|
DECRETO
84/1997, DE 10 DE ABRIL,
sobre colaboración técnica y financiera de la Administración
Hidráulica de Galicia con las Entidades Locais, en materia de
abastecimiento y saneamiento de aguas (DOG Nº78, 24.04.97)
Mediante
a Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia, actuouse na potestade organizativa da Comunidade Autónoma
para o adecuado exercicio das competencias que o artigo 27,
apartados 7 e 12, do Estatuto de autonomía lle atribúen en materia
de augas e obras hidráulicas.
No novo marco legal, o organismo autónomo Augas de Galicia configúrase
como elemento central para a administración e control dos recursos
hidráulicos, así como para o proxecto, a construcción e a
explotación das obras hidráulicas correspondentes.
Pola súa banda, a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos,
creada pola disposición adicional da citada lei como entidade de
dereito público para a xestión das obras e a prestación dos
servicios que lle sexan encomendados dentro do programa de actuación
do devandito organismo autónomo ten, entre os seus fins, promover e
executar, por conta de Augas de Galicia e en réxime de cooperación,
cando proceda, coas administracións locais, as obras que lle sexan
encargadas en materia de infraestructuras hidráulicas e de
saneamento. Así se establece no Decreto 125/1996, do 7 de marzo,
polo que se aproban os seus estatutos.
A necesidade de dar adecuada resposta ás demandas que en materia de
abastecemento e saneamento de auga teñen as entidades locais
promovendo, impulsando e potenciando as actuacións delas cun
sistema de axudas por parte da Xunta de Galicia que evite a dispersión
de iniciativas, levou á publicación do Decreto 18/1987, do 14 de
xaneiro. A súa dilatada vixencia acredita a idoneidade do marco de
colaboración nel establecido.
Faise preciso, sen embargo, dar entrada na regulación desta materia
ó protagonismo dos novos entes instrumentais antes referidos. Tal
é o obxectivo fundamental do presente decreto. Así mesmo, a norma
pretende dar resposta, dun xeito máis áxil e efectivo, ás
necesidades expostas, perfeccionando os mecanismos de coordenación
coas administracións locais coa finalidade de garantir un alto
nivel de execución dos abastecementos de auga potable e da evacuación
e tratamento das augas residuais coas maiores garantías sanitarias;
así como o mantemento dos criterios de equidade e solidariedade no
uso e desfrute dos recursos hidráulicos.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril
de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO
Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.
1. É obxecto da presente disposición regula-la colaboración técnica
e financeira entre a Comunidade Autónoma e as entidades locais de
Galicia para a execución de obras de abastecemento e saneamento de
augas.
2. A colaboración levaraa a cabo a Consellería de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a través do organismo autónomo
Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos,
de acordo co procedemento establecido no presente decreto.
Artigo 2º.-Actuacións obxecto de colaboración.
En particular, serán obxecto da colaboración técnica e financeira
que se establece no presente decreto as actuacións seguintes:
a) En materia de abastecemento:
1. Obras de toma, captación, conducción, tratamento, depósitos
reguladores ou de reserva e redes de distribución primaria ou de
abastecemento.
2. Obras de regulación de augas superficiais e presas, así como as
elevacións necesarias.
3. Os proxectos técnicos e constructivos das obras anteriores.
b) En materia de saneamento:
1. Colectores de evacuación de augas residuais -entendidos estes
como as conduccións que transcorren desde o punto final da rede de
sumidoiros ata a estación depuradora-, emisarios submarinos e
estacións depuradoras de augas residuais.
2. Os proxectos técnicos e constructivos das obras anteriores.
Artigo 3º.-Exclusións.
Exclúense do ámbito da colaboración regulada neste decreto:
a) Tódalas obras comprendidas no parágrafo a, alíneas 1 e 2 do
artigo anterior, se a zona obxecto de abastecemento non dispón de
infraestructuras para a recollida de augas residuais, agás que
unhas e outras se executen ó mesmo tempo.
b) As conexións domiciliarias, en todo caso.
Artigo 4º.-Administración actuante.
As actuacións comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto
serán executados directamente polo Organismo Autónomo Augas de
Galicia ou, por conta deste, a través da Empresa Pública de Obras
e Servicios Hidráulicos.
Artigo 5º.-Contía da colaboración financeira.
1. A colaboración financeira da Xunta de Galicia poderá acadar,
dependendo das dispoñibilidades orzamentarias, ata un 100% do custo
da obra; incluídos os modificados, obras complementarias, revisión
de prezos e liquidacións.
