|
DECRETO
274/2003, DE 4 DE XUÑO, da Consellería de Pesca e Asuntos
Marítimos, polo que se regula o procedemento de obtención
do permiso e concesión de actividade para os establecementos
de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre. (DOG
Nº110, 9/06/2003)
Disposición
A Comunidade
Autónoma de Galicia foi pioneira no exercicio e na regulación
acuicultura mariña, erixíndose hoxe como un sector económico
de primeira magnitude en constante expansión, tanto empresarial
como en materia de investigación e desenvolvemento. Máis
de tres mil bateas, gaiolas de cultivo ou as numerosas granxas mariñas
que se instalan na orla do litoral galego constitúen un importante
potencial xerador de emprego na economía litoral que se enmarca
na máis xenuína tradición marítima galega
que desde o século XIX destacou no cultivo de mariscos e que
deu lugar a unha interesante normativa.
Os artigos
148.1.11 da Constitución e 27.15º do Estatuto de autonomía
para Galicia, atribúen a nosa comunidade autónoma a
competencia exclusiva en materia de acuicultura. En desenvolvemento
desta competencia, a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia,
regula a acuicultura mariña, tanto a que se realiza na zona
marítima, como a que se leva a cabo na zona marítimo-terrestre
ou terrestre.
A Lei
de pesca de Galicia atribúelle, no seu artigo 10, á
Administración autonómica o outorgamento dos títulos
administrativos habilitantes para o exercicio da actividade, incluso
cando esta se desenvolva en terreos de dominio público estatal.
Tal atribución foi declarada constitucional, sen infracción
das competencias estatais, á luz do artigo 112 d) da Lei 22/1988,
do 28 de xullo, de costas, polo Tribunal Constitucional na súa
sentencia 9/2001, do 18 de xaneiro, ó indicar que o réxime
xeral previsto na Lei de costas, que atribúe ó Estado
a competencia para outorgar autorizacións e concesións
para a ocupación do dominio público estatal, encontra
a súa excepción na propia Lei de costas para os supostos
de cultivos mariños, onde a intervención do Estado para
autoriza-la ocupación do demanio prodúcese, non a través
da concesión ou acto específico correspondente, senón
mediante a emisión dun informe con carácter preceptivo
e vinculante.
Á
acuicultura mariña en zona terrestre refírese o artigo
66 da Lei de pesca de Galicia, que menciona dous posibles títulos
habilitantes para a instalación de establecementos de acuicultura
e auxiliares de acuicultura en zona terrestre: o permiso de actividade,
cando non se requira ocupar terreos de dominio público, e a
concesión, cando a instalación si precise de tal ocupación;
concesión que, trala sentencia do Tribunal Constitucional 9/2001
antes citada e segundo o artigo 10 a) da Lei de pesca de Galicia,
debe ser cualificada de actividade, e na que necesariamente debe integrarse
o informe da Administración do Estado antes referido sobre
a ocupación do dominio público. Deste xeito, considérase
necesario proceder á modificación da normativa contida
no Decreto 193/1997, do 15 de xuño, polo que se determinan
as condicións para o outorgamento do permiso de actividade
para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados
na zona terrestre, ata agora vixente. Así, neste novo decreto
recóllese a doutrina constitucional antes sinalada, regulando
a concesión de actividade como título administrativo
habilitante para a instalación dos establecementos de acuicultura
en zona terrestre que precisen da ocupación de terreos de dominio
público marítimo-terrestre, integrándose nela
o contido do informe estatal sobre a ocupación do demanio.
Prevese, tamén, que se transcorren tódolos prazos sinalados
sen que emita o informe a Administración estatal, poida continuarse
coa tramitación do procedemento, unha previsión que
ten o seu acomodo no artigo 83.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común.
