LEI 7/2002, DO 27 DE DECEMBRO, de medidas fiscais e de réxime administrativo (DOG Nº 251, 30.12.2002).

 

Modificacións á Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Artigo 28. Consello de administración. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Modifícase o punto 3 da disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O órgano colexiado superior da empresa é o seu consello de administración.
O presidente do consello de administración, que á súa vez exercerá a presidencia da empresa, será nomeado de entre os seus membros polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O presidente ten a representación legal da empresa e exerce as súas funcións directivas e executivas superiores.

Formarán parte do consello de administración:
a) O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
b) Tres vocais designados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
c) Un vocal designado pola Consellería de Economía e Facenda.
d) Ata dous vocais máis en representación doutros departamentos da Administración autonómica.

Pertencer ó consello de administración non xerará dereitos laborais».

Artigo 29. Persoal. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Engádeselle un punto 4 á disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coa redacción seguinte:

«4. O persoal da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario, ou asimilado, ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á empresa».




AtrásVolver a inicio