|
DECRETO
125/96, DE 7 DE MARZO, por el que se aprueban los Estatutos de
la Empresa Pública de Obras y Servicios Hidráulicos (DOG Nº 62,
27.03.96)
A
Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia, crea na súa disposición adicional a Empresa Pública
de Obras e Servicios Hidráulicos, como entidade de dereito público
que ten por obxecto a xestión daquelas obras e a prestación
daqueles servicios que lle sexan encomendados, dentro do programa de
actuacións do organismo autónomo Augas de Galicia.
A mesma disposición legal encárgalle ó Consello da Xunta de
Galicia a aprobación do estatuto da Empresa Pública de Obras e
Servicios Hidráulicos e a determinación do momento do inicio da súa
actividade.
En consecuencia, o presente decreto vénlle dar cumprimento ó
mandato legal indicado, cunha triple finalidade da organización
interna da empresa, establecemento do réxime dos encargos de
realización das obras e servicios, e de publicidade fronte a
terceiros da empresa e a súa representación.
Os estatutos constan de cinco capítulos e unha disposición
adicional.
O capítulo primeiro configura a Empresa Pública de Obras e
Servicios Hidráulicos como unha entidade de dereito público da
Xunta de Galicia con personalidade xurídica propia que axusta a súa
actividade ó dereito privado. A continuación desenvolve o seu
obxectivo (artigo 2), domicilio (artigo 3) e as relacións derivadas
da adscrición á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda.
No capítulo segundo atópanse as referencias ós órganos de
goberno e as súas atribucións, ó funcionamento do Consello de
Administración e á representación que ostentan o presidente da
Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos e os vocais que o
constitúen. Esta regulación, nunha norma que deberá someterse á
publicidade legal, permite outorgarlle á nova entidade, que deberá
actuar no xiro é tráfico empresarial, o necesario coñecemento de
terceiros, en canto ós órganos sociais, réxime de adopción de
acordos, representantes da entidade e apoderamento que ostentan,
etc.
A previsión legal de adecuación ó ordenamento xurídico privado
da actuación da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos
desenvólvese no capítulo terceiro, dedicado ó seu réxime
funcional e xurídico. Así mesmo, as relacións entre a devandita
empresa e o seu persoal sométense ás normas de dereito laboral, co
seu especial tratamento estatutario para os funcionarios públicos
que, provenientes da Administración autonómica da Xunta de
Galicia, pasen a ocupar postos de traballo na empresa.
En canto ó desenvolvemento do obxecto da Empresa de Obras e
Servicios Hidráulicos, o capítulo cuarto dedica unha parte do seu
articulado á execución de obras e o resto á prestación de
servicios de explotación. Tanto nun coma noutro caso, a actuación
da dita empresa será no nome propio, pero por conta de organismo
autónomo Augas de Galicia, titular último, de acordo coa lei, da
competencia de programación, execución, financiamento e explotación
das obras hidráulicas.
As relacións entre unha e outra entidade nesta materia establécense
nos artigos 27 a 35, con suxeición ás técnicas do mandato ou
encargo, no cal a Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos asume
tamén certas funcións de contido administrativo como a tramitación,
aprobación e contratación dos proxectos, e que xera en todo caso
unha retribución económica compensatoria pola prestación
instrumental do servicio en réxime empresarial.
Finalmente, os estatutos conteñen unha detallada regulación do réxime
económico e financeiro da Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos,
con referencia ó seu patrimonio e recursos económicos; suxeición
dos orzamentos á lexislación aplicable, que é a establecida na
Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia;
fixación das condicións de endebedamento e determinación das
normas de fiscalización e réxime contable, segundo o disposto con
carácter xeral para o resto do sector público empresarial de
Galicia.
Por todo isto, en cumprimento do disposto na Lei 8/1993, do 23 de xuño,
e en virtude da autorización contida na súa disposición
derradeira segunda, por proposta do conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo
de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo único.
Apróbanse os estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios
Hidráulicos en desenvolvemento da Lei 8/1993, do 23 de xuño,
reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que terá o
carácter de sociedade pública autonómica a que se refire o artigo
12.1º.b da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e
presupostario de Galicia, que se publican a continuación.
