalidade na adopción de decisións (artigo 35).
Teñen, asi mesmo, consideración de órganos de xestión os órganos
técnicos da administración hidráulica integrados no organismo, ós
cales se dedican os artigos 39 a 42. A súa actuación,
especializada, territorial e descentralizada, ó tempo, permitirá
unha maior aproximación ó administrado e a adecuada coordinación
co resto dos servicios do departamento.
Finalmente, o capítulo cuarto, establece as normas de funcionamento
dos diversos órganos colexiados, con suxeición ás normas comúns
de procedemento nesa materia e adoptando as disposicións especiais
que a diversa natureza e o contido das funcións respectivas duns e
doutros, parece facer aconsellable, para acada-la máxima
operatividade nas reunións.
Na súa virtude e en cumprimento do disposto na Lei 8/1993, do 23 de
xuño, e na autorización contida na súa disposición derradeira
segunda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, por
proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e
Vivenda, na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil
novecentos noventa e seis,
Regulamento para o desenvolvemento da Lei 8/1993, do 23 de xuño,
reguladora da administración hidráulica de Galicia coas modificacións
introducidas polo Decreto 146/2003, do 6 de febreiro
Capítulo I
Configuración do organismo
Artigo 1º
1. Augas de Galicia é un organismo autónomo de carácter
administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia dotado de plena
autonomía para o cumprimento das funcións que lle asigna a Lei
8/1993, reguladora da administración hidráulica de Galicia.
2. A súa actuación axustarase ó disposto na lei de creación, na
lexislación de augas e obras hidráulicas e, en canto á súa
actividade económica e financeira, ós preceptos da Lei 11/1992, de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e á lexislación
xeral sobre organismos autónomos que lle sexa de aplicación.
Artigo 2º
A entidade denominarase Augas de Galicia para tódolos efectos
oficiais e convencionais, rexistros públicos e identificación, dos
seus bens, instalacións e documentos.
Artigo 3º
Augas de Galicia disporá a instalación de dependencias nas
demarcacións territoriais a que se refiren os artigos 6.2º e 43.1º
e 2º deste regulamento, ou outras que se poidan establecer co
obxecto de lles dar cumprimento ás súas funcións propias.
Artigo 4º
1. Augas de Galicia ten personalidade xurídica e patrimonio
propios, independentes dos da Administración da Comunidade Autónoma
de Galicia, e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus
fins. En consecuencia, pode adquirir, posuír, reivindicar,
permutar, gravar ou executar calquera tipo de bens do seu
patrimonio, concertar créditos, celebrar contratos e explotar obras
e servicios, obrigarse, interpoñer recursos e executa-las accións
previstas polas leis.
2. A concertación de operacións de crédito suxeitarase ás
disposicións contidas na Lei 11/1992, de réxime financieiro e
orzamentario de Galicia, e contará coa intervención que sexa
preceptiva dos órganos da Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 5º
1. O titular da Consellería de Medio Ambiente exercerá as atribucións
derivadas da relación orgánica e funcional de adscrición da
entidade á devandita consellería
2. Nembargantes, Augas de Galicia poderase relacionar directamente
con outras consellerías ou organismos, así como con outras
administracións para o desenvolvemento das súas funcións propias.
Artigo 6º
1. Augas de Galicia exercerá as funcións que lle asigna o artigo
7.2º da Lei 8/1993.
2. Para os efectos establecidos no parágrafo anterior, o territorio
de Galicia queda dividido nas demarcacións hidrográficas que se
expresan:
-Demarcación de Galicia Norte, con sede na Coruña, que inclúe: as
concas dos ríos intracomunitarios vertentes ó Cantábrico, e a do
Eume, mesmo na parte que transcorre na provincia de Lugo, así como
tódolos concellos da Coruña ó norte da liña formada por:
Carballo, Cerceda, Carral, Abegondo, Cesuras, Oza dos Ríos, Aranga,
Monfero, As Pontes de García Rodríguez e Mañón, todas elas
inclusive.
-Demarcación de Galicia Centro, con sede en Santiago de Compostela,
que inclúe: os concellos da Coruña, agás os de Galicia Norte.
-Demarcación de Galicia Sur, con sede en Vigo, que inclúe: as
concas intracomunitarias dos ríos e vertentes ó Atlántico da
provincia de Pontevedra.
-Demarcación das Concas Intercomunitarias correspondentes á
provincia de Lugo, con sede en Lugo capital.
-Demarcación das Concas Intercomunitarias correspondentes á
provincia de Ourense, con sede en Ourense capital.
Capítulo II
Órganos de goberno e administración
Disposicións xerais
Artigo
7º
Son órganos de goberno de Augas de Galicia:
a) O presidente do organismo.
b) O director xeral.
c) A xunta de goberno».
Artigo 8º
Son órganos colexiados de xestión en réxime de participación as
Xuntas de Explotación e as Comisións de Desaugamento de Encoros
que se constitúan conforme ó disposto neste regulamento.
Artigo 9º
Son
órganos de administración de Augas de Galicia os departamentos
administrativos seguintes:
a) A Secretaría Xeral.
b) A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.
c) A Subdirección Xeral de Programación e Proxectos.
d) A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro
Artigo 10º
Os órganos de Augas de Galicia exercerán as súas funcións
atendendo ó diverso nivel de competencias que lle corresponde
exercer á administración hidráulica de Galicia nas concas hidrográficas
que integran o seu territorio.
Artigo 11º
Os órganos colexiados de goberno e de xestión axustarán a súa
composición, o seu funcionamento e o réxime dos seus acordos ás
normas comúns ou específicas que se establecen neste regulamento.
Supletoriamente rexerán as normas aplicables ó funcionamento dos
órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma.
O presidente
Artigo 12º
1. Será presidente de Augas de Galicia quen así sexa nomeado polo
Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio
Ambiente, entre os titulares dos órganos superiores da estructura
orgánica da dita consellería».
