|
Decreto 231/2005,
do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos
dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG Nº 155,
12/08/2005).
Polo Decreto 211/2005, do 3 de
agosto, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En
virtude do disposto nel, e tendo en conta os criterios de economía e
eficacia que deben inspirar a actuación e organización
administrativa e as áreas de competencias que, pola súa importancia
e natureza, convén que queden adscritas á Presidencia da Xunta de
Galicia, este decreto fixa os órganos superiores que dependerán da
Presidencia da Xunta de Galicia.
Na súa virtude e segundo o
disposto no artigo 4 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro,
reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de
Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día
once de agosto de dous mil cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-Dependerán
funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os
seguintes órganos superiores:
1. Secretaría Xeral da
Presidencia:
1.1. Asesoría Xurídica Xeral,
con nivel orgánico de dirección xeral.
1.2. Dirección Xeral do Gabinete
de Presidencia.
2. Secretaría Xeral de Análise e
Proxección.
3. Secretaría Xeral de
Comunicación, á cal estará adscrita a Compañía de Radiotelevisión de
Galicia.
3.1. Dirección Xeral de
Comunicación Audiovisual.
4. Secretaría Xeral de Relacións
Exteriores.
4.1. Dirección Xeral de
Cooperación Exterior.
5. Secretaría Xeral de
Emigración.
6. Secretaría Xeral de Política
Lingüística.
Disposicións transitorias
Primeira.-Mediante orde do
conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,
determinarase
a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e
direccións xerais suprimidas como consecuencia da estrutura orgánica
que se fixa nos artigos precedentes ás secretarías e centros
directivos correspondentes mentres non se regule por decreto a nova
estrutura orgánica destes órganos.
Segunda.-Os órganos dependentes
das secretarías e dos centros directivos que non fosen obxecto de
supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao
desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas
disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto
neste decreto e, en particular, aquela normativa que regule
estruturas orgánicas a nivel de secretaría ou dirección xeral non
recollidas neste decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o
conselleiro de Economía e Facenda para que dite as disposicións
necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura
administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento
de gasto.
Segunda.-A Consellería de
Economía e Facenda realizará as modificacións orzamentarias
necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.
Terceira.-Este decreto entrará
en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, once de
agosto de dous mil cinco.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
|