Igualmente,
prevense mecanismos de coordinación interadministrativa nos
procedementos para a obtención do permiso de actividade, ou
se é o caso, concesion de actividade, como é a tramitación
da información pública cando a instalación de
acuicultura estiver suxeita ó procedemento de avaliación
de impacto ambiental ou de efectos ambientais, ou precisar da autorización
de verteduras, na procura de que sexan máis áxiles no
seu desenvolvemento; lentitude que ata agora se consideraba como a
principal traba que lastraba a expansión dun sector, como o
acuícola, de vital importancia no desenvolvemento económico
da nosa comunidade autónoma, e que co presente decreto se pretende
eliminar.
En consecuencia,
por proposta do conselleiro dePesca e Asuntos Marítimos, de
acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación
do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día
catro de xuño de dous mil tres,
DISPOÑO:
Capítulo
I
Disposicións
xerais
Artigo
1º.-Do obxecto.
O obxecto
do presente decreto é a regulamentación dos procedementos
administrativos para o outorgamento, modificación, prórroga
e transmisión dos títulos administrativos habilitantes
para a realización de actividades de acuicultura mariña
na zona terrestre.
Artigo
2º.-Dos títulos administrativos habilitantes.
1. Os
establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura mariña
na zona terrestre requirirán do permiso de actividade outorgado
pola consellería competente en materia de acuicultura, sen
prexuízo dos permisos, licencias e autorizacións que
corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas
competencias.
2. Cando
para o desenvolvemento da actividade de acuicultura sexa preciso,
ademais, ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre,
de conformidade co establecido no artigo 112, punto d), da Lei 22/1988,
do 28 de xullo, de costas, corresponderá a Administración
do Estado emitir informe, con carácter preceptivo e vinculante,
sobre tal ocupación, que se integrará na concesión
de actividade que outorgará a consellería competente
en materia de acuicultura.
Artigo
3º.-Duración do permiso e da concesión de actividade.
1. O
permiso de actividade outorgarase por un período máximo
de 10 anos, prorrogables por períodos de igual duración.
2. No
caso de que o establecemento precise da ocupación de dominio
público marítimo-terrestre, a concesión de actividade
outorgarase por un período máximo de 10 anos, prorrogables
por períodos de igual duración ata un máximo
de 30 anos, no caso de que se demostre a rendabilidade e bo uso da
explotación.
Artigo
4º.-Do órgano competente.
Enténdese
por órgano competente para a tramitación dos procedementos
regulados no presente decreto a consellería que teña
as competencias en materia de acuicultura e, dentro desta, o órgano
que teña atribuída no decreto de estructura orgánica
a dita función.
Artigo
5º.-Da extinción.
O permiso
e a concesión de actividade extinguiranse, ademais de polas
causas previstas no artigo 72 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia,
polas seguintes:
a) A
non remisión dos datos estatísticos ós que se
refire o artigo 18 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística
de Galicia, á consellería competente en materia de acuicultura,
logo do incumprimento de dous requirimentos.
b) O
non aboamento dos cánones establecidos, cando o seu importe
non poida facerse efectivo pola vía de constrinximento.
c) O
incumprimento dos obxectivos de rendabilidade previstos no proxecto
de acuicultura, cando os mesmos foran imputables ó titular
da explotación.
d) As
causas recollidas na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, para
a extinción das concesións de ocupación de dominio
público marítimo-terrestre.
Artigo
6º.-Da cooperación interadministrativa.
De conformidade
co disposto no artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo comun, e no artigo 116 da Lei 22/1988, do 28 de xullo,
de costas, as administracións intervinientes nos procedementos
regulados no capítulo II deberán axusta-la súa
actuación ós principios de cooperación e colaboración
interadministrativa para garanti-la eficacia e celeridade na tramitación
do permiso de actividade e, se é o caso, concesión,
necesarios para a realización de actividades de acuicultura
na zona terrestre.
Capítulo
II
Dos procedementos
administrativos
Sección
primeira
Procedemento
de outorgamento
Artigo
7º.-Tramitación.