2. O presidente exerce a representación legal do organismo,
autoriza as accións e os recursos que lle corresponden en defensa
dos seus dereitos e exerce as funcións directivas e executivas.
Artigo 13º
1. Son atribucións do presidente:
a) Outorga-las autorizacións e concesións relativas ó uso e
aproveitamento do dominio público hidraulico e tamén as referentes
ó réxime de policía de augas e dos seus leitos e dos
aproveitamentos hidráulicos de competencia da Xunta de Galicia.
b) Aprobar definitivamente os proxectos de obras e instalacións e
decidi-la prestación dos servicios polo organismo en forma directa
ou mediante intervención da empresa pública de obras e servicios
hidráulicos.
c) Exerce-la dirección superior e a coordinación dos servicios do
organismo.
d) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do organismo.
e) Autoriza-los gastos e ordena-los pagamentos dentro dos créditos
aprobados.
f) Aplica-lo réxime económico financeiro de utilización do
dominicio público hidraulico, así como o resto das exaccións
atribuídas a Augas de Galicia.
g) Propoñer ó órgano competente o nomeamento dos titulares das
unidades administrativas que se regulan nos artigos 39 a 42 deste
regulamento.
h) Presidi-la xunta de goberno e os órganos colexiados de xestión
que se constitúan, e velar por que os seus acordos se axusten á
legalidade vixente.
i) Resolve-los recursos administrativos da súa competencia.
j) Ter coñecemento de calquera asunto que non estea atribuído á
competencia doutro órgano de Augas de Galicia.
2. As funcións e atribucións citadas no parágrafo anterior, coa
excepción da referida na letra h), podrán ser delegadas,
parcialmente ou na sua totalidade, no director xeral ou nun ou en
varios titulares das unidades administrativas ás que se refire o
artigo 39 deste regulamento.
3. O órgano de goberno referido no artigo 7.b) deste regulamento,
con rango de director xeral, configúrase como un órgano de apoio
ó presidente, e
será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do
conselleiro de Medio Ambiente.
O director xeral exercerá, ademais das funcións sinaladas
anteriormente, tódas aquelas que lle sexan expresamente delegadas
polo presidente do organismo».
A Xunta de Goberno
Artigo 14º
A Xunta de Goberno é o máximo órgano directivo colexiado de Augas
de Galicia no que están representados a Administración da Xunta de
Galicia, os usuarios da auga por diversos tipos de aproveitamento e
outros intereses relacionados coa política hidráulica.
Artigo 15º
1. Son funcións da Xunta de Goberno:
a) Propoñe-los plans de actuación do organismo.
b) Elevarlle ó Consello da Xunta, a través da Consellería de
Medio Ambiente, o plan hidrolóxico das concas internas e as súas
ulteriores revisións.
c) Eleva-lo anteproxecto dos orzamentos do organismo á Consellería
de Medio Ambiente, para a súa integración no anteproxecto de
orzamentos anuais».
d) Emitir informe sobre os proxectos de concertación de operacións
de crédito.
e) Adoptar, de conformidade coa normativa vixente, os acordos
relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio de Augas
de Galicia, así como informar e propoñer con carácter previo os
actos de desafectación de bens do dominio público hidráulico.
f) Emitir informes sobre cuestións de interese xeral en materia de
augas e sobre as relativas á mellor ordenación, explotación e
tutela do dominio público hidráulico, incluídas as medidas de carácter
excepcional.
g) Coñecer calquera outra cuestión que se lle atribúa por estes
estatutos ou lle sexa encomendada por outras normas legais ou
regulamentarias.
2. Para os efectos da letra a) do apartado anterior, entenderase por
plans de actuación do organismo o conxunto das directrices xerais
deste en materia de política hidráulica.
Artigo 16º
1. A Xunta de Goberno reunirase en pleno ou por seccións.
2. A Xunta de Goberno consta de dúas seccións permanentes:
a) Sección Galicia-Costa.
b) Sección Concas Intercomunitarias.
3. Por acordo do Pleno da Xunta de Goberno pódense constituír
seccións temporais encargadas do seguimento, estudio e execución
de asuntos ou come
tidos determinados. O acordo de constitución terá que expresa-la
composición e o procedemento de actuación da sección así como o
prazo de duración do seu cometido.
Artigo 17º
1. A representación da Administración da Xunta de Galicia na xunta
de goberno integrarase polos seguintes membros:
a) O presidente de Augas de Galicia.
b) Tres vocais designados pola Consellería de Medio Ambiente.
c) Un vocal por cada unha das consellerías seguintes: Presidencia,
Relacións Institucionais e Administración Pública; Economía e
Facenda; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de
Innovación, de Industria e Comercio; Política Agroalimentaria e
Desenvolvemento Rural; Sanidade; e Pesca e Asuntos Marítimos,
designados polo conselleiro respectivo».
2. Os vocais a que se refire o apartado anterior deste artigo serán
membros comúns das dúas seccións permanentes da Xunta de Goberno.
Artigo 18º
1. A representación dos usuarios da auga constitúese por un total
de dezaseis (16) vocais correspondentes a:
a) As entidades locais e as empresas públicas ou privadas
concesionarias do servicio, como titulares de aproveitamentos para
abastecemento de poboacións.
b) Os usos de carácter industrial, cunha consideración especial
dos aproveitamentos hidroeléctricos.
c) Os usos agrícolas para rega, naquelas partes do territorio onde
os devanditos aproveitamentos sexan significativos.
2. Os representantes dos usuarios designaranse de acordo co previsto
nos artigos 19º a 21º seguintes, atendendo ás diversas demarcacións
hidrográficas, e integraranse na sección respectiva da Xunta de
Goberno.