Disposición adicional
Primeira.-A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos
iniciará a súa actividade o 1 de xuño de 1996.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de marzo de mil novecentos noventa e
seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Cuíña Crespo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
Estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º
1.1. A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, é unha
entidade con personalidade xurídica propia que axusta a súa
actividade ó dereito privado e que se rexe por estes estatutos e
pola lexislación xeral sobre sociedades públicas autonómicas que
lle é de aplicación.
1.2. A Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, no
sucesivo «a empresa», ten personalidade xurídica e patrimonios
propios, así como plena capacidade de obrar para o cumprimento dos
seus fins. En consecuencia, pode adquirir, posuír, reivindicar,
permutar, gravar ou allear calquera tipo de bens, concertar créditos,
establecer contratos, executar e explotar obras e servicios,
obrigarse, interpoñer recursos e exerce-las accións previstas nas
leis.
Artigo 2º
2.1. Constitúe o obxecto da empresa a xestión das obras e a
prestación dos servicios que lle sexan encomendados dentro do
programa de actuacións do organismo autónomo Augas de Galicia.
2.2. Considéranse incluídas no citado obxecto as actividades
seguintes:
a) A elaboración de estudios, anteproxectos e proxectos.
b) A preparación e contratación de obras e servicios.
c) A explotación de instalacións de xeito directo ou indirecto.
d) O establecemento de convenios ou acordos de colaboración e
cooperación con administracións e entidades públicas, empresas públicas
ou privadas e outros interesados para o desenvolvemento das
actividades que constitúen o obxecto da empresa.
e) A realización de operacións financeiras dirixidas á dispoñibilidade
de recursos económicos para a consecución dos programas de obras e
servicios.
f) Calquera outra que en relación con el lle sexa encargada polo
Consello da Xunta de Galicia ou ó organismo autónomo Augas de
Galicia.
2.3. A empresa poderá prestar servicios de asesoramento e
asistencia técnica en materias relacionadas co seu obxecto.
Artigo 3º
O domicilio legal da empresa para calquera tipo de efectos xudiciais
ou administrativos radicará na súa sede de Santiago de Compostela,
nos edificios administrativos de San Caetano da Xunta de Galicia. O
Consello de Administración poderá acorda-la modificación deste
domicilio legal, acordo que deberá ser obxecto de publicación. Así
mesmo, poderanse establecer oficinas ou dependencias no municipio
indicado ou noutros, de acordo co que se dispoña no acto que ordene
ese establecemento.
Artigo 4º
4.1. A empresa adscríbese á Consellería de Política Territorial,
Obras Públicas e Vivenda, para os efectos previstos nestes
estatutos e cantos se deriven da lexislación aplicable ás
sociedades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Sen
embargo, poderase relacionar directamente co resto dos departamentos
e organismos para cantos asuntos relativos ó seu xiro e tráfico
sexa necesario, sempre que non comporten o exercicio de funcións da
tutela administrativa.
4.2. Corresponderalle á Consellería de Política Territorial,
Obras Públicas e Vivenda dictar ou propoñe-las disposicións
normativas de contido técnico ou organizativo a que teña que
suxeitarse a prestación dos servicios a cargo da empresa.
Capítulo II
Organización
Órganos de goberno.
Artigo 5º
5.1. Os órganos de goberno da empresa son o presidente e o Consello
de Administración.
5.2. O presidente ostenta a representación legal da empresa e
exerce as súas funcións directivas e executivas superiores.
5.3. O Consello de Administración exerce de forma colexiada as
funcións que lle atribúen os presentes estatutos.
Artigo 6º
6.1. O Consello de Administración está constituído polos membros
seguintes:
a) O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
b) Tres vocais designados pola Consellería de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
c) Un vocal designado pola Consellería de Economía e Facenda.
d) Un vocal designado pola Consellería da Presidencia e
Administración Pública.
6.2. O acordo ou resolución de designación de membros do Consello
de Administración poderá incluí-la dun membro suplente do titular
respectivo. A designación dos membros do Consello de Administración
deberá ter en conta o réxime vixente en materia de
incompatibilidades.
Artigo 7º
7.1. O presidente da empresa é nomeado polo Consello da Xunta de
Galicia por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras
Públicas e Vivenda, entre os membros do Consello de Administración.
7.2. O presidente da empresa é tamén o do seu Consello de
Administración con exercicio das atribucións correspondentes.