O procedemento
para a obtención do permiso de actividade e, se é o
caso, da concesión de actividade, rexerase polas normas previstas
no presente decreto e no non regulado neste, axustarase ó establecido
na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do
13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do pocedemento administrativo común.
Artigo
8º.-Da solicitude.
1. A
solicitude para a instalación de establecementos de acuicultura
e auxiliar de acuicultura en zona terrestre deberá dirixirse
ó conselleiro competente en materia de acuicultura e presentarase
en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992,do 26
de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
2. Á
solicitude, que deberá axustarse ó modelo que figura
como anexo número I do presente decreto, deberá xuntarse,
alomenos, a seguinte documentación:
a) Acreditación
da personalidade do peticionario mediante:
1º
Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte do solicitante, se é
persoa física. No caso de propiedade compartida en réxime
de gananciais ou proindiviso, achegarase o DNI ou pasaporte de tódolos
copartícipes.
2º
Nos supostos de sociedades mercantís, escritura da súa
constitución ou modificación, se é o caso, inscritas
no Rexistro Mercantil, cando este requisito fora esixible conforme
coa lexislación mercantil que lle fora aplicable; así
como copia dos estatutos polos que se rexa e acreditación da
representación e documento nacional de identidade de quen actúa
no seu nome. Nos supostos doutras persoas xurídicas, copia
da escritura ou documento de constitución, os seus estatutos
ou acto fundacional, no que consten as normas polas que se rexe, coa
inscrición destes no rexistro público correspondente
e acreditación da representación e documento nacional
de identidade de quen actúa como representante.
b) A
que acredite a titularidade dos terreos. Se o solicitante non fose
o titular deles, deberá achega-la documentación que
acredite o réxime de ocupación dos mesmos e na que se
inclúa a autorización expresa do seu titular para instala-lo
establecemento e dedicalo á actividade acuícula solicitada
durante, como mínimo, o período de vixencia do título
administrativo habilitante.
c) Proxecto
do establecemento, subscrito por técnico competente, que incluirá
planos, información fotográfica da zona e orzamento
das obras que se van realizar.
d) Estudio
económico-financeiro para o período de vixencia da explotación
previsto na solicitude, subscrito por técnico competente, que
analice a rendabilidade da explotación con base en dous escenarios
económicos, á alta e á baixa, e desenvolva a
evolución previsible da explotación.
e) Memoria
técnico-biolóxica asinada por técnico competente
que, como mínimo, incluirá unha descrición detallada
da actividade que se vai desenvolver, especies obxecto de explotación
e circulación hidráulica.
f) Acreditación
da dispoñibilidade da capacidade técnica axeitada ós
requirimentos do establecemento de que se trate.
g) Informe
do órgano ambiental no que se sinale o tipo de trámite
ambiental ó que se someterá o proxecto.
h) Xustificante
de estar ó corrente nas súas obrigas coa Seguridade
Social e coa Facenda Pública.
i) Xustificante
do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma de
Galicia.
3. No
caso de que o establecemento precise da ocupación de dominio
público marítimo-terrestre, ademais da documentación
requirida no punto anterior, esixirase a que se relaciona a seguir:
a) Plano
1/1000 no que se represente a liña de deslinde e a superficie
de dominio público marítimo-terrestre que se vai ocupar.
b) Certificación
catastral correspondente ós terreos colindantes.
c) Xustificante
acreditativo de constitución, ante a consellería competente
en materia de acuicultura, da fianza ou garantía provisional
correspondente ó 2% das obras para realizar, se é o
caso, no dominio público marítimo-terrestre, segundo
o artigo 88.1º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
d) Plano
de planta e carta naútica ou outra representación cartográfica,
con coordenadas e batimetría.
