|
RESOLUCIÓN
DO 27 DE MAIO DE 2002, pola que
se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de
abril, en relación coa tramitación e resolución dos expedientes
de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores
en terreos de dominio público hidráulico, e para o
aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva
das ribeiras dos ríos (DOG Nº 105, 3.06.2002).
A
Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, e o seu regulamento,
aprobado polo Decreto 130/1997, declaran de interese xeral a
conservación das formacións vexetais, así como a repoboación arbórea
e arbustiva das marxes dos ríos e regatos.
Para o aproveitamento ou utilización da vexetación das ribeiras
dos ríos é necesaria, segundo os devanditos preceptos, autorización
do servicio provincial de Conservación da Natureza da Consellería
de Medio Ambiente. Noutros casos nos que non se produza
aproveitamento, o devandito servicio provincial debe emitir informe
preceptivo.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, a
través dos servicios correspondentes das delegacións provinciais,
veñen autorizar cortas ou tallas de especies forestais, consonte a
Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o seu Regulamento, aprobado
polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.
Por outra parte, o vixente Regulamento do dominio público hidráulico,
aprobado polo Real decreto 849/1986, esixe previa autorización
administrativa para a utilización ou aproveitamento da vexetación
arbórea ou arbustiva no dominio público; correspóndelle outorgar
esta autorización no ámbito das cuncas internas de Galicia ó
organismo autónomo Augas de Galicia, creado pola Lei 8/1993 e
adscrito á Consellería de Medio Ambiente polo Decreto 310/2001.
En consecuencia, e co fin de consegui-la máxima economía
procedemental axilizando a tramitación destas autorizacións, faise
preciso refundir nun único procedemento a intervención dos
diferentes órganos da Administración da Xunta de Galicia nesta
materia, polo que, en exercicio das facultades de autoorganización
previstas no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, e conforme o
disposto no artigo 36.2º da Lei 11/1983, modificada pola Lei
1/1988, e por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente, o Consello
da Xunta de Galicia na súa xuntanza do 11 de abril de 2002, acordou
declarar como órgano competente por razón da materia para a
tramitación e resolución dos expedientes de autorización para
sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio
público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da
vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos, á
Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de
Montes e Industrias Forestais.
Consonte co anterior e cos principios xerais que deben de presidi-las
actuacións da Administración establecidos no artigo 3 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro, este procedemento terá as seguintes características:
Primeira-Establece-la unidade de expediente e resolución única, en
relación coas autorizacións para sementeiras, plantacións e corta
de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o
aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva
das ribeiras dos ríos a que se refire o artigo 71 do vixente
Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH), por aplicación
do vixente artigo 39 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de
xullo de 1958, pola que se impón a instrucción dun só
procedemento cando se trate de autorizacións ou concesións nas
que, malia referirse a un só asunto ou obxecto, interveñan con
facultades decisorias dous ou máis departamentos ministeriais ou
varios centros directivos dun ministerio.
Segunda.-O órgano competente por razón da materia para a tramitación
e resolución destes expedientes será a Consellería de Medio
Ambiente, a través da Dirección Xeral de Montes e Industrias
Forestais.
Terceira.-O órgano substantivo deberá solicitar, en tódolos
casos, o informe preceptivo e vinculante do organismo autónomo
Augas de Galicia, quen deberá emitilo no prazo dun mes desde a súa
solicitude. Nos casos en que o aproveitamento se produza na canle ou
na zona de servidume (artigo 6 a) do RDPH), requirirase o informe
preceptivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Cuarta.-As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Montes e
Industrias Forestais, xunto coa documentación prevista no artigo 71
do Regulamento do dominio público hidráulico.
Quinta.-As resolucións que adopte o órgano substantivo seranlles
notificadas simultaneamente ós interesados, ó organismo autónomo
Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2002.
José Carlos del Álamo Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente
|