|
ORDEN
DE 6 DE AGOSTO DE 2001,
por la que se regulan las Comisiones de Desenvalse de Aguas de
Galicia (DOG Nº158, 16.08.01)
Galicia asumiu no seu Estatuto de autonomía, en virtude dos
diversos títulos competenciais que nel se conteñen e que se
complementan entre si, as competencias en materia de augas e obras
hidráulicas que lle corresponden dentro do marco prefigurado nos
artigos 148 e 149 da Constitución.
Concretadas as ditas competencias na súa vertente administrativa e
aberto o camiño para o seu exercicio mediante os correspondentes
reais decretos de transferencia de funcións e servicios hidráulicos
do Estado á Administración autonómica, regulouse pola Lei 8/1993,
do 23 de xuño, a Administración hidráulica de Galicia, dentro da
que se creou o organismo autónomo de carácter administrativo Augas
de Galicia, adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras
Públicas e Vivenda, configurándoo como o elemento central da
estructura organizativa que se establece na mesma lei para o
desenvolvemento da administración e policía do dominio público
hidráulico e programación das obras hidráulicas correspondentes.
O Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o
Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, deu cumprimento
ó mandato contido na dita lei naqueles aspectos nos que se ordenaba
o seu posterior desenvolvemento regulamentario, procedendo á
configuración específica do propio organismo, así como dos seus
órganos de goberno, órganos colexiados de xestión e órganos da
administración.
En concreto, na regulación dos órganos colexiados de xestión
establécese a participación dos usuarios de xeito destacado, xa
que se toman en consideración os distintos intereses no uso da auga
en proporción á súa importancia respectiva dentro das bacías
internas de Galicia, plasmando deste xeito o principio de
participación establecido no artigo 13 da Lei estatal de augas
29/1985, do 2 de agosto.
Dentro dos referidos órganos colexiados de xestión en réxime de
participación destacan, pola importancia das funcións que teñen
desenvolver, as comisións de desaugamento de encoros.
Efectivamente, nun sistema hidrolóxico que conta entre as súas
infraestructuras hidráulicas básicas cos encoros, como mecanismos
imprescindibles de xestión e administración do recurso natural que
constitúe a auga, as operacións de enchedura e baleirado destes
supoñen unha delicada e pola súa vez transcendental cuestión para
regular e garanti-la
axeitada oferta en cantidade e calidade do recurso hídrico.
Coa constitución formal no ámbito territorial correspondente ás
bacías intracomunitarias de Galicia-Costa das comisións de
desaugamento de encoros asegúrase o axeitado coñecemento e
supervisión do réxime de enchedura e baleirado dos encoros nelas
establecidos e da súa explotación, fundamentalmente no aspecto
relativo ás previsións de enchentes. Así mesmo, fanse compatibles
os intereses dos usuarios dos encoros cos propios intereses da
Administración hidráulica de Galicia, referidos á protección dos
leitos e ribeiras, cultivos, fauna e flora e poboación asentada nas
zonas de influencia dos ditos encoros, harmonizando e conciliando,
igualmente, os diversos usos e aproveitamentos do dominio público
hidráulico en tódalas súas vertentes.
O referido Decreto 108/1996 dispón, no seu artigo 29.2º, que lle
corresponde ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda, por proposta do presidente de Augas de Galicia e mediante
orde, a fixación do número e ámbito territorial das comisións de
desaugamento de encoros dentro da Administración hidráulica de
Galicia.
Doutra banda, a antedita Lei 8/1993 declara o sometemento da
Administración hidráulica de Galicia, no exercicio das súas
competencias, ós principios xerais de respecto á unidade da bacía
hidrográfica e respecto dos sistemas hidráulicos e do ciclo hidrolóxico,
atribuíndolle ó Consello da Xunta a facultade de división do
territorio de Galicia en demarcacións hidrográficas para a
prestación de servicios hidráulicos de competencia autonómica,
que constituirán, así mesmo, ámbitos de representación dos
usuarios nos órganos colexiados da Administración hidráulica.
O Decreto 108/1996 concreta a citada previsión dividindo o
territorio de Galicia en cinco demarcacións hidrográficas, das que
as denominadas Demarcación Galicia Norte, Demarcación Galicia
Centro e Demarcación Galicia Sur constitúen as bacías hidrográficas
de Galicia-Costa, desenvolvendo a totalidade de competencias que,
por tratarse de bacías hidrográficas comprendidas integramente
dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, lle
corresponde exercer á Administración hidráulica de Galicia sobre
o dominio público hidráulico.
En definitiva, a constitución das comisións de desaugamento de
encoros posibilitarán, baixo o principio de unidade de xestión
integral, o desenvolvemento racional e harmónico das actuacións
hidráulicas relacionadas cos encoros comprendidos no ámbito
territorial das bacías hidrográficas de Galicia-Costa.
En consecuencia, de conformidade coas previsións establecidas pola
Lei 8/1993, de 23 de xuño, regu
ladora da Administración hidráulica de Galicia e o Decreto
108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do
organismo autónomo Augas de Galicia, a proposta do presidente de
Augas de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º
No territorio correspondente ás bacías hidrográficas de
Galicia-Costa constituiranse tres comisións de desaugamento de
encoros, coas seguintes denominacións e ámbito territorial:
1. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia
Norte:
Comprenderá as bacías intracomunitarias dos ríos vertentes ó mar
Cantábrico, e a bacía do río Eume, mesmo na parte que transcorre
na provincia de Lugo, así como tódolos concellos da provincia da
Coruña ó norte da liña formada polos seguintes, todos eles incluídos:
Carballo, Cerceda, Carral, Abegondo, Cesuras, Oza dos Ríos, Aranga,
Monfero, As Pontes de García Rodríguez e Mañón.
2. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia
Centro:
Comprenderá tódolos concellos da provincia da Coruña, agás os
incluídos na Demarcación Galicia Norte, así como a bacía do río
Ulla que transcorre polas provincias de Pontevedra e Lugo.
3. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia Sur:
Comprenderá as bacías intracomunitarias dos ríos vertentes ó océano
Atlántico da provincia de Pontevedra.
Artigo 2º
1. Correspóndelles ás comisións de desaugamento de encoros, como
órganos de xestión en réxime de participación do organismo autónomo
Augas de Galicia, deliberar e formular propostas ó presidente de
Augas de Galicia sobre o réxime axeitado de enchedura e baleirado
dos encoros existentes nos seus respectivos ámbitos territoriais,
atendendo ós dereitos concesionais dos distintos usuarios.
Artigo 3º
1. Formarán parte das comisións de desaugamento de encoros:
a) O xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico,
que actuará como presidente das comisións, salvo que asista ás
reunións o presidente de Augas de Galicia, que neste caso asumirá
a presidencia.
b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia,
designados polo Presidente de Augas de Galicia, que asistirán con
voz e sen voto.
c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé
o artigo seguinte.
2. Poderá asistir ás reunións das comisións de desaugamento de
encoros, con voz e sen voto, un representante das consellerías de
Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Medio Ambiente,
Industria e Comercio e Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
3. O presidente de Augas de Galicia poderá autoriza-la asistencia
ás reunións das comisións de desaugamento de encoros de asesores
ou expertos que acompañen ós seus vocais, os cales deberán
identificarse como tales ó inicio das sesións e carecerán de voz
e voto.
4. Actuará como secretario de cada Comisión de Desaugamento de
Encoros o secretario xeral de Augas de Galicia.
O secretario poderá intervir nas deliberacións con voz e sen voto,
correspondéndolle cursa-las convocatorias, prepara-las sesións,
redacta-las correspondentes actas, dar fe dos acordos acadados e
tramitalos para a súa execución.
Artigo 4º
1. Nas comisións de desaugamento de encoros estarán representados
os usuarios afectados pola regulación que se efectúe, con dereitos
inscritos ou en trámite de inscrición no Rexistro de Augas. Esta
representación articularase como segue:
a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio ou
empresa pública ou privada titular de concesións de abastecemento
de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un
(1) representante.
b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un
representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo
de dous (2).
c) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais, pola
agrupación de tódalas comunidades de regadores e regadores
individuais, un (1) representante, elixido entre eles.
d) Cada empresa productora de enerxía eléctrica con potencia
hidroeléctrica instalada superior a 100.000 KVA designará un (1)
representante.
e) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores,
e en representación de intereses non específicos, o presidente de
Augas de Galicia designará ata dous (2) representantes.
2. Garantirase, en todo caso, a representación individual ou
colectiva das entidades públicas ou privadas que teñan algún
dereito específico sobre os encoros de que se trate, en caso de non
se incluír nos supostos do epígrafe precedente.
3. A designación dos representantes dos usuarios nas comisións de
desaugamento de encoros poderá ir acompañada da dun suplente, que
poderá substituír ó titular nas reunións destas comisións.
Estes suplentes non poderán exerce-las funcións que lles
correspondan ós titulares respectivos como membros doutros órganos
de Augas de Galicia.
Artigo 5º
As comisións de desaugamento de encoros someterán a súa actuación
á orde de preferencia de aproveitamentos establecida na lei e na
planificación hidrolóxica aprobada, ós regulamentos de explotación,
ás dispoñibilidades hidráulicas, ás necesidades concretas dos
distintos aproveitamentos e ás normas dictadas pola Consellería de
Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
Artigo 6º
As comisións de desaugamento de encoros reuniranse como mínimo dúas
veces ó ano; unha no mes de outubro, para a preparación dos
programas de enchedura de encoros, e outra na primavera seguinte,
para revisa-los devanditos programas á vista dos recursos dispoñibles.
Así mesmo, as comisións poderanse reunir en calquera outro
momento, cando sexan convocadas polo presidente seu, por iniciativa
propia ou a petición dun número non inferior ó tercio dos seus
respectivos membros.
Artigo 7º
O presidente de Augas de Galicia ordenará as actuacións de
encoramento e desaugamento de encoros ou outras relacionadas con
elas de conformidade coas propostas que formulen as comisións de
desaugamento de encoros por unanimidade dos seus membros. No caso
contrario, correspóndelle ó presidente a adopción das resolucións
que estime máis axeitadas á vista dos antecedentes e das
deliberacións das comisións.
Artigo 8º
1. En casos de precipitacións extraordinarias, enchentes ou
calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase
inmediatamente no seo de Augas de Galicia e designado polo seu
presidente un comité técnico no que se integrarán o xefe do
Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico e os técnicos
encargados de dirixi-la explotación dos encoros afectados. O
devandito comité poderá adopta-las determinacións que crea
oportunas, e tamén ordenar operacións extraordinarias de
encoramento ou desaugamento de encoros, sen que se precise reunir
previamente a Comisión de Desaugamento de Encoros correspondente,
que será informada, non obstante, coa máxima urxencia das medidas
adoitadas.
2. Este comité técnico será o órgano de información e
asesoramento das autoridades competentes en materia de protección
civil nas emerxencias por enchentes ou por outras causas acerca das
que lles cumpra ser informadas, debendo coordinar así mesmo as
actuacións que realice coas das devanditas autoridades.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o presidente de Augas de Galicia para
dicta-las resolucións requiridas en orde a acada-la plena
operatividade das comisións referidas.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2001.
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial
Obras Públicas e Vivenda
|