7.3. No exercicio do seu cargo, o presidente poderá ter unha
remuneración fixa, con independencia das
axudas de custo que lle poidan corresponder como membro do Consello
de Administración. Todo o anterior, sen prexuízo do réxime de
incompatibilidades.
Atribucións dos órganos.
Artigo 8º
Son atribucións do Consello de Administración:
a) Fixa-las directrices xerais de actuación da empresa, á vista
dos encargos recibidos, e avaliar periodicamente o seu grao de
execución.
b) Eleva-los orzamentos da empresa ó órgano competente da Xunta de
Galicia e efectua-lo seguimento da súa execución.
c) Aproba-lo balance e outros documentos que resulten do cumprimento
das normas contables de aplicación.
d) Aproba-las operacións de crédito ou préstamo que vaia efectua-la
empresa con carácter previo ás autorizacións que sexan
preceptivas en cada caso.
e) Autoriza-los actos de adquisición, disposición, alleamento ou
transacción de bens e dereitos cando a cifra da operación exceda
do 10% do orzamento anual da empresa.
f) Autoriza-la sinatura de convenios xerais coas administracións públicas
e entidades privadas, sen prexuízo da súa delegación no
presidente.
g) Fixa-las bases de organización dos servicios da empresa, sen
prexuízo da súa delegación no presidente, aproba-lo seu cadro de
persoal e establece-lo procedemento xeral de selección e admisión
do persoal, de acordo co disposto no artigo 25º.
h) Ratifica-lo exercicio das accións e recursos e a comparecencia
nos procesos de interese da empresa.
Artigo 9º
Correspóndenlle ó presidente da empresa as atribucións que seguen:
a) Cumpri-las directrices xerais de actuación fixadas polo Consello
de Administración e executa-los seus acordos.
b) Elabora-los orzamentos anuais e o programa de actuación e
financiamento da empresa.
c) Contrae-los compromisos económicos que non constitúan operacións
de endebedamento.
d) Ordena-los pagamentos da empresa.
e) Aproba-los proxectos de obras, instalacións e servicios.
f) Outorgar e formalizar tódolos contratos e convenios, incluídos
os actos a que se refire o artigo 8º.e) anterior, todo iso sen
prexuízo da delegación da súa sinatura.
g) Exerce-la dirección superior e a inspección da prestación do
servicio, a execución das obras e o funcionamento das instalacións
que a empresa teña ó seu cargo.
h) Exerce-las facultades e cumpri-las obrigas que lle correspondan
á empresa como beneficiaria nos expedientes de expropiación
forzosa.
i) Dirixi-la selección e contratación do persoal.
j) Exerce-la dirección superior do persoal da empresa.
k) Representa-la empresa e o seu Consello de Administración ante
toda clase de persoas e entidades e, en particular, interpoñer accións
e comparecer en procedementos administrativos ou xudiciais, con
facultade para conferir mandatos a procuradores e/ou letrados que
representen e defendan a empresa.
l) Autorizar e adxudica-los contratos de obras e servicios.
m) Exercer tódalas funcións que lle sexan delegadas e calquera
outra non expresamente atribuída a un órgano distinto da empresa.
Artigo 10º
10.1. O Consello de Administración, por proposta do presidente,
poderá nomear un director ou xerente da empresa que exercerá as
funcións que este ou o propio consello lle asignen.
10.2. En especial, as funcións e atribucións citadas nas letras
c), d), f), g), h), i), j), e k) do artigo precedente poderán ser
delegadas, parcialmente ou na súa totalidade, no director ou
xerente.
Funcionamento do Consello de Administración.
Artigo 11º
11.1. O Consello de Administración reunirase sempre que o convoque
o presidente, por propia iniciativa ou a pedimento da terceira parte
dos seus membros.
11.2. O Consello de Administración quedará, así mesmo,
validamente constituído sen convocatoria ou faltando algún
requisito na que fora cursada, cando se atopen reunidos tódolos
seus membros e así o acorden por unanimidade.
11.3. Será obrigatorio un número mínimo anual de dúas reunións,
co obxecto de coñece-los proxectos de orzamentos e darlles
cumprimento a aquelas obrigas estatutarias que se cualifiquen de
inescusables.
Artigo 12º
12.1. A convocatoria de reunión, coa orde do día correspondente,
teráselles que notificar ós membros do Consello cunha antelación
de corenta e oito horas, excepto en casos de urxencia apreciada polo
presidente, que deberán facerse constar na convocatoria.
