|
DECRETO
8/1999, DE 21 DE ENERO,
por el que se aprueba el Reglamento de Desarrollo Legislativo del
Capítulo IV de la Lei 8/1993, reguladora de la Administración
Hidráulica, relativo al. Canon de Saneamiento (DOG Nº20,
01.02.99)
A
Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia crea e regula nos seus aspectos esenciais o canon de
saneamento como ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma,
facultando o Consello da Xunta para dicta-las disposicións
regulamentarias de desenvolvemento da devandita regulación, cunha
habilitación xeral que se complementa coas específicas chamadas ó
regulamento contidas nos diversos preceptos da lei. Ingreso de
dereito público que participa da natureza dos tributos, xa que a súa
estructura e elementos esenciais, definidos nos artigos 34 a 41 da
devandita lei, coinciden cos previstos no artigo 10 da vixente Lei
xeral tributaria para a xeneralidade dos tributos.
Para estes efectos, o Consello da Xunta de Galicia dictou o Decreto
27/1996, do 25 de xaneiro, polo que se daba cumprimento ó previsto
na norma legal, adoptando a forma de desenvolvemento xeral do
tributo naquilo que ten de singular e facendo remisións expresas ou
xenéricas ás disposicións comúns aplicables ó resto de tributos
de Galicia.
Nembargantes, a experiencia de máis de dous anos na xestión
recadatoria do canon de saneamento por parte da Administración hidráulica
de Galicia, xunto coa recente aplicación do tributo ós usuarios
domésticos da auga desde o pasado 1 de xullo, tal como se prevía
na Lei de orzamentos do exercicio que corre, aconsellan revisar e
modifica-lo devandito Decreto 27/1996 en varios dos seus aspectos,
singularmente aqueles referidos á intervención das entidades
subministradoras, e os correspondentes á determinación do canon
por volume e por medición directa da carga contaminante.
É por isto que se dicta o presente decreto, o cal, para maior
seguridade xurídica, refunde nun só documento normativo o anterior
Decreto 27/1996 xunto coas modificacións e revisións operadas polo
novo decreto, obténdose así un único texto regulamentario, de
mais fácil consulta e aplicación.
Así pois, na regulación que se efectúa, o canon de saneamento
configúrase, despois das disposicións xerais (Art. 1 a 3) a partir
da definición dos seus elementos esenciais. De acordo coa
delimitación legal, o feito impoñible (Art. 4) consiste na
utilización ou dispoñibilidade da auga por razón da contaminación
producida. Seguen os preceptos dedicados ó devengo e ós suxeitos
pasivos (Art. 5 e 6),
e dáse o tratamento da base impoñible e correlativamente do tipo
impositivo (Arts. 7 a 14) un carácter nuclear, ó establecer
detalladamente os métodos de determinación da base, segundo o
modelo da Lei xeral tributaria, atendendo especialmente á
consideración dos usos da auga e ós diversos parámetros para a
determinación da carga contaminante.
De acordo coa distinción legal, o regulamento establece
procedementos de xestión do canon, segundo deba ser percibido por
entidades subministradoras de auga (Cap. 2º) ou aboado por
aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte, sexa en
función do volume de auga utilizada (Cap. 3º, sección 1ª) ou
pola contaminación producida (sección 2ª). Os devanditos
procedementos de xestión artéllanse de acordo con criterios de
simplificación de trámites e de garantía da posición xurídica
dos interesados mediante a súa comparecencia nos diversos
expedientes de fixación de modalidades de aplicación, bases e
tipos de gravame.
Finalmente, unha parte extensa da regulación dedícase ás normas
adxectivas en materia de xestión, con atención especial ós
procedementos de comprobación e investigación, recadación, sanción
e revisión, que constitúen un contido necesario de acordo co
criterio expresado de tratamento integral da figura tributaria.
A complexidade técnica das operacións necesarias para a
determinación dos elementos cuantificadores do canon fai
inevitables diversas referencias a métodos analíticos e procesos
que se agrupan nun anexo ó texto articulado. A devandita opción de
ordenación non exceptúa, nembargantes, as normas expresadas, do
seu carácter regulador da parte do procedemento a que se refiren e
constitúen tamén preceptos de necesaria observancia tanto para a
Administración xestora como para os contribuíntes, na medida en
que están suxeitos á práctica das operacións descritas.
Por todo isto, e de conformidade coa habilitación legal contida na
disposición derradeira segunda da Lei 8/1993, por proposta do
conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, oído
o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello
da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xaneiro de
mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-Apróbase o Regulamento de desenvolvemento
lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da
Administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento que
figura como anexo ó presente decreto.
Disposición adicional
As entidades subministradoras de auga facturaranlle o canon de
saneamento ós respectivos abonados suxeitos a el desde a data de
entrada en vigor deste decreto.
Disposición transitoria
Naqueles casos nos que Augas de Galicia non efectuase aínda a
liquidación directa a que se refire a disposición adicional
terceira do Decreto 27/1996, procederase do seguinte xeito:
a) Augas de Galicia requirirá do suxeito pasivo unha declaración
específica do volume de auga consumido ou utilizado no período
comprendido entre o día 1 de xullo de 1995 e o día 31 de xaneiro
de 1996.
b) Se o suxeito pasivo contase con abastecemento procedente de
entidade subministradora, Augas de Galicia requiriralle a información
sobre os caudais subministrados.
c) Cos datos así obtidos, Augas de Galicia emitirá unha única
liquidación directa en concepto de canon de saneamento
correspondente á totalidade do devandito período.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado integramente o Decreto 27/1996, do 25 de xaneiro,
polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do
capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia, relativo ó canon de saneamento; así como cantas outras
disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido
no presente decreto. Con excepción das ordes do conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda con datas do 8 de febreiro de
1996 e 9 de maio de 1996, polas que se aproban determinados modelos
ós que se refire o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do
capítulo IV da Lei 8/1993.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do
presente decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de mil novecentos
noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuiña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
REGULAMENTO DE DESENVOLVEMENTO LEXISLATIVO DO CAPÍTULO IV DA LEI
8/1993, REGULADORA DA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA, RELATIVO Ó CANON
DE SANEAMENTO
Capítulo I
Configuración do canon de saneamento
Sección primeira
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento normativo do
canon de saneamento creado
e regulado na Lei 8/1993, do 23 de xuño, como tributo de carácter
finalista destinado integramente ó financiamento de gastos de
investimentos e de explotación de infraestructuras de evacuación
en alta e de tratamento de augas residuais de acordo coa programación
aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do
conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e
logo da aprobación da Xunta de Goberno de Augas de Galicia.
Artigo 2º.-Normativa.
O canon de saneamento réxese:
a) Polas normas tributarias da Lei 8/1993, de 23 de xuño,
reguladora da Administración hidráulica de Galicia.
b) Polo presente regulamento e o resto de disposicións
regulamentarias específicas que se dicten en desenvolvemento da
citada lei.
c) No seu defecto, polas disposicións legais e regulamentarias de
carácter xeral en materia tributaria.
Artigo 3º.-Competencias.
1. A xestión do canon de saneamento e a aplicación dos recursos
xerados mediante a súa exacción correspóndelle ó organismo autónomo
Augas de Galicia. En consecuencia, correspóndenlle as funcións de:
a) Resolución de recursos e reclamacións en vía de xestión, agás
aqueles previstos no artigo 43.2º deste regulamento.
b) Comprobación e investigación nos termos previstos no capítulo
V deste regulamento.
c) Cualificación de infraccións e imposición de sancións.
d) Concesión de aprazamentos e fraccionamentos.
2. O organismo autónomo Augas de Galicia está obrigado a levar un
rexistro separado dos recursos obtidos por este concepto, que estará
suxeito a fiscalización pola Consellería de Economía e Facenda.
Sección segunda
Elementos do tributo
Artigo 4º.-Feito impoñible.
