Publicado o Decreto
232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica
dos departamentos
da Xunta de Galicia, cómpre a revisión do seu artigo 1, referido
á estrutura dos órganos superiores da Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar, así como dos seus órganos directivos.
Así mesmo, cómpre esclarecer a adscrición da Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural á Consellería do Medio Rural.
Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 4.15º da Lei de
Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu
presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de
outubro, por iniciativa do vicepresidente da Igualdade e do
Benestar e do conselleiro do Medio Rural, e por proposta do
conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,
logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa
reunión do día un de setembro de dous mil cinco,
DISPOÑO:
Artigo primeiro
Modifícase o artigo 1 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo
que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de
Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:
a) A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar estrutúrase nos
seguintes órganos superiores e directivos:
1. Secretaría Xeral e de
Relacións Institucionais.
2. Secretaría Xeral da Igualdade.
3. Secretaría Xeral do Benestar.
3.1. Dirección Xeral de Acción Social.
3.2. Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
b) Queda adscrito á Vicepresidencia o organismo autónomo Servizo
Galego de Promoción da Igualdade
do Home e da Muller.
Artigo segundo
Engádese unha nova
disposición adicional, oitava, ao Decreto 232/2005, do 11 de
agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos
da Xunta de Galicia, que quedará redactada nos termos seguintes:
Oitava.-As referencias
contidas na normativa reguladora da Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural, en canto ao conselleiro e á Consellería
de Economía e Facenda, deberán entenderse referidas ao
conselleiro e á Consellería do Medio Rural.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en
vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela,
un de setembro de dous mil cinco.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza