|
DECRETO
63/1997, DE 14 DE MARZO,
por el que se regula el ejercicio de determinadas funciones, en
relación con la tramitación de los aprovechamientos hidroeléctricos
con potencia nominal no superior a 5000 KVA, en las cuencas de
Galicia-Costa. (DOG Nº62, 02.04.97)
O
R.D. 916/1985 do 25 de maio, modificado polo R.D. 249/1988 de 18 de
marzo, regula a tramitación de concesións e autorizacións
administrativas para a instalación, ampliación e adaptación de
aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000
quilowatios. Estas disposicións prevén a posibilidade de que os
interesados na posta en funcionamento desta instalación presenten
no mesmo acto e perante o mesmo órgano, a documentación
correspondente a todo o proceso de autorización, independentemente
do órgano competente da súa resolución. Neste sentido, á parte
do proxecto que conteña as obras e instalacións do aproveitamento,
tamén presentarán o proxecto relativo ás instalacións electromecánicas
e a solicitude da utilidade pública, cando fose necesario, para
efectos de expropiación forzosa.
Nesta Comunidade Autónoma, no proceso de concesións e autorizacións
dos aproveitamentos hidroeléctricos inferiores a 5.000 quilowatios,
ten un tratamento independente a declaración de impacto ambiental e
de efectos ambientais, competencia da Comisión Galega de Medio
Ambiente e reguladas por Decreto 442/1990, do 13 de setembro e
Decreto 327/91, do 4 de outubro, respectivamente.
Ante o conxunto de expedientes relativos a esta materia, no momento
actual, o presente decreto pretende, por un lado, que exista un
interlocutor único, encargado da recepción e da parte da tramitación
da concesión e autorización solicitadas, sen prexuízo da
competencia dos órganos en cada materia e, polo outro, que algúns
trámites poidan realizarse no mesmo acto independentemente da
materia á que se refiran, especialmente á publicación nos boletíns
oficiais e ás informacións públicas, co cal se simplificará e se
axilizará a tramitación dos expedientes de aproveitamentos hidroeléctricos
desta clase.
Esta Comunidade Autónoma é competente, de conformidade co artigo
27.12º do Estatuto de autonomía de Galicia, para a regulación dos
aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran integramente
dentro do seu territorio.
En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia e
Administración Pública e logo de deliberación do Consello da
Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día catorce de marzo de mil
novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Autorízase ó organismo autónomo Augas de Galicia a realiza-las
funcións de tramitación encomendadas
á Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente así como
as atribuídas ó órgano ambiental galego en relación ós
expedientes de estudios de impacto ambiental e de efectos ambientais
ós que se refiren o apartado 1 do artigo 5 e os apartados 1, 3 e 4
do artigo 2 dos decretos 442/1990 e 327/1991, respectivamente, no
que respecta ós procedementos administrativos de outorgamento de
novas concesións e autorizacións para a instalación de
aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000
quilowatios nas concas de Galicia costa.
Artigo 2º
Facúltase a Augas de Galicia para a cualificación dos proxectos co
fin de clasificalos como de impacto ambiental ou de efectos
ambientais conforme o disposto nos artigos 1 do Decreto 442/1992 e 1
do Decreto 327/1991, respectivamente.
Artigo 3º
Augas de Galicia requirirá ó promotor de calquera proxecto deste
tipo de aproveitamentos hidroélectrico que precise ser sometido a
declaración ambiental, a presentación, unha vez realizada a
cualificación previa mencionada no artigo anterior perante este
organismo, dun número mínimo de sete exemplares do estudio de
avaliación medioambiental e un máis por cada concello que poida
resultar afectado pola execución das obras e actividades que se
pretendan.
Artigo 4º
Ó mesmo tempo que se fai a publicación no diario oficial da
provincia e se somete a información pública o expediente de
concesión e autorización do aproveitamento hidroeléctrico,
procederase polo organismo autónomo Augas de Galicia, na mesma
información pública ó trámite correspondente referido ós
aspectos ambientais das obras e instalacións.
Igualmente e para os efectos de facilitarlles, ós cidadáns o
exercicio do dereito de información pública, remitirase un
exemplar do estudio de efectos ambientais á Comisión Provincial de
Medio Ambiente respectiva e a cada un dos concellos que poidan
resultar afectados conforme os proxectos de execución das obras e
das instalacións que se pretende.
Artigo 5º
Previamente á publicación e á exposición pública sinaladas no
artigo anterior, remitiráselle á Secretaría Xeral de Proteccion
Civil e Medio Ambiente, un exemplar do proxecto e outro do estudio
ambiental, así como unha copia do texto do anuncio de información
pública. De non recibirse ningunha contestación no prazo de cinco
días, entenderase a conformidade da secretaría xeral co contido do
anuncio.
Artigo 6º
Rematado o prazo de información pública e unha vez recibidos os
informes e as alegacións relativas á materia medioambiental, o
organismo autónomo Augas de Galicia remitirallos á secretaría
xeral do órgano administrativo ambiental, para a emisión da
declaración ambiental correspondente pola Comisión Galega de Medio
Ambiente.
Artigo 7º
Unha vez recibido e analizado o expediente e antes da emisión da
declaración ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente, se o
considera conveniente, comunicaralle ó organismo autónomo Augas de
Galicia os aspectos nos que o estudio debe ser completado.
Este derradeiro órgano solicitará do promotor do proxecto a remisión
da documentación necesaria, que deberá achegala no prazo de vinte
días hábiles.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración
Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o
desenvolvemento e execución do presente decreto.
Segunda.
1. Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
2. Sen prexuízo do anterior, manterán a súa efectividade tódolos
actos administrativos dictados por Augas de Galicia en relación co
regulado nesta norma ata a súa data de publicación.
Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e
sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
|