4. No
suposto de que o establecemento precise da autorización de
verteduras, ademais da documentación requirida nos puntos anteriores,
esixirase a que se relaciona a seguir:
a) Volumes
de auga consumidos e verteduras.
b) Punto
de vertedura (coordenadas UTM).
c) Características
analíticas da vertedura.
d) Proxecto
técnico das instalacións de tratamento da vertedura.
Artigo
9º.-Emenda da solicitude.
1. Presentada
a solicitude, a consellería competente en materia de acuicultura
comprobará que se acompaña de toda a documentación
requirida. No suposto de faltar algún dos documentos previstos
pola presente norma, notificaráselle ó solicitante para
que emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días a
contar desde o día seguinte ó da notificación
realizada.
2. Se
o solicitante non emenda as deficiencias, considerarase desistido
da súa solicitude, logo de resolución, de conformidade
co disposto nos artigo 71 e 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
modificada pola Lei 4/ 1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
10º.-Información pública.
1. Unha
vez completa a documentación, abrirase un período de
información pública, mediante a súa inserción
no Diario Oficial de Galicia, que non será inferior a 20 días
para efectos da presentación de posibles alegacións.
2. Exceptuaranse
do trámite de información pública aqueles datos
da solicitude que, de acordo coa lexislación vixente, gocen
de confidencialidade.
3. No
suposto de que a instalación de acuicultura estiver suxeita
ó procedemento de avaliación de impacto ambiental ou
de efectos ambientais, ou precisar da autorización de verteduras,
a información pública substantiva e ambiental tramitaranse
conxuntamente de conformidade cos prazos establecidos na normativa
de aplicación a tales procedementos.
Artigo
11º.-Traslado do expediente ó órgano ambiental.
Se o
proxecto precisar da declaración de impacto ambiental ou de
efectos ambientais, unha vez finalizado o período de información
pública, remitirase copia do expediente ó órgano
ambiental para os efectos previstos na normativa de aplicación
a tales procedementos.
Artigo
12º.-Dos informes xerais.
1. Rematado
o período de información pública, e recibidas
as alegacións e observacións presentadas, a consellería
competente en materia de acuicultura remitirá copia de todo
o expediente ós distintos órganos que deban pronunciarse
sobre as diferentes materias da súa competencia no prazo máximo
dun mes.
2. No
suposto de non emitirse o informe no prazo previsto no parágrafo
anterior, proseguirase coa tramitación das actuacións,
excepto nos supostos de informes preceptivos que sexan determinantes
para a resolución do procedemento, nos que se poderá
interrompe-lo prazo dos trámites sucesivos.
3. En
ningún caso se poderá acorda-la suspensión do
prazo de emisión de informe. Non obstante, o informe emitido
fóra de prazo pero recibido antes de dicta-la resolución
deberá ser valorado pola consellería competente en materia
de acuicultura.
Artigo
13º.-Informe sobre as repercusións en espacios naturais
protexidos.
Cando
a instalación de establecementos de acuicultura e auxiliares
de acuicultura se proxecte en espacios naturais declarados protexidos,
será necesario a obtención de informe preceptivo e vinculante
da consellería competente en materia de conservación
da natureza.
Artigo
14º.-Informe de ocupación do dominio público.
1. No
suposto de que para o desenvolvemento da actividade de acuicultura
na zona terrestre sexa preciso ocupar terreos de dominio público
marítimo-terrestre, corresponderá á Administración
do Estado, de conformidade co establecido no artigo 112, punto d),
da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, emitir informe, con carácter
preceptivo e vinculante, sobre tal ocupación, e se é
o caso, determina-las características e duración dela.
2. Unha
vez rematado o período de información pública,
a documentación que afecta ó informe sobre a ocupación
do dominio público marítimo-terrestre será remitida
pola consellería competente en materia de acuicultura á
Administración do Estado para a emisión do referido
informe no prazo máximo de dous meses desde a recepción
do expediente.
