|
DECRETO
265/2000, DE 26 DE OCTUBRE,
por el que se modifica el Decreto 8/1999, de 21 de enero, por el
que se aprueba el Reglamento de Desarrollo Legislativo del Capítulo
IV de la Lei 8/1993, reguladora de la Administración Hidráulica,
relativo al. Canon de Saneamiento (DOG Nº218, 10.11.2000)
A
Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2000, establece na súa disposición
adicional oitava unha nova exención aplicable ó canon de
saneamento creado pola Lei 8/1993, e referente ós usos domésticos
nos núcleos de poboación que non dispoñan de rede de sumidoiros,
mentres esta non entre en funcionamento. Así mesmo, tamén se
establece unha deducción sobre o mesmo tributo para os usos domésticos
de auga das familias numerosas.
A mesma Lei 7/1999, dispón que as devanditas exencións e deduccións
só producirán efecto a partir da entrada en vigor da norma
regulamentaria na que se establezan os requisitos e procedementos
para a súa aplicación.
O fundamento do presente decreto é, pois, o desenvolvemento do
devandito mandato legal a través das oportunas modificacións do
vixente Regulamento do canon de saneamento, aprobado polo Decreto
8/1999, do 21 de xaneiro, coa finalidade de facer efectivas as ditas
deduccións e exencións.
Por todo iso, de conformidade coa habilitación legal contida na
disposición derradeira segunda da Lei 8/1993, por proposta do
conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de
acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia
na súa reunión do día vinteseis de outubro de dous mil,
DISPOÑO:
Artigo único.-Engádese un novo epígrafe 7 ó artigo 4º e un novo
artigo 13º bis ó vixente texto do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro,
polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do
capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia, relativo ó canon de saneamento, co redactado seguinte:
Artigo 4º.
...
7. Estarán exentos do canon de saneamento os usos domésticos da
auga nos núcleos de poboación que non dispoñan de rede de
sumidoiros, mentres esta non entre en funcionamento, nos termos
seguintes:
a) Enténdese por:
Rede de sumidoiros: conxunto das conduccións de augas residuais en
baixa dun núcleo de poboación, que transcorre dende os puntos de
conexión dos seus inmobles ata a acometida na rede de colectores.
Núcleo de poboación: todos aqueles incluídos nas aglomeracións
definidas no artigo 35 da Lei 8/1993 e detallados na correspondente
orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e
Vivenda.
b) As postas en funcionamento de redes de sumidoiros nos núcleos de
poboación a que se refire o epígrafe primeiro deberán ser
comunicadas polo concello correspondente ó organismo autónomo
Augas de Galicia nos quince días seguintes a que se produza tal
circunstancia. Nestes supostos, Augas de Galicia comunicará ás
correspondentes entidades subministradoras a data de inicio da
facturación do canon. O canon de saneamento facturarase ou
liquidarase, segundo os casos, a partir do período de facturación
ou liquidación respectivo seguinte.
c) Ós suxeitos pasivos contribuíntes con subministración de auga
efectuada por unha entidade subministradora en núcleos de poboación
que non dispoñan de rede de sumidoiros, ou que dispoñendo non se
atope en funcionamento, as devanditas entidades subministradoras de
auga non lles facturarán o canon de saneamento por usos domésticos;
tampouco procederá Augas de Galicia a practicar liquidación polo
canon de saneamento por usos domésticos no caso de titulares ou
usuarios de fontes propias nos mesmos casos.
Artigo 13º bis.-Deducción do canon de saneamento para usos domésticos
da auga de familias numerosas.
1. As familias numerosas que acrediten formalmente tal condición de
acordo coa normativa de aplicación na materia gozarán dunha
deducción do cincuenta por cento da cota tributaria do canon de
saneamento correspondente ós usos domésticos da auga.
2. Enténdese por familia numerosa a que reúna as condicións
establecidas pola normativa vixente.
3. O titular da póliza de subministración de auga, ou titular ou
usuario de fontes propias, que tribute por canon de saneamento, terá
dereito á deducción da cota á que se refire o punto primeiro,
logo de solicitude dirixida ó presidente de Augas de Galicia, e
acompañada da documentación seguinte:
a) Documento nacional de identidade do solicitante, quen deberá
coincidir co titular da póliza de subministración de auga, ou co
titular ou usuario das fontes propias.
b) Certificado de empadroamento.
c) Última factura da auga expedida pola entidade subministradora,
no caso de estar abastecido por ela.
d) Carné de familia numerosa ou título acreditativo, expedido pola
Administración competente.
4. Os servicios competentes de Augas de Galicia poderán realiza-la
compulsa da devandita documentación cando o solicitante presente ó
mesmo tempo os orixinais e as fotocopias correspondentes.
5. A deducción entenderase concedida se transcorren dous meses
desde a presentación da solicitude sen dictarse resolución
expresa. A concesión da deducción, en virtude de resolución
expresa ou por silencio, será comunicada por Augas de Galicia no
prazo de 10 días ás correspondentes entidades subministradoras,
que a practicarán no seguinte período de facturación, tendo en
conta a data da solicitude da deducción, a partir da que esta será
efectiva. Naquela comunicación deberán explicitarse, de se-lo
caso, as correspondentes operacións de regularización. No caso de
aproveitamentos de fontes propias, a deducción practicarase no
seguinte trimestre natural.
6. No caso de non resultar acreditadas as circunstancias que dan
dereito á deducción, Augas de Galicia, logo de audiencia do
interesado, dictará, no prazo de dous meses, a oportuna resolución
denegándoa.
7. Calquera modificación das circunstancias que deron lugar ó
aproveitamento da deducción deberá ser comunicada polo interesado
ó organismo autónomo Augas de Galicia no prazo de quince días
desde que aquela tivese lugar. A perda do dereito a deducción será
efectiva a partir do período seguinte de recibo ou de liquidación,
segundo proceda, ó que a devandita modificación teña lugar.
8. No caso de que se produzan facturacións do canon que non conteñan
a deducción, téndose acreditado o dereito a ela, os interesados
poderán reclama-la devolución dos correspondentes ingresos
indebidos, de acordo co procedemento establecido na normativa
tributaria de aplicación xeral.
Disposición adicional
Única.-O inicio da non facturación do canon de saneamento por
parte das entidades subministrado
ras a que se refire o artigo 4.7º c) terá lugar a partir do período
de facturación seguinte á entrada en vigor do presente decreto,
logo da oportuna comunicación neste sentido por parte de Augas de
Galicia; o cesamento de liquidacións por parte de Augas de Galicia
previsto no mesmo precepto terá lugar a partir do trimestre natural
seguinte á entrada en vigor do presente decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango
se opoñan ó disposto no presente decreto.
Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda para dictar cantas normas sexan necesarias para a aplicación
deste decreto.
Terceira.-Este decreto entrará en vigor no prazo dun mes contado
desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinteseis de outubro de dous mil.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
|