|
RESOLUCIÓN
DO 14 DE OUTUBRO DE 2004 pola que se delegan as competencias
sancionadoras do presidente de Augas de Galicia no director xeral (DOG Núm.
209 do 27/10/2004)
O Decreto 108/1996, do 29
de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo
Augas de Galicia, modificado polo Decreto 146/2003, do 6 de febreiro,
establece, no seu artigo 7, que son órganos de goberno de Augas de
Galicia o presidente do organismo, o director xeral e a Xunta de
Goberno.
O artigo 13 do devandito
decreto enumera, no seu punto 1º, as atribucións conferidas ao
presidente de Augas de Galicia, determinando no punto 2º que as
funcións e atribucións citadas, coa excepción da referida na letra
h), poderán ser delegadas, parcialmente ou na súa totalidade, no
director xeral de Augas de Galicia ou nun ou en varios titulares das
unidades administrativas ás cales se refire o artigo 39 deste
regulamento. Así mesmo, o punto 3º do citado artigo 13 configura o
director xeral como un órgano de apoio ao presidente que exercerá,
ademais das funcións sinaladas anteriormente, todas aquelas que lle
sexan expresamente delegadas polo presidente.
Mediante Resolución do 9
de abril de 2003 delegáronse no director xeral de Augas de Galicia
as funcións e atribucións que o artigo 13.1º do Decreto 108/1996, do
29 de febreiro, antes citado, lle confire ao seu presidente nas
letras c), d), e), f), g), i) e
j).
Cómpre agora, dado o
volume da actividade administrativa do organismo autónomo Augas de
Galicia, e sen esquecer o debido respecto dos principios que
informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución
recolle no seu artigo 103.1º, delegar tamén no director xeral as
competencias que en materia sancionadora lle corresponden ao
presidente
do organismo segundo o establecido nos artigos 32 da Lei 8/1993, do
23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia e 13
da Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas
das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración
de augas residuais urbanas, en relación co establecido no artigo 13
do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, antes citado.
Na súa virtude, facendo uso das facultades conferidas polo artigo
13.2º do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o
Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, e de
conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral
aplicación,
RESOLVO:
Primeiro.-Delegar no director xeral de Augas de Galicia, na súa
totalidade, o exercicio das facultades sancionadoras que lle
corresponden ao presidente de Augas de Galicia, facultades estas que
son as establecidas nos artigos 32 da Lei 8/1993, do 23 de xuño,
reguladora da Administración hidráulica de Galicia e 13 da Lei
8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías
de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas
residuais urbanas.
Segundo.-As resolucións e
os actos administrativos que se adopten facendo uso da delegación
contida nesta resolución indicarán expresamente esta circunstancia,
indicando a súa data e a da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
Terceiro.-En calquera
momento, o presidente do organismo autónomo Augas de Galicia poderá
reclamar o exercicio das atribucións que son delegadas por esta
resolución, das que quedan excluídas, en todo caso, os supostos
previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.
Santiago de Compostela, 14
de outubro de 2004.
Justo de Benito Basanta
Presidente do ente público Augas de Galicia
|