No suposto
de non emitirse o informe no prazo sinalado no parágrafo anterior,
a consellería competente en materia de acuicultura requirirá
a Administración competente para que emita con carácter
urxente o citado informe no prazo máximo de 20 días.
3. Transcorridos
tódolos prazos fixados no presente artigo sen que se emitise
o informe requirido, seguirase a tramitación do procedemento,
de conformidade co establecido no artigo 83.4º da Lei 30/1992,
de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común. Non obstante o anterior,
no suposto de recibirse o informe fóra de prazo pero antes
de dictar resolución, este deberá ser tido en conta
pola consellería competente en materia de acuicultura.
4. O
informe dictado con posterioridade á resolución do procedemento
non será tido en consideración nin vinculará
a consellería competente en materia de acuicultura.
5. Se
o informe ó que fai referencia o presente artigo é contrario
á ocupación do dominio público, a consellería
competente en materia de acuicultura deberá dictar resolución
motivada denegatoria da concesión de actividade solicitada.
6. A
solicitude á Administración do Estado do informe sobre
a ocupación do dominio público marítimo-terrestre
suspenderá o cómputo do prazo máximo para resolve-lo
procedemento tramitado pola comunidade autónoma e notifica-la
resolución, polo tempo que medie entre a petición, que
deberá comunicarse ós interesados, e a recepción
do informe, que igualmente deberá ser comunicada a aqueles.
O prazo de suspensión non poderá exceder en ningún
caso de tres meses.
Artigo
15º.-Autorización de verteduras.
A consellería
competente en materia de acuicultura remitirá copia de todo
o expediente ó órgano competente da Administración
hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia para que
no prazo dun mes outorgue ou non a autorización de verteduras.
Se a resolución fose denegatoria, a consellería competente
en materia de acuicultura deberá dictar resolución motivada
denegatoria da concesión e do permiso de actividade solicitados.
Artigo
16º.-Da proposta de resolución e do trámitede audiencia.
1. A
consellería competente en materia de acuicultura, tras realizar
unha avaliación de todo o expediente, elaborará proposta
de resolución que incorporará as condicións que
resulten dos informes vinculantes emitidos, tras un trámite
de audiencia de 10 días naturais ós interesados.
2. Cando
no trámite de audiencia ó que se refire o parágrafo
anterior se realizaran alegacións, darase traslado das mesmas,
xunto coa proposta de resolución, ós organos competentes
para emitir informes vinculantes en trámites anteriores para
que no prazo máximo de quince días, manifesten o que
estimen conveniente, que igualmente terá carácter vinculante
nos aspectos referidos a materias da súa competencia.
Artigo
17º.-Da resolución.
1. A
consellería competente en materia de acuicultura dictará
e notificará a resolución que poña fin ó
procedemento no prazo máximo de seis meses.
2. Trancorrido
o prazo máximo de seis meses sen notificarse notificado resolución
expresa, entenderase desestimada a solicitude presentada.
Artigo
18º.-Do contido da resolución.
1. A
resolución do permiso de actividade de establecementos de acuicultura
e auxiliares de acuicultura terá o contido mínimo seguinte:
a) Titular
do permiso de actividade, con indicación do DNI ou CIF.
b) Tipo
de establecemento e/ou de actividade.
c) Especies
autorizadas.
d) Localización.
e) A
superficie de dominio privado para ocupar pola instalación.
f) Características
básicas das instalacións.
g) Capacidade
do establecemento, se tivese finalidade productiva.
h) Prazo
de outorgamento, con indicación da vixencia do título
habilitante, e posibilidade de prórroga.
i) Prazo
para a realización das obras e instalacións e para a
posta en funcionamento e explotación.
k) Causas
de extinción.
l) Condicións
particulares baixo as que se outorga o título habilitante,
con referencia, se é o caso, á autorización de
vertedura e á declaración ambiental correspondente.