1. Constitúe o feito impoñible do canon de saneamento a producción
de vertidos de augas e productos residuais realizados directa ou
indirectamente polos usuarios domésticos e industriais de auga, e
susceptibles de contamina-las augas continentais ou marítimas. En
todo caso, enténdese realizado o feito impoñible polo consumo ou
pola utilización potencial ou real da auga de calquera procedencia.
2. Para efectos do presente regulamento, enténdese por vertido
directo o realizado inmediatamente sobre as augas continentais ou
canle de rega ou desde terra ó mar territorial, ou ben o realizado
mediante
infiltración ó terreo; e por vertido indirecto o que non reúne
estas circunstancias, como o realizado en azarbes, rede de
sumidoiros, canles de desacougamento e pluviais.
3. Para efectos do presente regulamento, enténdese por usos
industriais ou asimilados da auga os efectuados polos usuarios,
cando o consumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m, ou,
cando sendo inferior, orixine contaminación de carácter especial
na súa natureza ou na súa cantidade, nos termos expresados no
artigo 40 da Lei 8/1993; e por usos domésticos de auga aqueles que
non teñan a consideración de usos industriais ou asimilados.
4. De acordo co establecido no punto segundo do apartado primeiro, a
aplicación do canon de saneamento afecta:
a) Á utilización da auga subministrada polas entidades definidas
no artigo 6.2º deste regulamento.
b) Á utilización da auga procedente de captacións de augas
superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra
procedencia que efectúen directamente os mesmos usuarios.
c) Á utilización de auga procedente de entidades subministradoras
ou de aproveitamentos propios do contribuínte e nos termos
establecidos na lei.
5. Non darán lugar á aplicación do canon de saneamento os usos da
auga correspondentes a:
a) Subministración en alta a servicios públicos de distribución
de auga potable.
b) Alimentación de fontes públicas ou monumentais, bocas de rego e
extinción de incendios por conta de entidades públicas e os seus
servicios, propios ou concertados.
c) Utilización da auga para o uso de rega agrícola.
6. Estará exento do canon de saneamento o consumo ou a utilización
da auga para usos domésticos en núcleos nos que a poboación de
dereito non supere os 2.000 habitantes ou aqueloutras exencións
referidas a núcleos ou aglomeracións que se sinalen legalmente.
Artigo 5º.-Devengo e aboamento do canon.
1. O devengo do tributo prodúcese:
a) Nos supostos de manifestación do feito impoñible polo consumo
ou utilización da auga, tanto procedente dunha entidade
subministradora como de captacións propias, coincidindo coa
devandita utilización ou consumo, sen prexuízo da esixibilidade do
canon de acordo cos períodos impositivos que estean establecidos.
b) En todo caso, e a falta da determinación a que se refiren os
puntos precedentes, no momento de producirse o vertido.
2. No caso de suxeitos pasivos con subministracións de auga
efectuadas por unha das entidades previstas no artigo 6.2º deste
regulamento, o aboamento do canon coincidirá co da factura-recibo
correspondente.
3. No caso de suxeitos pasivos con aproveitamentos de auga non
derivados da subministración dun terceiro, o canon será
directamente liquidado por Augas de Galicia con periodicidade
trimestral.
Artigo 6º.-Suxeitos pasivos.
1. Son suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas
ou xurídicas de calquera natureza e demais entidades sen
personalidade xurídica ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral
tributaria, que, na súa calidade de usuarios domésticos ou
industriais de auga, produzan o feito impoñible segundo é definido
no artigo 4º deste regulamento.
2. As entidades subministradoras teñen a condición de suxeitos
pasivos substitutos do contribuínte en relación coa utilización
ou consumo da auga dos seus abonados.
3. Teñen a condición de entidades subministradoras de auga as
persoas físicas e xurídicas de calquera natureza que, mediante
instalacións de titularidade pública ou privada, ben sexa con carácter
oneroso ou gratuíto, efectúen unha subministración en baixa de
auga potable.
4. Na súa virtude, dentro do procedemento de xestión do canon de
saneamento, as devanditas entidades subministradoras están
obrigadas a:
a) Facturar e recada-lo tributo dos seus abonados.
b) Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos as
cantidades facturadas unha vez foran percibidas ou cando a súa
falta de pago non fora xustificada de acordo co que prevé o artigo
17.3º.
c) Satisfacer como débeda tributaria as cantidades non facturadas
en incumprimento do que dispón a letra a) precedente.
d) Cumpri-los deberes formais derivados da xestión e inspección do
tributo establecidos neste regulamento ou nas normas tributarias de
aplicación xeral.
Artigo 7º.-Base impoñible.
1. A base impoñible do canon consiste:
a) En xeral, no volume de auga consumido ou utilizado no período
que sexa considerado
b) Nos casos en que a Administración, de oficio ou por instancia do
suxeito pasivo, opte pola determinación por medida directa ou por
estimación obxectiva singular da carga contaminante, a base
consistirá na contaminación efectivamente producida ou estimada,
expresada en unidades de contaminación
2. Para efectos deste regulamento, enténdese por carga contaminante
a cantidade total de materias ou formas de enerxía contidas nun
vertido, representada polo conxunto de valores obtidos para cada un
dos parámetros indicados no artigo 10, expresadas nas unidades que
alí se indican.
Artigo 8º.-Métodos de determinación da base impoñible.
A base impoñible determinarase:
a) Con carácter xeral, por estimación directa, mediante
procedementos de medida do volume da auga, ou dos establecidos para
a carga contaminante nos artigos 26º a 28 ºdeste reglamento, así
como a través das declaracións a que fan referencia os artigos 21º
e 29º, respectivamente, cando sexan aceptadas pola Administración.
b) Por estimación obxectiva nos seguintes casos:
b.1. Captacións superficiais, subterráneas ou pluviais de auga ,
cando o volume de auga non sexa medido directamente.
b.2. Cando a base impoñible sexa determinada pola carga
contaminante cando non se efectuase a medida directa da base impoñible.
c) Con carácter supletorio por estimación indirecta segundo as
normas dos artigos 50 e 51 da Lei Xeral tributaria, a Administración
deberá motiva-la adopción desta modalidade en relación coas
circunstancias que expresamente se indican e atenderá para a
cuantificación da base a magnitudes características da actividade
do contribuínte, tales como producción, persoal empregado,
potencia eléctrica contratada, volumes de materias primas ou
similares. A estimación indirecta procederá cando a Administración
non poida chegar a coñece-los datos necesarios para a estimación
completa da base impoñible, debido a algunha das seguintes causas:
c.1.Falta de presentación de declaracións.
c.2.Resistencia, escusa ou negativa á actuación inspectora.
c.3.Incumprimento substancial das obrigas impostas pola normativa
vixente.
Artigo 9º.-Estimación obxectiva da base impoñible expresada en
volume de auga.
1. Nas captacións de augas superficiais ou subterráneas que non teñan
instalados dispositivos de medición de caudais e que fosen obxecto
de concesión ou resolución administrativa, a base impoñible
trimestral será o resultado de dividir por catro o caudal anual máximo
obxecto de concesión.
2. No caso de captacións subterráneas que non teñan instalados
dispositivos de medida directa de caudais, e non fosen obxecto de
concesión nin de resolución administrativa o consumo mensual, para
os efectos da aplicación do canon, avaliarase en función da
potencia nominal do grupo elevador mediante a fórmula:
25.000 x P
Q=----------------
h + 20
No cal:
Q é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.
P é a potencia nominal do grupo ou grupos elevadores expresada en
kilovatios.
h é a profundidade dinámica media do acuífero na zona
considerada, expresada en metros.
3. En caso de aproveitamentos de augas pluviais ou augas
superficiais que non teñan instalados dispositivos de medición de
caudais nin fosen obxecto de concesión ou resolución
administrativa, e nos que a distribución de auga se produza
mediante bombeo, a base impoñible mensual será determinada por
aplicación da seguinte fórmula:
25.000 x P
Q=----------------
20
Na cal P e Q son os valores indicados no punto segundo.