12.2. O Consello quedará validamente constituído cando concorran
á reunión, presentes ou representados, a metade máis un dos seus
compoñentes. Os membros do Consello poden delega-la súa
representación e voto noutro membro para sesións determinadas.
12.3. Coa autorización do Consello, poderán asistir ás súas sesións
técnicos da empresa ou da Administración da Xunta de Galicia.
Artigo 13º
13.1. Correspóndelle ó presidente do Consello de Administración
asegura-lo cumprimento das leis e a regularidade das súas
deliberacións, forma-la orde do día, convocar, presidir, suspender
e remata-las sesións, da-lo visto e prace ás actas e velar polo
cumprimento dos acordos.
13.2. O presidente designará un secretario do Consello que, en caso
de non ser membro del, asistirá ás reunións con voz e sen voto.
13.3. Son funcións do secretario cursa-las convocatorias,
prepara-las reunións, redacta-las actas delas, dar fe dos acordos e
tramitalos para a súa execución.
Artigo 14º
No caso de que o presidente ou o secretario non asistisen a unha
reunión do Consello, o propio órgano colexiado designará, antes
de se inicia-la sesión, a persoa ou persoas que deberán ocupa-lo
devandito posto no seu transcurso.
Artigo 15º
15.1. Os acordos do Consello de Administración serán adoptados co
voto favorable da maioría dos membros asistentes.
15.2. En tódolos supostos, o voto do presidente dirimirá os
empates.
15.3. Os membros do Consello que fagan constar en acta o seu voto
contrario a un acordo adoptado quedarán exentos da responsabilidade
que, chegado o caso, se puidese derivar. Se os acordos consistisen
en formular propostas, peticións ou reclamacións a un órgano da
Administración, os votos particulares dos membros teranse que facer
constar expresamente na documentación que se presente.
Artigo 16º
O cargo de membro do Consello de Administración non será retribuído,
sen prexuízo da percepción das axudas de custo e indemnizacións
que sexan fixadas de acordo coa normativa aplicable, pola asistencia
ás reunións que se celebren.
Artigo 17º
As normas aplicables ó funcionamento dos órganos colexiados da
Administración da Comunidade Autónoma de Galicia serán
supletorias das contidas nos artigos precedentes por canto se
refiere ó funcionamento do Consello de Administración.
Capítulo III
Réxime funcional
Réxime xurídico da empresa.
Artigo 18º
A empresa, como entidade de dereito público, está suxeita ás
disposicións da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica
de Galicia e, en canto lle sexan aplicables, ás da Lei 11/1992, de
réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como ás das
sucesivas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.
Artigo 19º
19.1. A empresa somete a súa actividade ás normas do dereito
mercantil, civil ou laboral, de acordo coa natureza do acto de que
se trate.
19.2. Os contratos que estableza para a redacción de proxectos, a
execución de obras ó seu cargo, a recepción e prestación de
servicios e asistencias técnicas relativos a elas e a explotación
e mantemento das instalacións rexeranse polas normas de dereito
privado.
19.3. A selección dos contratistas terá que efectuarse de acordo
cos principios de publicidade e concorrencia propios do sector público.
Artigo 20º
20.1. Cando a empresa exerza funcións públicas, propias ou
delegadas pola Administración competente, débese axustar ó
ordenamento xurídico-administrativo, ó cal quedarán, así mesmo,
suxeitos os actos derivados das relacións de tutela coa Consellería
de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, en virtude da
adscrición establecida no artigo 4º destes estatutos.
20.2. Contra os actos da empresa suxeitos ó dereito administrativo
poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e a resolución causará
estado para os efectos da súa impugnación en vía xurisdiccional
contencioso-administrativa.
Artigo 21º
A adquisición de bens inmobles por procedemento distinto da
expropiación forzosa rexerase polas normas reguladoras do
Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 22º
Dos acordos e actos dos órganos da empresa non suxeitos ó dereito
administrativo e das pretensións que sobre eles se deduzan, coñecerá
a xurisdicción competente en cada caso, sen que sexa preciso
formula-la reclamación previa en vía administrativa.
Artigo 23º
O asesoramento xurídico e a defensa e representación en xuízo da
empresa poderanlles ser encomendados, mediante convenio, ós
letrados que desempeñan estas funcións na Asesoría Xurídica
Xeral da Xunta de Galicia. O convenio determinará a compensación
económica que se aboará neste concepto.