Artigo 19º
Os vocais representantes dos usos para abastecemento de poboacións
serán un total de sete (7) designados como segue:
a) Na Sección Galicia-Costa
-Dous (2) representantes designados polos órganos de goberno das
asociacións de entidades locais de ámbito autonómico creadas de
acordo co previsto nas normas reguladoras de réxime local
aplicables a Galicia. A designación deberá recaer en
representantes de entidades locais onde o territorio pertenza ás
concas intracomunitarias de Galicia.
-Un (1) representante designado en cada demarcación hidrográfica
polos membros da comisión ou comisións de desaugamento de encoros
existentes nela, que participen nelas, en función dos usos de
abastecemento ás poboacións. No caso de non existir
nunha demarcación ningunha Comisión de Desaugamento de Encoros
constituída, o representante incrementará o número dos designados
segundo o parágrafo precedente.
b) Na Sección Concas Intercomunitarias
-Dous (2) representantes designados polas asociacións de entidades
locais ás que se refirea letra a) precedente. A designación deberá
recaer, así mesmo, en entidades locais onde o territorio pertenza
ás concas intercomunitarias de Galicia.
Artigo 20º
Como representantes dos usos industriais designaranse un total de
seis (6) como segue:
a) Na Sección Galicia-Costa
-Un (1) representante designado en cada demarcación hidrográfica
polos membros da comisión ou comisións de desaugamento de encoros
existentes nela, que participen nelas en representación dos usos de
xeración de enerxía hidroeléctrica. De non existir nunha
demarcación comisións constituídas, o representante correpondente
incrementará o número dos designados segundo o parágrafo seguinte,
mantendo a súa condición de usuario hidroeléctrico.
-Un (1) representante elixido por tódolos concesionarios de auga
para aproveitamentos industriais, distintos da producción de enerxía
hidroeléctrica, con dereitos inscritos regulamentariamente. A
elección requirirá a previa convocatoria de tódolos titulares de
dereitos inscritos como electores e elixibles, que efectuará de
forma pública Augas de Galicia.
b) Na Sección de Concas Intercomunitarias.
-Dous (2) representantes designados polas Cámaras Oficiais de
Comercio, Industria e, se é o caso, Navegación con sedes
localizadas no dito ámbito territorial, entre persoas e entidades
que sexan titulares de dereitos inscritos sobre augas públicas do
mesmo ámbito.
Artigo 21º
1 Os representantes dos usos agrícolas para rega serán designados
para cada unha das seccións polas comunidades de regadores constituídas
dentro dos ámbitos territoriales respectivos, correspondentes un
(1) vocal á Sección Galicia-Costa e dous (2) á Sección Concas
Intercomunitarias.
2. A designación requirirá a previa convocatoria dos
representantes das devanditas comunidades como electores e elixibles
que efectuará, de forma pública, Augas de Galicia.
Artigo 22º
1. Para tódolos efectos da designación dos vocais a que se refire
o artigo 13.1º d) da Lei 8/1993, considéranse intereses e usos
relacionados coa política hidráulica os representados polas
persoas, entidades, corporacións e colectivos seguintes:
a) Empresas públicas ou privadas que xestionen o abastecemento de
auga ou o saneamento de poboa
cións, así coma as súas asociacións ou federacións con sede no
territorio de Galicia.
b) Entidades, legalmente constituídas, de protección, defensa e
estudio do medio ambiente e as súas asociacións e federacións.
c) Federacións deportivas de pesca fluvial e outras que promovan un
uso deportivo ou recreativo de ríos e encoros.
d) Entidades públicas do territorio de Galicia con competencia
sectorial en materia de abastecemento, saneamento e promoción
industrial ou urbanística vinculada ó uso da auga.
e) Colexios e asociacións profesionais de técnicos con competencia
na materia.
f) Profesionais de acreditada competencia na materia.
2. O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
proporalle ó Consello da Xunta de Galicia a designación dos
representantes dos devanditos usos e intereses atendendo á súa
importancia relativa e á presencia nas diversas demarcacións
hidrográficas. A resolución de nomeamento indicará a sección
permanente da Xunta de Goberno para a que se designaron.
Artigo 23º
1. Os vocais representantes dos usuarios e doutros intereses
relacionados coa política hidráulica designaranse por períodos de
seis anos, contados a partir da data de inicio da súa representación,
que terá lugar na primeira reunión da Xunta de Goberno que se
celebre despois da comunicación do nomeamento respectivo.
2. Estes vocais renovaranse por metades cada tres anos. No acto de
constitución da Xunta de Goberno determinarase de común acordo
entre os representantes de cada tipo de uso, e a falta de acordo,
por sorteo entre eles, cales dos devanditos representantes terán
que cesar ó finaliza-lo primeiro período de tres anos. Tódolos
vocais ós que se refire este artigo poderanse designar para un
segundo período.
Os vocais en representación de entidades ou órganos cesarán cando
perdan a representación do órgano propoñente ou polo que foron
designados. A persoa que o substitúa terá o carácter de vocal
polo tempo que lle reste ó substituído para cumpri-lo seu mandato.
Será facultade do presidente da Xunta do Goberno resolve-las
incidencias que se produzan por aplicación deste artigo.
Artigo 24º
1. Correspóndelles ás Seccións Permanentes da Xunta de Goberno e
con referencia ós ámbitos territoriais respectivos:
a) Propoñer actuacións a executar por Augas de Galicia.
b) Informar das actuacións de planificación hidrolóxica que
atinxan ós territorios respectivos.
c) Emitir informe sobre as cuestións relativas a aproveitamentos
hidráulicos e outras obras hidráulicas.
d) Emitir informe sobre as disposicións normativas e, se é o caso,
os elementos de planificación relativos á aplicación do canon de
saneamento.
e) Emitir informe con carácter previo sobre as resolucións
previstas nos artigos 29.2º e 30.2º da Lei 8/1993.
f) Calquera outra materia ou función que lle delegue o pleno.