4. Nos aproveitamentos previstos no punto anterior, nos que a
distribución de auga se produza por gravidade a través dunha ou
varias conduccións, a base impoñible trimestral será determinada,
para cada unha delas, por aplicación da seguinte fórmula:
Q = 454 x Qm.
Na cal:
Q é o consumo trimestral facturable expresado en metros cúbicos.
Qm é a capacidade hidráulica máxima da conducción expresada en
metros cúbicos por hora.
Artigo 10º.-Estimación directa da carga contaminante.
1. Os parámetros de contaminación que se considerarán na
determinación da carga contaminante, de acordo co procedemento
previsto no artigo 26º, son os seguintes:
a) Materias en suspensión (MES).
b) Sales solubles (SOL).
c) Materias oxidables (MO).
d) Metais pesados (MP).
e) Materias inhibidoras (MI).
2. A cantidade de contaminación correspondente a cada un dos parámetros
medirase como segue:
a) Nas materias en suspensión, por concentración na auga despois
da solubilización das sales solubles.
b) O contido en sales solubles da auga pola conductividade da auga
(a 25 Cº) expresada en Siemens por centímetro (S/cm). A cantidade
de sal vertido expresarase mediante o producto destas
conductividades polo volume vertido:
SOL = S/cm x m.
c) Nas materias oxidables, pola súa concentración na auga, unha
vez repousadas as materias decantadas en dúas horas.
As materias oxidables determinaranse de acordo coa ecuación:
MO = (2/3)DQO
d) Os metais pesados (MP), pola suma dos miligramos por litro
existentes na auga dos seguintes metais, mercurio Hg, cadmio Cd,
chumbo Pb, aluminio Al, cromo Cr, cobre Cu, níquel Ni e cinc Zn,
afectadas cada unha das concentracións encontradas por un
coeficiente multiplicador en función da súa perigosidade
potencial, de acordo coa seguinte expresión:
Mg/l de equimetal= (200 x mg/l de Hg) + (40 x mg/l de Cd) + (40 x mg/l
de Pb) + (10 x mg/l de Al)+ (4 x mg/l de Cr) + (2 x mg/l de Cu) + (2
x mg/l de Ni) + (1 x mg/l de Zn); e todo iso dividido por «n»,
sendo «n», o número de metais realmente analizados.
e) As materias inhibidoras (MI), pola cantidade contida na auga,
unha vez repousadas as materias decantadas en dúas horas, medindo a
inhibición de mobilidade de Daphnia magna, Strauss, ou ben a
inhibición da luminiscencia de Photobacterium phosphoreum.
Se a medición feita mediante o primeiro dos devanditos métodos
evidencia simultaneamente materias inhibidoras e sales solubles, a
base relativa ás materias inhibidoras reducirase, para os efectos
da súa determinación, en 70 equitox por cada S/cm X m. Sendo:
S/cm= o índice de conductividade do vertido, que determina o seu
contido en sales solubles.
S/cm x m= a cantidade de sales solubles vertidas nun determinado
volume de m de auga.
Equitox= índice de medición das materias inhibidoras presentes na
auga despois de decantala durante dúas horas e medindo a inhibición
de mobilidade de Daphnia magna, Strauss, ou ben a inhibición da
luminiscencia de Photobacterium phosphoreum.
3.Os elementos enumerados nos puntos anteriores serán analizados
segundo os métodos e procedementos detallados no anexo 1 deste
regulamento.
Artigo 11º.-Tipo de gravame.
O tipo de gravame exprésase en pesetas por metro cúbico ou en
pesetas por unidade de contaminación en función da base impoñible
a que deba aplicarse.
Artigo 12º.-Usos da auga para efectos de aplicación do canon.
1. Para os efectos da aplicación do canon reputaranse como usos domésticos
tódolos supostos de utilización da auga que constitúan feito impoñible
daquel que non teñan a consideración de industriais ou asimilados,
segundo o disposto no punto seguinte.
2. Terán a consideración de usos industriais ou asimilados da auga
os efectuados polos usuarios, sexan ou non empresas industriais, nos
que o con
sumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m, ou cando sendo
inferior, orixine contaminación de carácter especial na súa
natureza ou na súa cantidade. Para estes efectos, considerarase que
un usuario orixina tal contaminación, cando medida ou estimada a
contaminación diaria vertida, segundo os parámetros definidos no
artigo 10, resulte que é superior á correspondente a douscentos
habitantes equivalentes.
3. As referencias a un determinado número de metros cúbicos de
consumo para a cualificación de usos domésticos ou industriais
entenderanse con respecto ó ano inmediatamente anterior ou no
suposto de nova creación elevarase o consumo do mes primeiro ó
ano.
Artigo 13º.-Cantidade de contaminación equivalente a un habitante.
Ós efectos do artigo anterior, fíxase como cantidade de
contaminación diaria a considerar por cada habitante ou «habitante
equivalente».
a) 90 gramos de materia en suspensión.
b) 57 gramos de materias oxidables.
Capítulo II
Xestión do canon de saneamento percibido por medio de entidades
subministradoras
Artigo 14º.-Obriga de facturación.
1. Tódalas entidades subministradoras de auga que desenvolvan a súa
actividade no territorio de Galicia están obrigadas a facturar e
recadar dos seus abonados o canon de saneamento.
2. Para este efecto, as entidades subministradoras deberán
adapta-lo formato das súas facturas-recibo ou outros documentos de
xeito que figuren, de forma diferenciada e comprensible os seguintes
datos:
a) O número de metros cúbicos facturados no período de que se
trate.
b) O tipo de gravame en pesetas por metro cúbico, afectado, se é o
caso, dos coeficientes de concentración demográfica que sexan de
aplicación, segundo o previsto na Lei de orzamentos.
c) O importe facturado en concepto de canon.
3. En ningún caso poderá incluírse o canon de saneamento en
documento separado das facturas-recibo que emitan as entidades
subministradoras ós seus abonados.
4. No caso que dentro dun mesmo período de facturación teña lugar
a modificación do tipo de gravame do canon, cada un deles será
aplicado ó volume facturado en proporción ó número de días de
vixencia respectiva dentro do período.
5. As subministracións especiais, domésticas e industriais,
realizadas por calquera entidade subministradora, estarán suxeitas,
se procede, á aplicación do canon. Para a súa facturación e
percepción, as empresas subministradoras quedan obrigadas a
confeccionar, antes do último día do ano natural en que tivera
lugar a subministración, unha factura-recibo coas especificacións
detalladas no número 2 deste artigo e a esixi-lo seu cobro. Terán
a consideración de subministracións especiais, para efectos da
aplicación do canon, os consumos propios das entidades
subministradoras, e as subministracións non facturadas ós
usuarios, sempre que non sexan destinados ós usos indicados no
artigo 4.5º deste regulamento.
6. As entidades subministradoras de auga están obrigadas ó
pagamento das cantidades correspondentes ó canon que non facturaron
ós seus abonados. Esta obriga será esixible desde a data de
expedición das facturas ou dos recibos que se emitisen infrinxindo
as obrigas que impón este artigo, ou ben desde a data límite de
emisión da factura-recibo a que fai referencia o número 5 del.
7. A facturación do canon de saneamento que efectúen as entidades
subministradoras ós seus abonados, terán a consideración de
actuación tributaria reclamable segundo o disposto no artigo 43º
deste decreto, entendéndose efectuada a súa notificación desde
que a devandita facturación fose comunicada en forma fidedigna ó
abonado ou ben desde que exista constancia de que este tivo coñecemento
da facturación.
Artigo 15º.-Facturación segundo carga contaminante.
1. Por iniciativa da Administración, cando a cota resultante da
medición da carga contaminante sexa superior á que se deduza da
determinación do canon por volume de auga utilizado, ou por
solicitude do contribuínte, o tipo aplicable a un abonado de usos
industriais da auga poderá ser individualizado nunha tarifa
unitaria calculada en función da contaminación producida.