2. A
resolución da concesión de actividade de establecementos
de acuicultura e auxiliares de acuicultura, ademais do contido sinalado
no punto anterior, recollerá tamén o seguinte:
a) Superficie
de dominio privado e de dominio público para ocupar pola instalación.
b) Canon
para pagar en concepto de ocupación do dominio público.
c) Obriga
do adxudicatario de constituír, ante o servicio periférico
da Dirección Xeral de Costas, a fianza definitiva do 5% do
orzamento correspondente das obras e instalacións, segundo
o artigo 88.2º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
d) A
realización do replanteo antes de inicia-la execución
das obras ou instalacións.
Artigo
19º.-Da notificación e publicidade.
1. A
consellería competente en materia de acuicultura notificará
a resolución ós interesados, ó concello onde
se situará a instalación e ós órganos
que emitiron informe vinculante.
2. A
resolución, no caso de ser favorable, será publicada
no Diario Oficial de Galicia. O solicitante beneficiario da autorización
deberá pagar con carácter previo o prezo público
correspondente ó anuncio da resolución. O anuncio deberá
conter, como mínimo, a identidade do beneficiario, a duración
do permiso, a situación da instalación así como
as especies autorizadas.
Sección
segunda
Prórroga
Artigo
20º.-Da prórroga.
1. O
titular do permiso de actividade que desexe solicita-la prórroga
do dito permiso e, se é o caso, da concesión, deberá
solicitalo cunha antelación mínima de seis meses ó
vencemento do prazo de vixencia.
2. A
solicitude, que deberá axustarse ó modelo que figura
como anexo número II do presente decreto, deberá ir
acompañada da seguinte documentación:
a) Identificación
persoal do solicitante.
b) Xustificante
do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma de
Galicia.
c) Acreditación
da rendabilidade e bo uso da explotación no último período
de vixencia outorgado, incluíndo un informe técnico-biolóxico
sobre a producción acadada e unha memoria económica-financeira
avalada polos correspondentes rexistros e documentos contables, persoal
empregado e a súa cualificación.
d) Cronogramas
coas previsións de producción e económicas no
período de prórroga solicitado, recollendo a evolución
previsible e a rendabilidade da explotación; innovacións
e cadro de persoal previstos.
Artigo
21º.-Alegacións.
Da solicitude
de prorroga e da documentación presentada remitirase copia
a tódolos órganos que emitiron orixinariamente informe,
para que formulen alegacións na metade dos prazos fixados neste
decreto. De emitirse en prazo, as alegacións sobre a ocupación
do dominio público marítimo-terrestre serán vinculantes.
Artigo
22º.-Da falta de resolución expresa.
Se vencido
o prazo de vixencia do permiso e solicitada a prórroga conforme
o artigo 20º, a consellería competente en materia de acuicultura
non dictara resolución expresa, entenderase estimada e, consecuentemente,
prorrogado o título administrativo nas mesmas condicións
nas que foi outorgado inicialmente.
Sección
terceira
Transmisión
Artigo
23º.-Da transmisión.
1. Os
establecementos amparados polo permiso ou concesión de actividade
poderán ser transmitidos, inter vivos ou mortis causa, logo
da obtención da autorización da consellería competente
en materia de acuicultura, segundo as condicións previstas
no presente regulamento.
2. A
solicitude, que deberá axustarse ós modelos que figuran
como anexos números III A e III B do presente decreto, deberá
ir acompañada da seguinte documentación:
a) Cando
se trate de transmisións inter-vivos:
1º
Acreditación da personalidade do solicitante e do adquirente.
2º
Xustificación, por parte do adquirente, da capacidade técnica
adecuada ás características do establecemento.
3º
Xustificante do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma
de Galicia.
b) Nos
supostos de transmisións mortis-causa, ademais do previsto
na letra a), requirirase o que se relaciona a seguir:
1º
Acreditación dos herdeiros e/ou representantes.
2º
Certificado de defunción e do Rexistro de Derradeiras
Vontades.