2. En particular, a Sección Galicia-Costa terá coñecemento dos
aspectos relativos á ordenación, explotación e tutela do dominio
público hidráulico dentro das competencias que lle corresponda
exercer á Xunta de Galicia. Así mesmo, esta sección aprobará os
estatutos e ordenanzas das comunidades de usuarios do seu ámbito
territorial.
Artigo
25º
1. A Sección Galicia-Costa actuará como Comisión de Planificación
Hidrolóxica en relación co plan hidrolóxico das concas internas
de Galicia e as súas ulteriores revisións. Co devandito carácter
emitirá informe sobre os documentos de planificación hidrolóxica
que se redacten e elevaraos ós órganos superiores ós que lles
corresponda tramitalos e aprobalos. Para tal efecto, incorporaranse
á devandita comisión, con voz e sen voto, o subdirector xeral de
Programación e Proxectos e ata un máximo de tres técnicos do
organismo designados polo seu presidente».
2. Para regula-lo seu funcionamento, a comisión poderá establecer
normas adicionais de procedemento interno.
Artigo 26º
1. En todo caso, corresponderalle á Xunta de Goberno en Pleno, como
materias reservadas á súa competencia:
a) O informe das disposicións de carácter xeral en materia de
augas e obras hidráulicas.
b) A elevación, para a súa tramitación, do anteproxecto de
orzamentos de Augas de Galicia.
c) A emisión de informe sobre os proxectos de concertación das
operacións de crédito.
d) A adopción de acordos relativos a actos de disposición sobre
bens do patrimonio do organismo.
e) A formulación da declaración de sobreexplotación de acuíferos
ou outros recursos e, se é o caso, a determinación dos perímetros
e as zonas de protección ou de limitación do outorgamento de novas
concesións ou autorizacións.
f) A emisión dos informes a que se refire o artigo 31 da Lei
8/1993.
g) A proposta, cando proceda, das modificacións da participación
económica doutras entidades en actuacións a executar polo
organismo.
2. O pleno coñecerá, así mesmo, de tódalas cuestións atribuídas
á Xunta de Goberno que non se lles encomenden expresamente ás
seccións, permanentes ou non, da mesma.
Artigo 27º
1. O presidente de Augas de Galicia, serao, así mesmo da Xunta de
Goberno en Pleno e das súas seccións permanentes.
2. No acto de constitución da Xunta de Goberno e despois de cada
renovación parcial dos seus membros, os vocais que representen ós
usuarios da auga, designarán o vicepresidente da Xunta de Goberno.
3. O vicepresidente substitúe ó presidente nas sesións dos órganos
colexiados no caso de vacante, ausencia ou enfermidade, e desempeña,
ademais, as funcións que lle encomende o presidente ou os órganos
respectivos.
4. Na primeira reunión das seccións permanentes os vocais en
representación dos usuarios da auga procederán á elección dun
vicepresidente por cada unha delas.
Artigo 28º
1. Actúa como secretario da Xunta de Goberno nas reunións do pleno
e das súas seccións permanentes, o secretario xeral de Augas de
Galicia.
2. O secretario pode intervir nas deliberacións con voz e sen voto
e correspóndelle cursa-las convocatorias, prepara-las sesións e
redacta-la acta delas, dar fe dos acordos e tramitalos para a súa
execución.
3. Correspóndelle así mesmo, ó secretario, a petición do
presidente, emitir informe xurídico sobre propostas de acordo que
se formulen nas reunións.
Capítulo III
Órganos de xestión
Comisións de Desaugamento de Encoros
Artigo 29º
1. Correspóndelles ás Comisións de Desaugamento de Encoros
deliberar e formular propostas ó presidente de Augas de Galicia
sobre o réxime axeitado da enchedura e baleirado dos encoros,
atendendo ós dereitos concesionais dos distintos usuarios.
2. Cada comisión responsabilizarase do réxime dun encoro ou
sistema de encoros de explotación independente e sen conexión
directa co resto. Corresponderalle ó conselleiro de Medio Ambiente,
mediante orde, por proposta do presidente de Augas de Galicia, a
fixación do número e ámbito territorial das comisións de
desaugamento de encoros dentro da Administración hidráulica de
Galicia».
Artigo 30º
1. Formarán parte das comisións de desaugamento de encoros:
a) O subdirector xeral de Programación e Proxectos, que actuará
como presidente das comisións, salvo que asista á xuntanza o
presidente de Augas de Galicia, que, neste caso, asumirá a
presidencia.
b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia,
designados polo presidente do organismo, que asistirán con voz e
sen voto.
c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé
o artigo seguinte.
2. Poderán asistir ás xuntanzas das comisións de desaugamento de
encoros, con voz e sen voto, un representante das consellerías
seguintes: Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Política
Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; de Innovación, de
Industria e Comercio; Pesca e Asuntos Marítimos; e Medio Ambiente».
3. Actuará como secretario, con voz e sen voto, de cada Comisión
de Desaugamento de Encoros, o secretario xeral de Augas de Galicia.
Artigo 31º
1. Nas Comisións de Desaugamento de Encoros representaranse os
usuarios afectados pola regulación que se efectúe con dereitos
inscritos ou en trámite de inscrición, no Rexistro de Augas. Esta
representación articularase como segue:
a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio ou
empresa pública ou privada titular de concesións de abastecemento
de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un
(1) representante.
b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un
representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo
de dous (2).
c) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais pola
agrupación de tódalas comunidades de regadores e regadores
individuais, un (1) representante, elixido entre eles.
d) Cada empresa productora de enerxía eléctrica con potencia
hidroeléctrica instalada superior a 100.000 KVA designará un (1)
representante.
e) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores,
e en representación de intereses non específicos, o presidente de
Augas de Galicia designará ata dous (2) representantes máis.
2. Garantirase, en todo caso, a representación individual ou
colectiva das entidades públicas ou privadas que ostenten algún
dereito específico sobre o encoro de que se trate, en caso de non
se incluír nos supostos do apartado precedente.
Artigo 32º
As Comisións de Desaugamento de Encoros someterán a súa actuación
á orde de preferencia de aproveitamentos establecido na lei ou na
planificación hidrolóxica aprobada, ós regulamentos de explotación,
ás dispoñibilidades hidráulicas, ás necesida
des concretas dos distintos aproveitamentos e ás normas dictadas
pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e
Vivenda.
Artigo 33º
As Comisións de Desaugamento de Encoros reuniranse como mínimo dúas
veces ó ano; unha no mes de outubro, para a preparación dos
programas de enchedura de encoros, e outra na primavera seguinte,
para revisar os devanditos programas á vista dos recursos dispoñibles.
Así mesmo, poderanse reunir en calquera outro momento, segundo o
previsto no artigo 44 deste regulamento.
Artigo 34º
O presidente de Augas de Galicia ordeará as actuacións de
encoramento e desencoramento ou outras relacionadas con elas de
conformidade coas propostas que formulen as Comisións de
Desaugamento de Encoros por unanimidade dos seus membros. No caso
contrario, correspondelle ó presidente a adopción da resolución
que estime máis axeitada á vista dos antecedentes e das deliberacións
da comisión.
Artigo 35º
1. En casos de precipitacións extraordinarias, inundacións ou
calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase
inmediatamente no seo de Augas de Galicia e designado polo seu
presidente, un comité técnico no que se integrarán o xefe do
Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico e os técnicos
encargados de dirixi-la explotación dos encoros afectados. O
devandito comité poderá adopta-las determinacións que crea
oportunas, e tamén ordenar operacións de encoramento ou
desencoramento extraordinarias, sen que se precise reunir
previamente as Comisións de Desaugamento de Encoros respectivas,
que serán informadas, non obstante, coa máxima urxencia das
medidas adoptadas.
2. Este comité técnico será o órgano de información e
asesoramento das autoridades competentes en materia de protección
civil nas emerxencias por inundacións ou por outras causas acerca
das cales lle cumpra ser informado, debendo coordinarse así mesmo
as actuacións que realice coas das devanditas autoridades.
Xuntas de explotación
Artigo 36º
As xuntas de explotación terán como finalidade coordinar,
respectando os dereitos derivados das correspondentes concesións e
autorizacións, a explotación das obras hidráulicas e dos recursos
de auga daquel conxunto de ríos, tramo de río ou unidade hidroxeolóxica
que teñan os seus aproveitamentos especialmente interrelacionados.
Artigo 37º
1. A constitución de cada xunta de explotación será efectuada
polo conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do presidente de
Augas de Galicia, por iniciativa propia ou por petición da xunta de
goberno ou dos usuarios afectados. Procederá, así mesmo, a
devandita constitución nos supostos de declaración de
sobreexplotación dun acuífero, coincidindo coa aprobación do Plan
de ordenación de extraccións
2. A resolución de constitución conterá necesariamente a
determinación do ámbito territorial da Xunta de Explotación,
excepción feita do caso de coincidir coa delimitación legal dun
acuífero ou unidade hidroxeolóxica sometidos a normas especiais de
protección ou que foran obxecto dunha declaración de
sobreexplotación.
Artigo 38º
1. O presidente de Augas de Galicia proporalle ó órgano competente
o número máximo e mínimo de membros que deberán integrar cada
xunta de explotación, así como establece-las normas de
procedemento para designalos entre os usuarios afectados, que se
agruparán, para tal efecto, por tipos de usos.
2. Poderán asistir ás xuntanzas das xuntas de explotación, como
asesores sen voz nin voto:
a) O xefe do Servicio Territorial de Augas de Galicia do ámbito
xeográfico afectado de que se trate.
b) Un (1) representante das seguintes consellerías: Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Política Agroalimentaria e
Desenvolvemento Rural; de Innovación, de Industria e Comercio; e
Medio Ambiente.
3. Actuarán como presidente e secretario, respectivamente, das
xuntas de explotación que se constitúan, o subdirector xeral de
Programación e Proxectos e o secretario xeral de Augas de Galicia
Estructura orgánica dos servicios. Demarcacións territoriais
Artigo 39º
1.
Directamente dependentes do presidente de Augas de Galicia, existirán
os departamentos administrativos seguintes:
a) A Secretaría Xeral.
b) A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico.
c) A Subdirección Xeral de Programación e Proxectos.
d) A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro.
2. Estas unidades desenvolverán as funcións administrativas que se
expresan nos artigos seguintes, ademais de cantas lles encomende o
presidente do organismo.
3. Os titulares dos devanditos departamentos administrativos
designaranse e cesarán libremente entre funcionarios dos corpos e
escalas que procedan, de acordo coas relacións de postos de
traballo
Os titulares das devanditas unidades administrativas designaranse e
cesarán libremente entre funcionarios dos corpos e escalas que
procedan, de acordo coas relacións de postos de traballo.
Artigo 40º
1.
A Secretaría Xeral de Augas de Galicia, ten nivel de subdirección
xeral, e correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A secretaría e asesoría xurídica dos órganos colexiados de
Augas de Galicia.
b) A inspección xeral interna dos servicios do organismo, e a
asesoría en dereito deste.
c) A xestión xeral do persoal e a tramitación e seguimento de tódolos
expedientes e incidencias relativas a esta área funcional.
d) A xestión do Rexistro Xeral de Augas de Galicia e do Servicio de
Atención e Información ó Cidadán, así como o control e
supervisión dos extremos relacionados co réxime interior.
e) A coordinación, seguimento e xestión das necesidades informáticas
do organismo.
f) A tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial,
contratación administrativa e xestión patrimonial, así como a
supervisión e seguimento das actuacións promovidas en materia de
expropiación forzosa.
g) A elaboración e tramitación de proxectos normativos e instruccións
internas, así como a emisión de informes xurídicos.
h) A asistencia técnico-xurídica dos servicios do organismo, a
coordinación das actuacións desenvolvidas perante os órganos
parlamentarios, xudiciais e comunitarios e, en xeral, a tramitación
xurídico-administrativa de tódolos expedientes do organismo, con
excepción dos concernentes ó dominio público hidráulico e a
policía deste.