2. A medida da carga contaminante efectuarase de acordo cos
procedementos regulados na sección segunda do capítulo III do
presente regulamento e o tipo aplicable que resulte da dita medida
será notificado pola Administración á entidade subministradora
para os efectos da súa aplicación na seguinte factura-recibo
expedida.
Artigo 16º.-Declaración e declaracións-autoliquidacións por
conta das entidades subministradoras.
1. Dentro dos meses de xaneiro e xullo, as entidades
subministradoras presentarán, por cada municipio que abastezan e en
relación cos respectivos semestres naturais de cada ano, as
autoliquidacións, axustadas ó modelo aprobado para o efecto das
cantidades percibidas en concepto de canon naqueles períodos.
2. Dentro do mes de marzo de cada ano as entidades subministradoras
presentarán, tamén por cada municipio, as declaracións resumo do
ano anterior, axustadas ó modelo aprobado para o efecto.
Estas declaracións resumo conterán a determinación do saldo
pendente facturado e non percibido a final de ano e irán acompañadas
de:
a) Unha autoliquidación axustada ó modelo aprobado ó efecto por
cada municipio abastecido, de regularización das cantidades
percibidas ata a data da súa presentación e non liquidadas nos períodos
a que se refire o punto 1.
b) Unha declaración anual do importe facturado neto, unha vez
deducidos erros e anulacións, axustada ó modelo aprobado para o
efecto.
c) Unha relación daqueles abonados ós que se lles facturou o canon
de saneamento de acordo co tipo correspondente ós usos domésticos
e que, ó finaliza-lo ano, consumiron máis de 3.000 metros cúbicos
de auga.
d) Unha relación daqueles abonados ós que se lles facturou o canon
de saneamento de acordo co tipo correspondente ós usos industriais
e que, ó finaliza-lo ano, consumiron menos de 3.000 metros cúbicos
de auga.
3. As cantidades percibidas dos usuarios polas entidades
subministradoras correspondentes ó saldo pendente do ano anterior
incorporaranse ás autoliquidacións do semestre respectivo.
Xunto coa declaración resumo do mes de marzo de cada ano, as
entidades subministradoras procederán a xustificar, na forma que se
detalla no número seguinte, as cantidades aínda non percibidas do
saldo pendente na declaración resumo do mes de marzo do ano
anterior. Esta xustificación terá, en relación cos contribuíntes,
o carácter de declaración para os efectos previstos no artigo 65
da Lei xeral tributaria.
O importe non xustificado do devandito saldo considerarase como débeda
tributaria líquida da entidade, e ingresarase no momento da
presentación da declaración resumo a que fai referencia o punto 2
precedente.
4. A xustificación a que fai referencia o número anterior farase
mediante a presentación dunha relación documentada axustada ó
modelo aprobado para o efecto.
5. Unha vez presentada a documentación detallada no punto anterior
as entidades subministradoras que eventualmente reciban pagamentos
correspondentes a cantidades xustificadas de acordo co procedemento
que se describe deberán ingresa-lo seu importe no organismo xestor,
coincidindo coas autoliquidacións semestrais a que se refire o
punto 1. As autoliquidacións acompañaranse neste caso dunha relación
documentada segundo o modelo aprobado para o efecto.
6. As autoliquidacións a que se refire o presente artigo terán a
consideración de actuacións tributarias impugnables en vía económico-administrativa,
de acordo co que se prevé no artigo 42º.
Artigo 17º.-Liquidacións administrativas e notificacións.
1. A Administración poderá practicar liquidacións provisionais
das declaracións-autoliquidacións presentadas polas entidades
subministradoras co fin de:
a) Corrixi-los erros aritméticos ou de concepto.
b) Rectifica-las autoliquidacións, de acordo cos datos que consten
previamente en poder da oficina xestora.
c) Liquida-la recarga establecida no artigo 61.3 da Lei xeral
tributaria cando o ingreso se producise fóra de prazo.
2. As liquidacións administrativas serán notificadas ás entidades
interesadas, logo do trámite de audiencia, facendo constar:
a) Os elementos básicos determinantes da débeda tributaria.
b) Breve expresión, se procede, dos motivos da corrección ou
rectificación.
c) Os recursos que se poidan interpor.
d) O lugar e os prazos de pago.
3. O rexeitamento da notificación intentada en horas de
funcionamento normal da empresa ou entidade producirá tódolos
efectos propios da notificación sempre que exista constancia por
medio de dilixencia asinada polo empregado de correos ou axente
notificador con expresión da identidade deste, do número da
liquidación e da data e hora do intento. Idénticas consecuencias
seguiranse do rexeitamento da notificación das liquidacións a que
se refiren os artigos 24º e 30º.
Artigo 18º.-Xestión dos saldos pendentes.
As cantidades correspondentes ós saldos pendentes a que fai
referencia o artigo 16º.3, e xustificadas consonte o previsto no
artigo 16º.4, serán notificadas ós interesados pola Administración,
para o seu ingreso en período voluntario antes de pasar, se
procede, á súa exacción en vía de constrinximento segundo o
procedemento previsto no artigo 40º deste regulamento.
Artigo 19º.-Ingresos.
1. O ingreso das débedas tributarias derivadas da xestión do canon
de saneamento efectuarase nas oficinas da Administración designadas
para o efecto así como nas contas restrinxidas de recadación que
sexan autorizadas.
2. Os prazos de ingresos serán:
a) Polas débedas autoliquidadas, simultaneamente coa presentación
da declaración autoliquidación, dentro dos prazos establecidos no
artigo 16º.
b) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas
dentro da primeira quincena de cada mes natural, ata o día 5 do
seguinte mes.
c) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas a
partir do día 16 e ata o remate de cada mes, ata o día 20 do
seguinte mes.
Artigo 20º.-Subvencións.
A Administración xestora poderá establecer subvencións en favor
das entidades subministradoras de auga dirixidas á compensación
dos gastos dos elementos materiais que precisen para levar a termo o
cumprimento das obrigas derivadas da súa intervención na xestión
do canon de saneamento. Para estes efectos, o Consello da Xunta
promoverá a promulgación da correspondente norma habilitante.
Capítulo III
Xestión do canon de saneamento en aproveitamentos efectuados
directamente polo contribuínte
Sección primeira
Procedemento xeral
Artigo 21º.-Declaración inicial.
1. Tódolos titulares e usuarios reais de aproveitamentos de augas
procedentes de captacións superficiais, subterráneas, pluviais ou
de calquera outra procedencia suxeitos ó canon de saneamento, están
obrigados a presentar unha declaración inicial (segundo o modelo
aprobado para o efecto) que conterá tódolos datos e os elementos
necesarios para a aplicación singular do tributo. A devandita
obriga esténdese ós abonados das entidades subministradoras de
auga, nos supostos en que así sexan expresamente requiridos por
parte de Augas de Galicia.
2. A declaración inicial deberá ser presentada ante o organismo
xestor no prazo dun mes contado desde o inicio do aproveitamento.
3. Calquera alteración das características declaradas deberá ser
comunicada ó organismo xestor dentro do prazo dun mes desde o
momento que se produza.
4. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo constituirá
unha infracción sancionable de acordo co disposto no artigo 36º
deste regulamento.
Artigo 22º.-Fixación da modalidade de aplicación do canon e da
tarifa aplicable.
1. A Administración á vista dos datos contidos na declaración
formulada e outros dos cales puidese dispoñer, dictará unha
resolución na cal fixará de maneira singular a modalidade de
aplicación do canon e a tarifa aplicable, expresada en pesetas por
metro cúbico que corresponda a cada contribuínte.
2. A mesma resolución poderá decidir, se procede, sobre outros
aspectos que hai que considerar na aplicación do canon de
saneamento e, en particular, sobre os que fan referencia a prazos de
aplicación e revisións do tipo de gravame fixado.