2. No suposto de que a porcentaxe da colaboración sexa menor,
deberase acreditar no expediente a inclusión nos orzamentos da
entidade local interesada da dotación orzamentaria precisa para
afronta-la súa parte do investimento.
3. As colaboracións financeiras coas entidades locais que prevexan
obrigas de gasto plurianual, ou ben obrigas para un único exercicio
por contía superior a 25.000.000 de pesetas, someteranse á previa
aprobación do Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 6º.-Solicitude de colaboración.
1. As entidades locais interesadas deberán insta-la colaboración técnica
e/ou financeira da Administración hidráulica de Galicia.
Para tal efecto dirixirán solicitude ó presidente do Organismo Autónomo
Augas de Galicia, na que se identificará con precisión a actuación
que se pretende, dentro das enumeradas no artigo 2º, así como a
porcentaxe na que se solicita o seu financiamento pola Administración
autonómica.
As solicitudes presentaranse, ben directamente, ben a través dos
servicios territoriais deste organismo existentes en cada unha das
demarcacións hidrográficas definidas no artigo 6.2º do Decreto
108/1996, do 29 de febreiro.
2. Coa solicitude achegarase:
a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia de execución
das obras.
b) Características cualitativas ou cuantitativas, presentes ou
previsibles, do abastecemento e dos vertidos de augas residuais; así
como, se é o caso, as instalacións existentes e a súa localización
xeográfica.
c) Información sobre os terreos apropiados para a localización das
instalacións obxecto da solicitude e a súa dispoñibilidade.
d) Se fose o caso, proxecto técnico ou constructivo das instalacións
que inclúa os requisitos previstos na vixente normativa de
contratación das administracións públicas, aprobado pola entidade
solicitante e debidamente supervisado.
e) Memoria xustificativa do investimento previsto, xunto cun estudio
económico-financeiro da capacidade municipal de dispoñibilidade e
endebedamento, no que se xustifique a necesidade de que a Xunta
financie a obra na porcentaxe solicitada.
f) Calquera outra que se considere necesaria.
Para a elaboración da documentación indicada as entidades locais
interesadas poderán instar do Orga
nismo Autónomo Augas de Galicia o asesoramento técnico e
administrativo que fose preciso.
4. Cando as solicitudes de colaboración se efectúen conxuntamente
por dúas ou máis entidades locais, porque as obras necesarias ás
respectivas poboacións resulten técnica ou economicamente mellores
empregando infraestructuras comúns, especificarase na solicitude o
sistema de xestión conxunta que se adoptará unha vez recibidas as
obras, de conformidade co establecido na lexislación de réxime
local.
Artigo 7º.-Tramitación das solicitudes.
1. Recibidas as solicitudes, Augas de Galicia examinará o
cumprimento dos extremos previstos no artigo anterior e, se é o
caso, solicitará o complemento ou corrección da documentación
presentada.
En calquera momento da tramitación poderase requirir á entidade
solicitante a información complementaria que se considere
conveniente en relación coas obras obxecto da solicitude.
2. En función da necesidade e xustificación técnica e económica
da solicitude, así como da súa compatibilidade coas previsións da
planificación hidrolóxica, o presidente do Organismo Autónomo
Augas de Galicia dictará resolución, debidamente motivada,
accedendo total ou parcialmente á colaboración solicitada ou denegándoa.
3. De estimarse a solicitude na súa integridade, na propia resolución
ordenarase, de ser necesario, a redacción do proxecto técnico ou
constructivo correspondente, ou ben a súa confrontación, se este o
presentase a Administración solicitante.
No suposto de que a estimación fose parcial, e con carácter previo
á continuación do expediente, a entidade local disporá do prazo
dun mes, contado a partir da data de notificación da resolución,
para acepta-las condicións de colaboración que nela se establezan,
achegando certificación do acordo da entidade local que así o
acredite.
4. En ningún caso poderá entenderse estimada a solicitude por
silencio administrativo.
Artigo 8º.-Información pública.
1. Cando así proceda, de conformidade co previsto na normativa de
aplicación, unha vez aprobado tecnicamente, o proxecto será
sometido a información pública pola Administración solicitante,
mediante publicación no BOP, por prazo non inferior a vinte días.