2. A atribución das funcións descritas á Secretaría Xeral de
Augas de Galicia efectúase sen prexuízo das que lles correspondan
a outros órganos da Administración da Xunta de Galicia en materia
de representación e defensa en xuízo, contratación administrativa
ou resolución de expedientes atribuídos ós órganos
administrativos xerais da Administración hidráulica de Galicia.
3. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de
Augas de Galicia estructúrase nas seguintes unidades
administrativas, dependentes directamente dela:
3.1. O Servicio de Persoal e Réxime Interior que, incluíndo a
Sección de Persoal e Réxime Interior, desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas nas letras c) e d) do punto
1 deste artigo.
3.2. O Servicio Técnico-Xurídico, que, incluíndo a Sección Xurídica
e a Sección de Contratación, desenvolverá fundamentalmente as
funcións descritas nas letras f), g) e h) do punto 1 deste artigo.
3.3. A Sección de Informática, que desenvolverá as funcións
descritas na letra e) do punto 1 deste artigo».
Artigo 41º
1. Correspóndenlle á Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público
Hidráulico as seguintes funcións:
a) O establecemento dos criterios xerais de tramitación dos
expedientes de autorizacións e concesións do dominio público hidráulico,
de establecemento de servidumes de augas, de constitución de
comunidades de usuarios e dos procedementos sancionadores incoados
na materia, que teñan que realiza-las demarcacións territoriais de
Galicia Costa, e a supervisión xeral das actuacións destas.
b) O establecemento dos criterios xerais de despregue e actuación
da gardería fluvial do organismo, en coordinación coas demarcacións
territoriais de Galicia Costa, ás que está adscrita organicamente.
c) A inspección e vixilancia de tódolos aproveitamentos de augas públicas
e das obras derivadas das autorizacións e concesións de dominio público
outorgadas, en coordinación coas demarcacións territoriais de
Augas de Galicia.
d) As relacións de cooperación e colaboración que, se é o caso,
se establezan en materia de dominio público hidráulico coas
confederacións hidrográficas do Norte e do Douro.
e) A tutela dos dereitos nacidos ó abeiro da normativa xeral de
augas e dos actos administrativos dictados na súa aplicación, así
como a realización das actuacións necesarias para o cumprimento da
dita normativa no ámbito das súas competencias.
f) A elaboración e mantemento do rexistro de augas públicas, do
catálogo de augas privadas e do censo de autorizacións de
verteduras.
g) A supervisión xeral e o control das propostas de resolucións de
concesións e autorizacións de dominio público hidráulico, de
establecemento de servidumes de augas, de constitución de
comunidades de usuarios e de expedientes sancionadores incoados,
elaboradas e elevadas ó presidente de Augas de Galicia polas
demarcacións territoriais de Galicia-Costa.
h) O control da calidade das augas continentais, establecendo os
obxectivos e parámetros axeitados dela e propoñendo actuacións
que se vaian realizar a curto e medio prazo na materia.
i) A xestión técnica do canon de saneamento ata a determinación
do tipo impositivo aplicable.
2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de
Xestión do Dominio Público Hidráulico estructúrase nas seguintes
unidades, dependentes directamente dela:
2.1. O Servicio de Tramitación Técnico-Administrativa do Dominio Público
Hidráulico que, incluíndo a Sección de Tramitación Técnico-Administrativa
do Dominio Público Hidráulico, desenvolverá as seguintes funcións:
2.1.1. A asistencia técnico-administrativa na xestión dos
expedientes de autorizacións e concesións de dominio público hidráulico,
de establecemento de servidumes de augas, de constitución de
comunidades de usuarios, e de procedementos sancionadores, así como
na interpretación e aplicación da normativa xeral de augas
referida ó eido do dominio público hidraúlico.
2.1.2. A elaboración dos informes-proposta e preparación dos
expedientes administrativos obxecto de recurso de alzada, e a
posterior notificación das resolucións recaídas, así como a
tramitación dos requirimentos efectuados en relación coa
presentación de reclamacións económico-administrativas e recursos
contencioso-administrativos contra as resolucións de fixación de
tipos, determinación e liquidación do canon de saneamento, baixo a
supervisión xeral da Secretaría Xeral de Augas de Galicia.
2.1.3. A coordinación departamental das respostas requiridas polos
órganos parlamentarios, xudiciais e comunitarios en materia de
dominio público hidráulico, baixo a supervisión xeral da Secretaría
Xeral de Augas de Galicia.
2.2. A Area de Autorizacións e Concesións, que desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas nas letras e) e g) do punto
1 deste artigo.
2.3. A Área de Verteduras que desenvolverá fundamentalmente as
funcións descritas nas letras e) e g), no relativo a autorizacións
de verteduras, e i) do punto 1 deste artigo.
2.4. A Área de Calidade das Augas, que desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas na letra h) do punto 1 deste
artigo».
«Artigo
41º bis.