3. Antes de dicta-la resolución, o expediente deberá poñerse de
manifesto ó interesado, durante un prazo de quince días, nos
seguintes casos:
a) Cando a Administración teña que utilizar datos ou elementos de
xuízo non contidos na declaración.
b) Cando a Administración non acceda ás modalidades de aplicación
solicitadas polo usuario.
4. A tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente, sen
necesidade dunha nova resolución, no caso de producírense por
disposición legal aumentos ou diminucións dos valores asignados ós
parámetros de contaminación, ós valores de base por volume ou
outros elementos da base ou tipo de tributo.
Artigo 23º.-Declaracións periódicas.
1. Os contribuíntes comprendidos no artigo 21º presentarán ó
organismo xestor, dentro dos primeiros vinte días naturais de cada
trimestre, unha declaración segundo modelo aprobado para o efecto
dos volumes de auga consumidos ou utilizados no trimestre inmediato
anterior, coa lectura practicada en calquera dos aparellos de medida
aceptados. Estes aparellos serán declarados polos contribuíntes
mediante modelo aprobado para o efecto.
2. No caso de aproveitamentos que non tivesen instalado un aparello
de medida de volumes farase a avaliación por estimación obxectiva,
segundo dispón o artigo 9º.
Artigo 24º.-Liquidacións e notificacións.
1. O organismo xestor practicará, á vista dos volumes declarados,
a liquidación provisional do trimestre correspondente, que será
notificada ó suxeito pasivo. A regularización das devanditas
liquidacións levarase a cabo nos mesmos termos previstos no artigo
30º.9.
2. No caso de falta de presentación da declaración periódica a
que se refire o artigo anterior, a Administración procederá:
a) A abrir expediente sancionador, segundo prevén os artigos 31º e
seguintes.
b) A practicar e notificar, logo do trámite de audiencia, se é o
caso, a liquidación provisional por estimación indirecta, baseada
no consumo do derradeiro trimestre declarado ou na media dos catro
últimos trimestres declarados, aplicándolle os xuros de demora na
contía regulada no artigo 42º.
c) A requiri-la presentación da declaración.
3. O organismo xestor practicará liquidacións complementarias de
acordo co tipo correspondente ós usos industriais e sobre a
totalidade da base impoñible a aqueles contribuíntes ós que se
liquidou o canon de acordo co tipo doméstico e que, ó finaliza-lo
ano, a suma das declaracións ás que se refire o artigo 23º.1 dese
un resultado superior a 3.000 metros cúbicos. Do mesmo xeito
procederase nos supostos previstos no artigo 16º.2.c).
4. No suposto previsto no artigo 16º.2.d) o organismo xestor, logo
da comprobación dos datos que constan no expediente, procederá, se
é o caso, á devolución de ingresos indebidos.
Artigo 25º.-Ingresos.
Serán de aplicación ó procedemento regulado nos artigos
precedentes as normas do artigo 19º, en todo canto se refira ó
ingreso das cotas tributarias resultantes.
Sección segunda
Normas específicas de procedemento para a determinación da
contaminación producida
Artigo 26º.-Medida directa da contaminación.
1. A Administración, de oficio, poderá aplica-lo canon de
saneamento en función da contaminación producida, determinada por
medida directa de acordo co procedemento establecido nos artigos
seguintes, cando a cota resultante da devandita medición sexa
superior á que se deduza da determinación do canon por volume de
auga utilizado.
2. A execución das probas, análises e mostraxes na que consista a
medida directa será en todo caso levada a cabo ben polo organismo
xestor, ben por un dos establecementos técnicos auxiliares recoñecidos
de acordo co que regulamentariamente se dispoña.
3. O procedemento poderá iniciarse, así mesmo, por instancia do
contribuínte. En tal caso, os gastos xerados pola realización das
operacións de medida serán por conta do solicitante, con
independencia do resultado ou duración das devanditas operacións.
4. Cos resultados obtidos, a Administración resolverá a aplicación
individualizada do canon de saneamento.
Artigo 27º.-Medición inicial.
1. A medida da carga contaminante vertida por un usuario industrial
comezará coa visita das instalacións e a redacción dun informe técnico
no cal se analicen as peculiaridades existentes de xeración de
contaminación:
Usos da auga.
Tipos de procesos.
Productos utilizados.
Perdas de auga por evaporación ou incorporación, así como
posibles incrementos de auga.
Tipos de dispositivos de tratamento das augas residuais ou de
regulación da contaminación.
O informe técnico debe rematar coa proposta dun plan de medicións
e toma de mostras para a caracterización dos vertidos.
2. Para conseguir unha representatividade adecuada da carga
contaminante xerada procederase a unha medición inicial de carácter
continuado. De oficio ou por instancia do interesado poderá
reducirse o tempo de toma de mostras fixado no punto seguinte.
3. O tempo de mostraxe continuado será o correspondente a unha
quenda laboral completa. Se o usuario industrial presentase unha
gran variedade de pro
cesos de fabricación ou puntas de estacionalidade que provoquen
modificacións substanciais na cantidade ou calidade dos vertidos,
este tempo poderá ser ampliado e fraccionado, para os efectos de
tomar mostras significativas dos diversos vertidos. Estas mostras,
debidamente ponderadas, fixarán a cantidade de contaminación
producida, en función dos diversos períodos de fabricación, de
volume de auga e da concentración da contaminación xerada en cada
caso.
4. Durante a medición e toma de mostras, unha representación do
usuario industrial suxeito a control pode acompañar ó persoal
encargado da Administración e pedirlle a entrega de mostras
xemelgas, así como facer constar na dilixencia que levante tódalas
observacións que considere oportunas.
Unha vez rematada a medición, o persoal encargado entregaralle unha
copia da dilixencia levantada, que deberán asinar ámbalas dúas
partes.
5. Os resultados da medición inicial permanecerán vixentes mentres
non sexa revisada de acordo co disposto no artigo 28º.
Artigo 28º.-Revisión da medición inicial.
1. No caso de variacións dos procesos productivos, do réxime de
vertidos ou por calquera outra causa que modifique substancialmente
as condicións nas que se levou a cabo a medición inicial, ou a
declaración de carga contaminante regulada no artigo seguinte, a
Administración de oficio, ou por instancia do contribuínte, poderá
realizar unha nova medición ou ben requiri-la presentación dunha
autodeclaración actualizada, segundo sexa o caso.
2. Os controis puntuais ou continuados que realice a Administración
como comprobación da vixencia da medición inicial ou da declaración
presentada, efectuados segundo o procedemento descrito nos puntos 2,
3 e 4 do artigo 27º, poderán servir como base para a modificación
dos valores das unidades de contaminación.
Artigo 29º.-Declaración da carga contaminante vertida.
1. O procedemento regulado nos artigos precedentes poderá ser
substituído, de oficio ou por petición do interesado, por unha
declaración de carga contaminante presentada polo contribuínte
segundo o modelo aprobado para o efecto.
2. A Administración, antes de dicta-la resolución correspondente,
poderá rectifica-la dita declaración de acordo cos datos de que
dispoña, dando audiencia ó contribuínte.
3. No caso que o contribuínte manifeste a súa desconformidade coa
proposta da Administración esta procederá a realiza-la medición
directa da contaminación de acordo co especificado nos artigos 26º,
27º ou, no caso de concorre-los orzamentos para iso, a súa
estimación obxectiva, segundo o previsto no artigo 8º b).
4. Os resultados da declaración, unha vez aceptados pola
Administración permanecerán vixentes mentres non sexan revisados,
ben sexa de acordo co disposto no artigo 28º ou por unha nova
declaración.
Artigo 30º.-Resolucións de determinación da base impoñible e da
tarifa e liquidacións do canon.
1. De acordo co resultado das operacións efectuadas, que se
incorporarán ó expediente, a Administración, dictará unha
resolución fixando a modalidade de aplicación do canon de
saneamento e os elementos integrantes da base impoñible e da tarifa
expresada en pesetas por metro cúbico.