2. No caso de que o proxecto sexa de abastecemento de auga con
ampliación da toma, ou se é de saneamento con novo vertido a leito
público ou medio mariño, e afectase a máis dunha provincia, a
información pública deberá anunciarse necesariamente no Diario
Oficial de Galicia.
3. Rematado o período de información pública, a entidade
solicitante deberá remitir a Augas de
Galicia certificación acreditativa do seu resultado, xunto co seu
informe sobre as alegacións presentadas, de producirense estas.
4. Á vista das alegacións, o presidente do organismo autónomo,
logo dos informes que considere necesarios, resolverá acerca da
aprobación definitiva do proxecto.
A aprobación do proxecto suporá a súa aceptación pola entidade
local beneficiaria, así como a de calquera modificación, revisión
de prezos, obra complementaria ou liquidación que resulte necesaria
para o correcto remate da obra.
Artigo 9º.-Obrigas complementarias das entidades locais.
Antes de proceder á licitación das obras, as entidades locais
beneficiarias deberán aportar:
a) Certificación acreditativa da posta a disposición, libres de
cargas e gravames, dos terreos necesarios, nos termos previstos no
artigo 129.1º da Lei de contratos das administracións públicas e
do establecido na disposición adicional 2ª da Lei 9/1996, do 15 de
xaneiro, para a normal execución das obras, así como das augas que
son obxecto do proxecto.
b) Certificación consonte o réxime de colaboración fixado na
resolución de aprobación definitiva do proxecto que acredite a
dispoñibilidade orzamentaria nos orzamentos da entidades locais, así
como o compromiso de efectua-las aportacións correspondentes, se é
o caso, a medida que llas requira Augas de Galicia.
c) Renuncia expresa á retención de calquera tipo de taxa, canon ou
imposto de carácter local con motivo das obras.
d) Compromiso de asumi-la explotación, mantemento e conservación
das obras e efectua-los traballos ordenados pola inspección
facultativa despois da execución das obras.
f) Compromiso de actualización das tarifas pola prestación do
servicio na medida axeitada ó custo das obras que se realizan, á súa
explotación e amortización.
Artigo 10º.-Procedemento abreviado.
Cando as actuacións obxecto da colaboración teñan, por razón da
súa contía, a consideración de contratos menores, de conformidade
co réxime dos artigos 57 e 121 da Lei de contratos das administracións
públicas, e non precisen da tramitación e aprobación de proxecto
nin a observancia do trámite de información pública, o expediente
integrarase por:
1. Solicitude da colaboración técnica e/ou financeira, nos termos
previstos no artigo 6.1, acompañada da seguinte documentación:
a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia das obras, así
como da dispoñibilidade dos terreos precisos para a súa execución.
b) Memoria xustificativa da imposibilidade financeira da entidade
local para acomete-la actuación.
c) Acordo do órgano competente da entidade local solicitante
relativo ó compromiso de posta a disposición dos terreos, así
como da explotación das obras, unha vez rematadas.
2. Informe dos servicios técnicos do Organismo Autónomo Augas de
Galicia no que se analice a necesidade e viabilidade da actuación
que se vai executar.
3. Na súa vista, e sen prexuízo da información complementaria que
se considere necesario recadar, o presidente de Augas de Galicia
adoptará a resolución que proceda.
Artigo 11º.-Cesión das instalacións.
Recibidas as obras, a entidade local farase cargo da súa explotación,
mantemento e conservación.
Nembargantes, Augas de Galicia conservará as competencias relativas
á súa inspección facultativa e poderá ordena-los traballos
necesarios para a boa utilización das obras, o que será de
obrigado cumprimento para as entidades citadas.
Disposición adicional
Sinalización das obras.
As obras obxecto da colaboración deberán sinalizarse con carteis
suficientemente visibles, coa indicación do seu financiamento pola
Comunidade Autónoma.
Disposición transitoria
As solicitudes formuladas ó abeiro do Decreto 18/1987, xa resoltas
á entrada en vigor do presente decreto, esgotarán os seus efectos
de acordo coa referida normativa. Noutro caso, continuarán a súa
tramitación, no estado no que se atopen, de acordo co presente
decreto.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogados o Decreto 18/1987, do 14 de xaneiro, de colaboración
técnico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia coas
entidades locais en materia de obras hidráulico-sanitarias, a
disposición derradeira primeira do Decreto 108/1996, polo que se
aproba o Regulamento do Organismo Autónomo Augas de Galicia, así
como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó
establecido no presente decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento
do presente decreto.
Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e
sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda
|