1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Programación e
Proxectos as funcións seguintes:
a) O informe e proposta, de se-lo caso, das medidas que vaian ser
adoptadas por Augas de Galicia ou polos órganos administrativos
xerais da Administración hidráulica de Galicia nos supostos
previstos no artigo 31.1º da Lei 8/1993, reguladora da Administración
hidráulica de Galicia.
b) A elaboración e mantemento dos instrumentos de planificación
hidrolóxica e a realización neste eido das actuacións necesarias
para a implantación das directivas comunitarias relacionadas co ámbito
competencial do organismo, así como a emisión de informes acerca
da compatibilidade coa planificación aprobada de programas e
proxectos doutros órganos da Administración estatal, autonómica e
local e das concesións e autorizacións de dominio público hidráulico
outorgadas polo organismo autónomo.
c) A definición e elaboración das estatísticas dos usos da auga,
das masas de auga e das zonas sensibles, así como a definición e
planificación das medidas necesarias para corrixi-las desviacións
existentes respecto dos obxectivos de calidade previstos.
d) O seguimento do cumprimento dos obxectivos e criterios
establecidos de saneamento e depuración de augas residuais e da súa
reutilización, así como dos criterios de protección, conservación
e recuperación do recurso acuático e do seu contorno.
e) A planificación das obras de infraestructura básica, no marco
de coordinación establecido no Plan Hidrolóxico Nacional e nos
plans hidrolóxicos das confederacións hidrográficas do Norte e do
Douro, así como no marco relacional estabrecido cos entes locais.
f) A programación dos traballos e obras necesarias para a execución
da planificación hidrolóxica, así como a definición dos
criterios técnicos que haxa que cumprir e o control e seguimento da
súa execución, en colaboración coas demarcacións territoriais de
Augas de Galicia.
g) A definición, construcción, mantemento e explotación dos
sistemas de control da calidade das augas e dos sistemas de
aforamentos e a elaboración dunha base de datos proveniente destes
sistemas para efectos estatísticos, así como a explotación e
mantemento dos modelos asociados ó sistema de aforamentos, que
permitan previr fenómenos de enchentes de cara á súa minimización.
h) A definición e programación das actuacións de conservación e
limpeza das canles e ribeiras dos ríos na zona de afectación do
dominio público hidráulico, e a realización dos traballos de
deslinde deste.
i) A definición e control dos procedementos de auscultación e a
elaboración de plans de emerxencia dos encoros de titularidade da
Xunta de Galicia, e a xestión da súa explotación, así como o
control dos procedementos de auscultación e plans de emerxencia dos
encoros de titularidade privada.
j) A elaboración e mantemento dunha base de datos en soporte XIS
das infraestructuras hidráulicas existentes na Comunidade Autónoma
de Galicia.
k) A tramitación dos expedientes de colaboración técnico-financeira
cos concellos en materia de saneamento e abastecemento de augas e
dos con
venios que regulan o financiamento das obras de interese xeral, así
como o seu seguimento.
2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de
Programación e Proxectos estructúrase nas seguintes unidades:
2.1. O Servicio de Planificación e Programación Hidrolóxica, que,
incluíndo a Área de Instrumentos da Planificación, desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas nas letras b), c), d) e e)
do punto 1 deste artigo.
2.2. O Servicio de Execución da Planificación e Explotación de
Sistemas, que, incluíndo a Área de Programación e Seguimento de
Obras e a Sección Técnica, desenvolverá fundamentalmente as funcións
descritas nas letras f), g), h), i), j) e k) do punto 1 deste artigo».
Artigo 42º
1.
Á Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro correspóndelle
as seguintes funcións:
a) A preparación do anteproxecto do orzamento do organismo, en base
ás previsións de ingresos e gastos, que anualmente terán que
elaborar e remiti-los departamentos administrativos dos servicios
centrais de Augas de Galicia, así como as demarcacións
territoriais deste; e o seguimento da execución orzamentaria e a
tramitación das modificacións do orzamento ás que houber lugar.
b) O estudio e preparación de operacións de crédito e tesourería,
a tramitación e realización de pagamentos a terceiros acredores do
organismo, así como o control e xestión das contas e depósitos
bancarios dos que é titular Augas de Galicia.
c) A elaboración e tramitación da documentación contable relativa
a tódolos expedientes de contido económico, e, en xeral, o
mantemento da contabilidade e a rendición das contas e estados
anuais do organismo, de acordo coa normativa aplicable.
d) A tramitación de expedientes de modificacións do FCI, e o
control da execución dos fondos finalistas, en coordinación coa
Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios
da Consellería de Economía e Facenda.
e) O seguimento dos aspectos económicos e financeiros das relacións
entre Augas de Galicia e a empresa pública de Obras e Servicios
Hidráulicos.
f) A xestión contable mensual da nómina do persoal do organismo, e
a tramitación da nómina da Seguridade Social, do ingreso a conta
do IRPF e outros descontos, así como a realización das oportunas
declaracións fiscais anuais.
g) A xestión, liquidación e recadación das taxas, prezos e demais
ingresos do organismo, con especial relevancia respecto da exacción
do canon de saneamento, sen prexuízo das competencias normativas e
inspectoras que lle correspondan á Consellería de Economía e
Facenda.
2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Réxime
Económico-Financeiro estructúrase nas seguintes unidades,
dependentes directamente dela:
2.1. O Servicio de Xestión Orzamentaria, que, incluíndo a Sección
de Habilitación, desenvolverá fundamentalmente as funcións
descritas nas letras a), b), c), d), e) e f) do punto 1 deste
artigo.
2.2. A Sección de Outros Ingresos, que desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas na letra g) do punto 1 deste
artigo, con excepción da liquidación do canon de saneamento.
2.3. A Sección de Ingresos do Canon de Saneamento, que desenvolverá
fundamentalmente as funcións descritas na letra g) do punto 1 deste
artigo, no relativo ó canon de saneamento».