2. Con carácter previo á súa resolución, o expediente poñerase
de manifesto ó interesado sempre que sexa preceptivo segundo as
normas xerais de procedemento.
3. Na devandita resolución fixaranse, se proceden, o coeficiente
corrector de volume, que expresa a relación existente entre o
caudal de auga vertido e o caudal subministrado e o coeficiente de
vertido ó mar.
Para os efectos da aplicación do coeficiente de vertido ó mar, os
valores de dilución inicial indicados no artigo 40.7º da Lei
8/1993 serán determinados de acordo coa vixente normativa en
materia de conduccións de vertidos desde terra ó mar. De oficio ou
por instancia do interesado, poderán aplicarse outros métodos
autorizados pola Administración.
4. A resolución poderá preve-la realización dun número mínimo
ou determinado de operacións complementarias de medida da carga
contaminante ou de calquera dos elementos que interveñen na
determinación da base impoñible ou no cálculo da cota do tributo.
Así mesmo, tamén poderá preve-la instalación obrigatoria, por
conta do establecemento, de aparellos de medida permanente de
caudais e de mostraxe. Neste último caso a resolución fixará os
datos que deste proporciona-lo suxeito pasivo, a periodicidade
destas e os mecanismos de inspección e acceso do persoal da
Administración para a verificación dos aparellos.
5. A tarifa resultante da resolución indicada no punto primeiro será
de aplicación a partir do período de liquidación seguinte no que
se efectúe a petición por parte dos contribuíntes, ou o inicio
por parte da Administración do procedemento que dá lugar á
determinación da base impoñible por medida directa da contaminación,
a súa modificación nos supostos do Art. 28º, ou a presentación
da declaración de carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º.
6. No suposto de que non se producisen liquidacións correspondentes
á producción do feito impoñible con anterioridade á notificación
da resolución regulada no punto primeiro deste artigo, a tarifa
resultante dela aplicarase ós períodos trimestrais anteriores non
liquidados.
7. No caso de aproveitamentos de augas efectuados directamente polo
contribuínte, as liquidacións correspondentes practicaranse por
trimestres naturais vencidos, e será de aplicación, se é o caso,
o previsto nos artigos 23º e 24º. No caso de abonados conectados a
entidades subministradoras rexerá o indicado no Art. 15º.
8. A petición por parte dos contribuíntes ou o inicio por parte da
Administración do procedemento que dá lugar á determinación da
base impoñible por medida directa da contaminación, de modificación
dela nos supostos do Art. 28º ou a presentación da declaración de
carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º, non suspenderá
a práctica, nin a obriga de atende-lo seu abono, das liquidacións
realizadas de acordo coa modalidade de determinación da base impoñible
existente anterior ó devandito momento, tanto no caso de que o
canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades
subministradoras como se é percibido directamente pola propia
Administración xestora.
9. As liquidacións realizadas nos supostos regulados no punto
precedente terán a consideración de liquidacións provisionais. A
comprobación das anteriores liquidacións provisionais, de oficio,
ou por instancia do suxeito pasivo, será realizada directamente
pola Administración xestora tanto no caso de que o canon de
saneamento sexa percibido por medio das entidades subministradoras
como se é percibido directamente pola propia Administración
xestora.
Capítulo IV
Infraccións e sancións
Artigo 31º.-Infraccións e sancións.
1. O réxime de infraccións e de sancións en materia de canon de
saneamento é o vixente con carácter xeral para o resto dos
tributos da Xunta de Galicia.
2. As sancións por infraccións graves e por infraccións simples
graduaranse e aplicaranse en cada caso segundo os criterios
enunciados nos artigos 82º a 89º, ámbolos dous inclusive, da Lei
xeral tributaria e na normativa dictada para o seu desenvolvemento.
Artigo 32º.-Competencia.
Os expedientes sancionadores por infraccións relativas ó canon de
saneamento incoaranse por acordo do presidente de Augas de Galicia.
As sancións que procedan serán impostas:
a) As que consistan en multa pecuniaria fixa ou proporcional, polo
presidente de Augas de Galicia se corresponden a infraccións
simples e polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda, corresponden a infraccións graves.
b) As que se refiren nos puntos b) e c) do artigo 81.1º da Lei
xeral tributaria, polo conselleiro de Economía e Facenda.
c) As previstas no punto a) do artigo 81.1º da Lei xeral
tributaria, polo Consello da Xunta.
Artigo 33º.-Procedemento.
1. A imposición de sancións tributarias realizarase mediante
expediente independente daqueles instruídos para a comprobación e
investigación da situación tributaria do suxeito infractor.
2. O procedemento iniciarase de oficio mediante acordo do presidente
de Augas de Galicia, por propia iniciativa, por orde superior ou por
petición razoada dos órganos de xestión do canon de saneamento. O
acordo incorporará o nomeamento de instructor.
3. O instructor formulará prego de cargos, que indicará os
seguintes extremos:
a) Identificación da persoa ou entidade presuntamente responsable.
b) Feitos que motivan a incoación, a súa posible cualificación e
a cuantificación das sancións que poidan impoñerse.
c) Órgano competente para a resolución do expediente.
d) Indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no
procedemento.
e) Posibilidade de recusación do instructor.
4. Cando no procedemento sancionador se tomen en conta datos
procedentes dos expedientes de investigación e comprobación da
situación tributaria do suxeito presuntamente responsable, aqueles
serán formalmente incorporados ó expediente sancionador con
anterioridade ó trámite de audiencia.
5. O expediente será instruído de oficio, realizando cantas
actuacións resulten necesarias para determinar, se é o caso, a
existencia da infracción tributaria.
6. Á vista das alegacións formuladas á incoación e ó prego de
cargos, e trala conclusión da instrucción, formularase proposta de
resolución, na que se fixarán motivadamente os feitos constatados
e a súa cualificación xurídica, con determinación da infracción
que poidan constituír, concretarase o seu responsable e a sanción
que se propoña con expresión dos correspondentes criterios de
gradación; noutro caso, se propoñerá a declaración de
inexistencia de infracción ou responsabilidade.
7. A proposta de resolución notificarase ós interesados, con posta
de manifesto do expediente e concesión dun prazo de quince días
para formula-las alegacións e presenta-la documentación que
consideran conveniente.
8. Tralo devandito prazo de alegacións, a proposta será elevada ó
organo competente, xunto coa documentación que consta no
expediente, e cun informe do instructor sobre as alegacións, se se
presentasen.
9. Finalmente, o órgano competente dictará resolución motivada,
á vista dos documentos indicados no punto anterior, con fixación
dos feitos, valoración
das probas practicadas e con determinación da infracción cometida,
do seu responsable e da sanción que se impón xunto cos criterios
de gradación; noutro caso, declararase a inexistencia de infracción
ou de responsabilidade.
10. A resolución, que deberá adoptarse no prazo de seis meses
desde a incoación do expediente, notificarase ós interesados, con
expresión dos medios de impugnación e as correspondentes
instancias e prazos para facelo.
Capítulo V
Outras normas de procedemento
Sección primeira
Procedemento de comprobación e investigación
Artigo 34º.-Actuacións de comprobación e investigación.
1. A comprobación e investigación do canon de saneamento será
exercido por funcionarios do organismo xestor especificamente
nomeados para o efecto polo presidente de Augas de Galicia, e que
actuarán baixo o seu mando. Nembargantes, por proposta do
presidente de Augas de Galicia, o conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá motivadamente
solicita-lo auxilio do persoal inspector da Consellería de Economía
e Facenda
As facultades dos funcionarios antes citados serán as que a
normativa xeral atribúe ós órganos encargados da comprobación e
investigación dos tributos, en particular, as de exame de libros,
documentos e xustificantes contables, coas limitacións que a citada
normativa xeral establece. A entrada e recoñecemento dos predios
levarase a cabo nos termos do artigo 141 da Lei xeral tributaria.