3º
Copia autenticada do testamento ou declaración de herdeiros.
4º
Caderno particional da herdanza, se é o caso.
5º
Solicitude ou carta de pagamento do imposto de sucesión e doazóns.
Artigo
24º.-Da transmisión inter-vivos.
Cando
se trate da transmisión inter-vivos, a eficacia da autorización
quedará supeditada á acreditación, por parte
do adquirente, da propiedade do establecemento e do pagamento do imposto
sobre o valor engadido ou do imposto sobre transmisións patrimoniais
e actos xurídicos documentados, segundo proceda; todo iso no
prazo máximo dun mes a contar desde o día seguinte ó
da publicación no Diario Oficial de Galicia da autorización
previamente outorgada.
Transcorrido
o citado prazo sen que o adquirente cumprise tódolos requisitos
establecidos no parágrafo anterior, producirase a caducidade
automática da autorización, logo da comunicación
da consellería competente en materia de acuicultura.
Artigo
25º.-Transmisión mortis-causa.
Cando
se trate de transmisións mortis-causa, os herdeiros comunicarán
á Administración o feito causante da sucesión
con indicación da data de defunción, debendo manifestar
ante aquela o seu propósito de subrogarse nos dereitos e obrigas
daquel no prazo máximo dun ano desde a data de falecemento.
Transcorrido este último prazo sen manifestación expresa,
entenderase que renuncian ó permiso ou concesión de
actividade.
Artigo
26º.-Subrogación.
O adquirente
subrogase nas mesmas obrigas e dereitos do anterior titular, incluídas
as condicións de rendabilidade e bo uso da explotación
previstos no título administrativo de outorgamento.
Artigo
27º.-Comunicación.
Cando
os establecementos a que se refire o parágrafo primeiro do
artigo 23º estean no dominio público marítimo-terrestre,
a consellería competente en materia de acuicultura comunicará
a transmisión á Administración titular do dominio
público.
Sección
cuarta
Modificación
Artigo
28º.-Da modificación.
A consellería
competente en materia de acuicultura poderá autorizar modificacións
das características dos establecementos de acuicultura e auxiliares
de acuicultura amparados polo permiso de actividade ou concesión
de actividade, sempre que tales modificacións non afecten ó
volume de edificabilidade do establecemento ou ó dominio público
marítimo-terrestre. Neste último caso, a solicitude
deberá axustarse ó procedemento establecido no presente
decreto para o outorgamento do correspondente título administrativo
habilitante.
Disposicións
adicionais
Primeira.-A
modificación dos modelos de solicitude poderá realizarse
mediante orde dictada polo conselleiro competente en materia de acuicultura.
Segunda.-O
presente decreto non será de aplicación para o outorgamento
dos permisos para a explotación de expositores e centros reguladores
de crustáceos, que se regularán polas disposicións
específicas dictadas para o efecto.
Disposición
transitoria
Os procedementos
iniciados con anterioriedade á entrada en vigor do presente
decreto tramitaranse polo Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo
que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso
de actividade para o establecementos de cultivos mariños e
auxiliares situados na zona terrestre.
Disposición
derrogatoria
Quedan
derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior
rango que contraveñan ou se opoñan ó establecido
neste decreto, e en particular, queda derrogado o Decreto 193/1997,
do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para
o outorgamento do permiso de actividade para o establecementos de
cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre.
Disposicións
derradeiras
Primeira.-Facúltase
o conselleiro competente en materia de acuicultura para que, no ámbito
da súa competencia, dicte as disposicións oportunas
para o desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.-O
presente decreto entrará en vigor ós vinte días
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago
de Compostela, catro de xuño de dous mil tres.
P.A.
José
Antonio Orza Fernández
Presidente
Enrique
César López Veiga
Conselleiro
de Pesca e Asuntos Marítimos
--------------------------------------------------------------------------------
|