|
RESOLUCIÓN
DE 23 DE JUNIO DE 2000,
por la que se dictan normas de tramitación de los expedientes de
autorizaciones para limpieza de canais solicitadas por las
Administraciones Locais (DOG Nº 127, 30.06.00)
A
Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidraúlica
de Galicia, atribulle no seu artigo 7.2º b) ó organismo autónomno
Augas de Galicia as funcións de administración e control do
dominio público hidráulico correspondente ás cuncas hidrográficas
internas de Galicia. Funcións nas que os actos resolutorios se lle
encomendan ó presidente do organismo, de acordo co previsto no
artigo 12 a) da mesma lei, logo da tramitación dos correspondentes
expedientes por conta do Departamento de Xestión do Dominio Público
Hidráulico, segundo prevé a letra a) do artigo 41.1º do Decreto
108/1996, do 29 de febreiro, de aprobación do Regulamento do
organismo autónomo Augas de Galicia.
Visto que os concellos situados no ámbito territorial de
Galicia-Costa con frecuencia dirixen solicitudes a Augas de Galicia
co obxecto de proceder a diferentes actuacións de limpeza de canles
públicas.
Visto que nalgúns casos as devanditas solicitudes refírense a
actuacións de escasa entidade que non implican en si mesmas a
realización de obras propiamente ditas, e que, polo tanto, convén
axiliza-la tramitación do procedemento correspondente.
Considerando que, nembargantes, a realización de calquera tipo de
obra ou construcción en zona de policía e nas propias canles
require autorización da Administración hidráulica (artigo 78 do
Regulamento do dominio público hidráulico-RDPH-), que se tramitará
consonte o disposto nos artigos 52 a 54 RDPH.
Considerando que o artigo 126 RDPH contén determinadas
especialidades para a tramitación destes procedementos, cando se
refiren a actuacións de limpeza de canles.
Na súa virtude, e de acordo co disposto no artigo 12 c) da Lei
8/1993, e no artigo 43.1º do Decreto 108/1996.
RESOLVO:
I. O ámbito material da presente resolución refírese
exclusivamente ás solicitudes de actuacións de limpeza de canles
presentadas polas administracións locais das cuncas de
Galicia-Costa.
II. A tramitación das solicitudes de autorización para actuacións
de limpeza de canles presentadas polos concellos e demais entidades
locais levarase a cabo consonte as normas do Regulamento do dominio
público hidráulico, e seguindo as instruccións seguintes:
1. Encoméndaselles ós Servicios Territoriais de Augas de Galicia a
tramitación destes procedementos ata a proposta de resolución.
2. Ás solicitudes deberá xuntarse:
a) Se se trata de actuacións de limpeza que impliquen a execución
de obras ou ben operacións de corta de árbores, achegarase un
plano de planta á escala no que queden estas definidas en relación
coas marxes da canle, así como unha memoria descritiva.
b) Se se trata de actuacións de limpeza que non implican a execución
de obras nin operacións de corta (tales como actuacións referidas
á retirada de maleza, residuos ou material de arrastre do río,
poda de vexetación, etc.), ou ben actuacións en xeral de pouca
importancia ou en canles de escasa entidade, bastará unha sucinta
memoria descritiva xunto cun bosquexo acoutado.
3. Recibida a solicitude e considerada axeitada a documentación
remitida, solicitarase informe, relativo á materia da súa
competencia, da correspondente Delegación Provincial da Consellería
de Medio Ambiente (Servicio de Medio Ambiente Natural), que será
emitido no prazo de dez días, considerándose favorable en caso de
silencio.
4. Simultaneamente, aínda que exclusivamente para os supostos do
punto 2.a), procederase ó trámite de información pública do
expediente por espacio dun mes.
5. Procederase á emisión de proposta de resolución.
Naqueles casos nos que se propoña denega-la autorización, daráselles
traslado da proposta ós interesados co fin de que poidan alegar, de
se-lo caso, o que coiden pertinente.
6. Remitirase o expediente ó Departamento de Xestión do Dominio Público
Hidráulico, xunto coa proposta, unha vez presentadas as eventuais
alegacións, co fin que este someta á Presidencia de Augas de
Galicia a correspondente resolución.
7. O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico
notificaralles a tódolos interesados as
resolucións que dicte a Presidencia de Augas de Galicia.
III. A presente resolución será publicada no Diario Oficial de
Galicia para xeral coñecemento e entrará en vigor o día seguinte
ó da súa publicación, aplicándose ás solicitudes que aínda
estean pendentes de inicia-la súa tramitación.
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2000.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do organismo autónomo Augas de Galicia
|