2. Corresponderalle ó presidente de Augas de Galicia dicta-las
liquidacións derivadas das actuacións de comprobación e
investigación; así como resolve-los recursos de reposición que,
se é o caso, se interpoñan contra estas.
Artigo 35º.-Lugar e tempo das actuacións de comprobación e
investigación.
1. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar,
indistintamente, no domicilio do suxeito pasivo ou do seu
representante, onde se realicen as actividades gravadas polo canon
de saneamento ou ben nas dependencias do organismo xestor.
2. Os funcionarios inspectores poderán requiri-la presentación nas
oficinas da Administración dos rexistros e modelos oficiais
referidos ó canon de saneamento indicados neste regulamento. Noutro
caso, os libros e a documentación do suxeito pasivo que teñan
relación co feito impoñible do canon ou coa súa xestión no
suposto das entidades subministradoras, serán examinados no
domicilio destes e na súa presencia ou na do seu representante.
3. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar nos
locais da empresa ou entidade suxeita ás ditas actuacións dentro
da xornada laboral de
oficina ou da actividade que rexa nela. Cando as actuacións teñan
lugar nas oficinas do organismo xestor, axustaranse ó horario
oficial deste.
4. As actuacións que se van efectuar nas dependencias do organismo
xestor iniciaranse mediante comunicación debidamente notificada
cunha antelación mínima de dez días. A recepción da comunicación
producirá os seguintes efectos:
a) Interrupción dos prazos de prescrición ou caducidade da acción
administrativa que estivese en curso.
b) Os ingresos que puidesen efectuarse con posterioridade terán o
carácter de ingresos a conta e non impedirán a aplicación das
sancións polas infraccións nas que o obrigado tributario incorrese.
Os mesmos efectos producirá a comparecencia en forma dos
funcionarios actuantes nos locais ou oficinas do obrigado
tributario, documentada mediante unha dilixencia.
Artigo 36º.-Expediente de comprobación e investigación.
1. Os expedientes de comprobación e investigación comprenderán tódolos
documentos que emitan os funcionarios actuantes coa finalidade de
recolle-los resultados das actuacións de comprobación e
investigación.
2. Se dos expedientes anteriores resultasen diferencias coas
declaracións dos suxeitos pasivos, procederase a practica-la
oportuna liquidación complementaria de oficio, por parte do
organismo xestor.
Artigo 37º.-Documentación das actuacións de inspección e
comprobación.
1. As actuacións de inspección e comprobación do canon de
saneamento documentaranse en actas ou en dilixencias.
2. Os resultados das actuacións inspectoras nos que se propoña
unha liquidación tributaria documentaranse en actas, co contido
previsto no artigo 145 da Lei xeral tributaria e na súa normativa
de desenvolvemento.
3. As actuacións inspectoras consistentes en medición de caudais
de abastecemento ou de vertido ou de medición de contaminación, e,
en xeral, aquelas non tendentes directamente á determinación da débeda
tributaria, documentaranse en dilixencias, nas que se fará constar,
como mínimo, o seguinte:
a) Identificación do inspector e do suxeito pasivo ou do seu
representante.
b) Lugar e tempo das actuacións.
c) Descrición das operacións técnicas levadas a cabo e resultado
das medicións in situ.
d) No caso de toma de mostras, ofrecerase unha mostra xemelga ó
interesado.
e) As alegacións e manifestacións do interesado, se é o caso.
Sección segunda
Imposición de sancións derivadas das actuacións de comprobación
e investigación
Artigo 38º.-Procedemento.
Cando, no curso das actuacións de comprobación e investigación,
se observe a comisión de presuntas infraccións tributarias,
procederase á iniciación do correspondente expediente sancionador,
que será tramitado separadamente e consonte os termos dos artigos
31º e seguintes deste regulamento.
Sección terceira
Procedemento de recadación
Artigo 39º.-Recadación.
A recadación en período voluntario, dentro dos prazos
establecidos, correspóndelle ó organismo xestor, con suxeición ás
normas do Regulamento xeral de recadación e disposicións
modificativas e complementarias.
A recadación en periodo executivo corresponderá á Consellería de
Economía e Facenda.
Artigo 40º.-Recadación en vía de apremio.
1. Transcorridos os prazos de recadación en período voluntario, a
Intervención Delegada do organismo xestor procederá a estender:
a) Certificación de descuberto das débedas tributarias
individualizadas das entidades subministradoras de auga ou dos
titulares ou usuarios reais de aproveitamento de auga.
b) Relación certificada das débedas non pagadas dos usuarios.
2. Os títulos executivos serán enviados ó órgano competente da
Consellería de Economía e Facenda, que dictará a correspondente
providencia de constrinximento.
Estes títulos terán a mesma forza executiva que a sentencia
xudicial para proceder contra os bens e dereitos dos debedores.
3. O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación
e as súas disposicións modificativas e complementarias.
Artigo 41º.-Aprazamentos e fraccionamentos.
1. A competencia para outorgar aprazamentos e fraccionamentos das débedas
tributarias, en período voluntario, correspóndelle ó presidente
de Augas de Galicia.
O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación
e as súas disposicións modificativas e complementarias.
2. A facultade prevista no artigo 53 do Regulamento xeral de
recadación, en casos en que se dean circunstancias excepcionais ou
razóns de interese público correspóndelle ó conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
Artigo 42º.-Xuros de demora.
1. A falta de ingreso dentro dos prazos regulamentarios das cotas
debidas e notificadas pola Administración por canon de saneamento,
determinará a esixibilidade de xuros de demora desde o día
seguinte ó seu vencemento.
2. Cando o ingreso da débeda tributaria teña lugar fóra do prazo
establecido sen previo requirimento serán de aplicación as
recargas establecidos na Lei xeral tributaria.
3. O tipo de xuro de demora cando proceda a súa aplicación será o
establecido para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.
Sección cuarta
Procedemento de revisión
Artigo 43º.-Actos impugnables.
1. Poden ser obxecto de reclamación económico-administrativa, logo
de, potestativamente, recurso de reposición:
a) As liquidacións provisionais ou definitivas a que se refiren os
artigos 17º, 24º, 30º e 34º.
b) Os actos administrativos de fixación das tarifas e modalidades
regulados nos artigos 22º e 30º.
c) As providencias de constrinximento a que se refire o artigo 40º.2.
d) Os actos de imposición de sancións, previstos nos artigos 31º
a 33º.
e) Calquera outro acto administrativo que, provisional ou
definitivamente, declare un dereito ou unha obriga e os de trámite
que decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto.
2. Teñen a consideración de actuacións tributarias impugnables en
vía económico-administrativa:
a) As actuacións reguladas no artigo 16º, logo de instancia ante
os órganos de xestión da súa confirmación ou rectificación.
b) Os actos das entidades subministradoras a que se refire o artigo
14º.7.
Artigo 44º.-Competencia.
1. É competente para resolve-los recursos de reposición o mesmo órgano
que dictase o acto obxecto do recurso.
2. As reclamacións económico-administrativas serán resoltas polo
Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma.
Artigo 45º.-Procedemento.
1. O prazo para a interposición do recurso potestativo de reposición
é de quince días contados desde a notificación do acto impugnado.
2. O prazo para a interposición da reclamación económico-administrativa
é de quince días contados:
a) Cando se interpoña directamente, desde a data de notificación
do acto impugnados.
b) Cando se interpuxese recurso de reposición previo, desde a
notificación do acto expreso resolutorio do recurso.
c) Cando este non se resolvese no prazo de trinta días desde a súa
interposición, o recorrente poderá consideralo desestimado e
inicia-la vía económico-administrativa. Ó notificarse a resolución
expresa e con independencia do tempo transcorrido desde a
desestimación presunta, comezará a computarse o prazo a que se
refire o punto 2 anterior.
3. O procedemento do recurso de reposición axustarase ás normas do
Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro de 1979, e as suas
disposicións modificativas e complementarias.
4. O procedemento da reclamación económico-administrativa
axustarase ás normas do Regulamento de procedemento na materia.
Disposicións adicionais
Primeira.-Para a estimación obxectiva da carga contaminante o
Consello da Xunta aprobará por decreto as táboas que conteñen as
clases de actividades, as súas magnitudes características e os
coeficientes específicos de contaminación correspondentes a cada
actividade.
Segunda.-As normas técnicas referenciadas no anexo deste
regulamento entenderanse sempre en relación coa última actualización
publicada e serán substituídas polas normas UNE equivalentes, a
partir do momento da súa publicación.
ANEXO
Métodos analíticos e procedementos para a determinación dos parámetros
de contaminación.
1. Preparación e conservación da mostra.
Tódalas augas sometidas a análise pasaranse previamente por un
baruto de malla cadrada de cinco (5) milímetros.
A determinación das materias oxidables e das materias inhibidoras débese
efectuar sobre mostras decantadas durante dúas horas.
A decantación previa á medición das materias oxidables e materias
inhibidoras efectuarase da seguinte forma: verterase un litro de
auga que se analizara dentro da probeta. Despois de deixala repousar
durante dúas horas e sen engadirlle as materias decantadas ou as
que poidan flotar, succionaranse por sifón cincocentos mililitros
(500 ml) de auga, mantendo a boca do instrumento de succión no
centro dunha sección da probeta, a media altura entre a superficie
do lodo depositado e a superficie do líquido. O diámetro interior
do tubo de succión será de cinco milímetros (5 mm).
Para información, anotarase o volume de materia decantada en dúas
horas, lido sobre a probeta de decantación.
No caso particular de que a carga contaminante, en materias
oxidables ou en materias inhibidoras, da auga que se vai analizar
estivese concentrada na parte flotante, a preparación da mostra que
se vai analizar deberíase facer, como no caso xeral, sobre auga
decantada durante dúas horas. Así mesmo, rematada a decantación
succionaranse as materias sedimentadas e homoxeneizarase
adecuadamente o resto, da que se separarán, nas condicións
habituais, cincocentos (500) ml que servirán para a análise. As
determinacións da DQO e das materias inhibidoras faranse sobre a
mostra así obtida.
Para esta decantación utilizarase preferentemente unha probeta
especial formada por unha parte cónica e unha cilíndrica. A parte
cónica, de 19 cm de altura, terá un ángulo de vértice da
xeratriz co eixe, de nove graos sesaxesimais (9). A parte cónica
quedará coroada pola parte cilíndrica de trinta centímetros (30
cm) de altura e seis centímetros e medio (6,5) de diámetro
interior. Por outra banda poderase utilizar unha probeta similar
sempre que a altura de sedimentación sexa a establecida (49 cm). As
probetas poderán ter unha billa no extremo inferior para
facilita-las operacións de succión e limpeza.
2. Método para a determinación das materias en suspensión.
As materias en suspensión serán medidas segundo a norma UNE-EN
872, de setembro de 1996, seguindo o sistema de filtración por
discos filtrantes de fibra de vidro.
No caso de que o filtrado anterior non sexa efectivo utilizarase
como sistema alternativo a técnica de centrifugación realizada
segundo a norma Afnor T 90-1054-2, de xaneiro de 1997.
No caso de mostras que conteñan sales solubles non disoltas, as
materias en suspensión mediranse despois de solubiliza-las citadas
sales solubles, o que se realizará diluíndo a mostra con auga
permutada ou destilada ata que a conductividade sexa inferior a
cincocentos microsiemens por centímetro (500 micro s/cm).
Controlarase este valor e comprobarase que permanece constante
durante un cuarto de hora, mentres se remove a mostra. Procederase
entón á medición das materias en suspensión, tal como indica a
norma, tendo en conta o factor de dilución no resultado final.
O conxunto de materias en suspensión poderá ser obxecto de
corrección no caso de utilizar un aparello de captación continua,
por ter en conta a captación imperfecta de materias en suspensión.
Neste caso, tomarase manualmente unha mostra representativa dunha
hora de vertido, polo menos, e mediranse as materias en suspensión
totais contidas nesta mostra. Calcularase, entón, a relación entre
as materias en suspensión contidas, por unha banda, nesta mostra
manual, e por outra, na mostra elemental levantada polo aparello
durante o mesmo período de tempo, e, a continuación,
multiplicaranse por este coeficiente os contidos das materias en
suspensión totais
obtidos nas diversas mostras elementais que proporcionase o aparello
de mostraxe automática.
3. Método para a determinación da demanda química de osíxeno.
De forma xeral a determinación da demanda química de osíxeno
efectuarase, sobre a auga decantada durante dúas horas, polo método
do dicromato potásico segundo a norma Afnor T 90-101. Logo do
acordo entre a Administración xestora e o contribuínte, poderase
segui-la norma Une 77-004-89 ou un método reducido equivalente.
No caso de mostras con contidos salinos, superiores a 3 g/l,
seguirase o método 508 D referenciado na Standard Methods 16th
Edition.
No caso de mostras que poidan presentar valores de DQO inferiores a
50 mg/l empregarase o método 5220B.4b referenciado na Standard
Methods 17th Edition.
4. Método para a determinación das sales solubles.
Enténdese por sales solubles dunha auga o conxunto da masa salina
contida nela. A determinación das sales solubles efectuarase
segundo a norma Afnor T 90-111 expresando os resultados a 25º C.
5. Método para a determinación das materias inhibidoras
A determinación de materias inhibidoras efectuarase sobre a auga
decantada durante dúas horas, baseándose na determinación da
inhibición da mobilidade de Daphnia-Magna-Strauss de acordo coa
norma UNE-EN-ISO 6341, ou ben na inhibición da luminiscencia da
Photobacterium phosphoreum, de acordo coa norma Afnor T 90-320.
No caso de utilizarse o método descrito na norma Afnor T 90-320, os
equitox deberán determinarse a 15 minutos (15').
Para a conservación da mostra seguiranse as indicacións marcadas
en cada unha das normas.
Para os efectos da determinación do canon de saneamento, os
resultados que presenten valores inferiores a 1 equitox/m serán
considerados coma de valor 0.
6. Método para a determinación de metais pesados.
6.1. Método para a determinación do mercurio.
A mostra filtrada, inmediatamente despois da toma, a través dunha
membrana filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (exenta
de mercurio), preservarase engadindo ácido nítrico concentrado
(d=1,4 g/ml) ata axustala a un pH igual ou inferior a 1 e engadindo
a continuación unha solución de permanganato potásico (50 g/l) á
dose de 4 ml de solución por litro de mostra.
A determinación do mercurio efectuarase segundo o método descrito
na norma UNE-EN 1483, de xaneiro de 1998.
6.2. Método para a determinación dos metais cadmio, cobre, níquel,
chumbo, cromo, cinc e aluminio.
Para a determinación do contido en metais disoltos, a mostra
deberase filtrar, inmediatamente despois da toma, por unha membrana
filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (previamente
lavada cunha solución de ácido nítrico 1,5 M). O filtrado
destinado a análise deberase preservar en frascos de polietileno,
acidificándoo con ácido nítrico concentrado (d=1,40 g/ml) ata un
pH inferior a 2 (xeralmente abondará coa adición de 5 ml de ácido
nítrico concentrado por litro de mostra).
A determinación de cobre, níquel, chumbo, cinc e aluminio
efectuarase segundo o método descrito na norma UNE 77-056-83, de
maio de 1983.
A determinación do cadmio efectuarase por espectrometría de
absorción atómica de lapa segundo o método descrito na norma
UNE-EN-ISO 5961, de decembro de 1995.
A determinación do cromo efectuarase por espectrometría de absorción
atómica de lapa segundo o método descrito na norma UNE-EN 1233, de
febreiro de 1997.
O método anteriormente mencionado para a determinación do cobre, níquel,
chumbo, cinc e aluminio poderá ser substituído polas normas UNE-EN
equivalentes para cada metal, a partir do momento da súa publicación.
|