Artigo 43º
. 1. No marco dos principios de desconcentración e descentralización
recollidos na Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia, en cada unha das demarcacións hidrográficas referidas
no artigo 6.2º deste Decreto 108/1996 existen, con dependencia orgánica
do presidente de Augas de Galicia e funcional, por razón da
materia, dos departamentos sinalados nos anteriores artigos 40, 41,
41 bis e 42, as seguintes demarcacións territoriais, á fronte das
que atópase o xefe de Servicio Territorial correspondente, que
dirixe o desenvolvemento das seguintes funcións:
1.1. Demarcacións territoriais das concas intracomunitarias de
Galicia Costa, integradas pola Demarcación Territorial Galicia
Norte, a Demarcación Territorial Galicia Centro e a Demarcación
Territorial Galicia Sur:
a) A xestión do rexistro e do servicio de información ó cidadán,
así como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime
interior requiridas para o funcionamento das dependencias propias.
b) A tramitación ata proposta de resolución dos expedientes de
autorizacións e concesións de dominio público hidráulico, agás
os relativos ós aproveitamentos hidroeléctricos, de establecemento
de servidumes de augas e de constitución de comunidades de
usuarios, así como dos procedementos sancionadores na materia.
c) O seguimento da execución das obras programadas polos servicios
centrais de Augas de Galicia.
d) A dirección dos efectivos da gardería fluvial adscritos ó seu
ámbito territorial, e o control dos aproveitamentos de augas públicas
e das obras derivadas das autorizacións e concesións de dominio público
hidráulico, de conformidade coas instruccións emanadas dos
servicios centrais de Augas de Galicia.
e) A emisión de informes sobre plans e demais documentos urbanísticos
e técnicos.
f) En xeral, o desenvolvemento das funcións que lle sexan
encomendadas polo presidente do organismo.
1.2. Demarcacións territoriais das concas intercomunitarias,
integradas pola Demarcación Territorial das Concas
Intercomunitarias de Ourense e a Demarcación Territorial das Concas
Intercomunitarias de Lugo:
a) A xestión do rexistro e do servicio de atención ó cidadán, así
como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime
interior requiridas para o funcionamento das dependencias propias.
b) O seguimento da execución das obras programadas polos servicios
centrais de Augas de Galicia.
c) A emisión de informes sobre plans e demais documentos urbanísticos
e técnicos.
d) En xeral, o desenvolvemento das función que lle sexan
encomendadas polo presidente do organismo.
2. Encadrados nestes servicios territoriais, os efectivos da gardería
fluvial de Augas de Galicia desenvolven os cometidos que lles son
propios de conformidade coa normativa de aplicación na materia,
tendo para o efecto tódalas prerrogativas inherentes á súa
condición de axentes da autoridade».
Capítulo IV
Normas de funcionamento dos órganos colexiados
Artigo 44º
1. Os órganos de Augas de Galicia reuniranse cando sexan convocados
polo presidente respectivo a pedimento propio ou a petición dun número
non inferior ó tercio dos seus membros.
2. A convocatoria de sesión, coa orde do día corres
pondente, deberá notificárselles ós membros do órgano colexiado
cunha antelación mínima de corenta e oito horas, salvo casos de
urxencia apreciada polo presidente, que se deberá facer constar na
propia convocatoria.
3. Poderase prever unha segunda convocatoria da sesión en previsión
do caso de que non houbese quórum suficiente na primeira.
Artigo 45º
O quórum para a constitución válida dos órganos en primeira
convocatoria é o da maioría absoluta dos seus membros. En segunda
convocatoria o quórum alcanzarase coa asistencia dunha terceira
parte dos seus membros, mailo presidente e o secretario ou os que os
substitúan.
Artigo 46º
Correspóndelle en cada caso ó presidente do órgano colexiado
asegura-lo cumprimento das leis e a regularidade das súas
deliberacións, forma-la orde do día, convocar, presidir, suspender
e remata-las sesións, da-lo visto e prace ás actas e velar polo
cumprimento dos seus acordos.
Artigo 47º
1. Os acordos adoptaranse co voto favorable da maioría absoluta dos
asistentes. O voto do presidente da sesión dirimirá en tódolos
casos os empates.
2. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non se incluíse
na orde do día, salvo que se declare a urxencia da súa adopción
por acordo da maioría absoluta dos asistentes e cun quórum
suficiente para a constitución válida en primeira convocatoria.
Artigo 48º
1. Os membros dos órganos colexiados de Augas de Galicia poderán
delega-la súa representación e voto noutro vocal do mesmo órgano
para sesións determinadas, agás o disposto no artigo seguinte
sobre designación de suplentes.
2. As delegacións de representación e voto, que se terán que
conferir por escrito, seranlle comunicadas ó presidente respectivo
ó inicio da sesión de que se trate, e faranse constar en acta.
Artigo 49º
1. A designación dos representantes dos usuarios nas Comisións de
Desaugamento de Encoros poderá ir acompañada da dun suplente, que
poderá substituí-lo titular nas reunións destas comisións.
2. Estes suplentes non poderán exerce-las funcións que lles
correspondan ós titulares respectivos como membros doutros órganos
de Augas de Galicia.
Artigo 50º
Nas reunións dos órganos colexiados de xestión, o presidente
poderá autoriza-la asistencia de asesores ou expertos que acompañen
os vocais respec
tivos e que se deberán identificar como tales ó inicio da sesión.
En todo caso, a voz, e se cómpre, o voto, corresponderanlle
unicamente ós membros do órgano.
Artigo 51º
Os membros do personal da Administración da Xunta de Galicia que
formen parte en tal condición dos órganos que se regulan no
presente regulamento percibirán pola súa asistencia as indemnizacións
establecidas legalmente.
Disposición
transitoria( Decreto 146/2003, do 6 de febreiro)
Cando, como consecuencia da modificación da estructura orgánica
que se establece no presente decreto, se modifique a denominación
ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con
anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, se
autoriza ó conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do
presidente de Augas de Galicia, a readscribir ó persoal afectado a
postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre
designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non
exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se trata
de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os
ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente,
sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición un
cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo
62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1982, do 12 de xuño,
de órganos de representación, determinación das condicións de
traballo e participación do persoal ó servicio das administracións
públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas
nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións
Institucionais e Administración Pública.
|