DECRETO 246/1992, DO 30 DE XULLO, polo que se regulan determinadas condicións de la execución de obras públicas en réxime de cooperación coas corporacións locais ou outros entes de dereito público. (DOG 158 e 159, 14/08/1992 e 17/08/1992).

Disposición

A execución pola Comunidade autónoma de determinadas obras en réxime de cooperación con outras entidades públicas esixe, cando teñen por finalidade a satisfacción directa de necesidades das que a súa prestación corresponde a estas entidades, a posta en marcha de mecanismos que, respectando o marco legal patrimonial vixente, posibiliten a realización das mesmas cos marxes de eficiencia e seguridade requiridos.

Preténdese, así, coa presente normativa, determinar as condicións e requisitos a que haberá de axustarse a cooperación neste ámbito, particularmente no que atinxe á disponibilidade dos terreos necesarios para a execución da mesma.

Na súa virtude, a proposta do conselleiro de Economía e Facenda e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e dous,

DISPOÑO

Artigo 1º

1.- É obxecto do presente decreto a regulación de determinadas condicións ás que debe axustarse a execución de acordos de cooperación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais e demais entidades públicas para a realización de obras das que a súa titularidade corresponda a estas últimas e que terán por destino o uso ou servicio público.

2.- Para os efectos deste decreto, as referencias do articulado á Administración autonómica ou órgano da Comunidade Autónoma, entenderanse realizadas á consellería competente para a formalización do respectivo acordo de cooperación.

Artigo 2º

Con carácter previo á formalización do convenio que resulte de calquera acordo de cooperación dos previstos na presente norma, a Administración autonómica deberá requirir das entidades coas que se vaia establecer a cooperación, testemuño do acordo adoitado polo órgano competente que en cada caso corresponda, acerca dos seguintes extremos:

a) O compromiso de posta a disposición, libres de cargas e gravames, de tódolos terreos necesarios, con usos urbanísticos, para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levar a cabo a mesma.

b) A asunción das obrigas económicas que, no seu caso, se deriven do acordo de cooperación, para o que certificará a inclusión daqueles nos seus respectivos orzamentos.

c) A renuncia expresa a reter da achega da corporación calquera tipo de tributo con motivo das obras.

d) O compromiso, no seu caso, de formalizar os desembolsos económicos a medida que se lle solicite polo órgano encargado da obra.

e) A obriga de asumir, unha vez recepcionadas provisionalmente as obras e previa comunicación do órgano da Comunidade Autónoma, a explotación, mantemento e conservación das mesmas.

Artigo 3º

1.- Corresponderá en exclusiva, en todo caso, ós órganos da Administración autonómica, a licitación das obras, a dirección das mesmas así como todas as actuacións relativas a súa tramitación.

2.- Antes da adxudicación definitiva da obra e sen prexuízo dos demais requisitos esixidos pola normativa que regula a contratación administrativa, deberá acreditarse a efectiva disponibilidade dos terreos nos termos do apartado a) do artigo anterior.

3.- Os maiores gastos da obra sobre o orzamento de adxudicación aboaranse en proporción ás respectivas aprotacións, salvo que outra cousa se tivese convido no acordo de cooperación.

Artigo 4º

Recepcionadas provisionalmente as obras pola Administración autonómica, esta o poñerá en coñecemento das entidades que subscriban o acordo, entendéndose que tal comunicación determina el nacemento da obriga a que alude o apartado f) do artigo 2º, sen prexuízo da ulterior formalización da correspondente acta de entrega.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó previsto no presente decreto.

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira.- Autorízase ó conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda



AtrásVolver a inicio