Persoal.
Artigo 24º
As relacións entre a empresa e o seu persoal rexeranse polas normas
do dereito laboral que sexan de aplicación en relación con cada
función e categoría.
Artigo 25º
25.1. O cadro de persoal da empresa será seleccionado e contratado
de acordo co regulamento esta
blecido polo Consello de Administración. A selección do persoal
que non sexa de alta dirección ou de confianza realizarase
atendendo, ademais de ós principios de igualdade, mérito e
capacidade, ó de publicidade.
25.2. Os funcionarios públicos pertencentes ós corpos da
Administración da Xunta de Galicia que pasen a ocupar un posto de
traballo do cadro de persoal da empresa pasarán automaticamente á
situación de excedencia voluntaria, coas especialidades que se
deriven da prestación de servicios en entidades do sector público.
Artigo 26º
O persoal da empresa terá a consideración de axente da
Administración no exercicio das funcións de vixilancia e protección
das instalacións ó seu cargo.
Capítulo IV
Obxecto da empresa
Execución das obras.
Artigo 27º
27.1. A empresa promoverá e executará por conta do organismo autónomo
Augas de Galicia e en réxime de cooperación, cando proceda, coas
administracións locais, as obras que lle sexan encargadas en
materia de infraestructura hidráulica e saneamento.
27.2. As dotacións económicas destinadas a financia-lo custo de
investimento desta modalidade de actuación fixaranse para cada
exercicio no estado de gastos do orzamento de Augas de Galicia
dentro do capítulo correspondente a «investimentos reais» e cunha
ou varias aplicacións específicas en función do destino do
investimento.
Artigo 28º
28.1. O encargo da actuación ou programa de actuacións
corresponderalle a Augas de Galicia. Cando as actuacións teñan carácter
plurianual requirirán acordo do Consello da Xunta.
28.2. O encargo deberá conter, en todo caso, os extremos seguintes:
a) Denominación precisa das actuacións, con referencia, cando a
haxa, ó proxecto básico ou de construcción a desenvolver ou
executar.
b) Orzamento estimado, sen prexuízo do que resulte da adxudicación
do contrato, distribuído, se procede, nun ou en varios exercicios
orzamentarios.
c) Prazo previsto de execución.
d) Condicións especiais do encargo que resulten de actuacións
preparatorias de Augas de Galicia ou doutros órganos da Xunta de
Galicia en relación co destino das obras.
e) A información a remitir pola empresa relativa ás adxudicacións
de obras e previsións de execución unha vez contratadas.
f) A periodificación por anualidades, se é o caso, do importe
total dos encargos.
28.3. A falta de indicación expresa, entenderase que o encargo de
execución dunha obra comprende,
así mesmo, a realización dos estudios, anteproxectos e proxectos
que sexan necesarios con cargo á dotación para o ejercicio ou
exercicios de que se trate, agás que estes documentos estean
elaborados ou en fase de elaboración por Augas de Galicia ou polas
entidades destinatarias das obras.
Artigo 29
29.1. Augas de Galicia achegaralle á empresa dentro de cada
exercicio e como contrapartida económica dos encargos efectuados
unha cantidade máxima igual á dotación anual aprobada. O concepto
destas achegan será o de anticipos a conta da futura liquidación
do custo total das obras.
29.2. As devanditas achegas instrumentaranse mediante mandamento de
pagamento a favor da empresa contra a presentación por esta de
facturas ou relacións de obra executada, correspondentes ás
actuacións encargadas.
Artigo 30º
30.1. A empresa asumirá a xestión integral das actuacións e, en
particular, as seguintes funcións:
a) A tramitación e aprobación definitiva dos proxectos de
construcción.
b) A contratación e execución dos proxectos e obras encargados,
conforme o disposto no artigo 19º destes estatutos.
c) A xestión das incidencias que en materia de dispoñibilidade de
terreos, afectación e reposición de servicios públicos e obtención
de permisos e licencias, queden a cargo da empresa.
d) A dirección facultativa das obras e proxectos ata a súa recepción
definitiva.
30.2. Nos actos administrativos relacionados cos proxectos e as
obras obxecto dos encargos corresponderalle en todo caso a Augas de
Galicia o coñecemento e participación na recepción das obras, a
aprobación da súa liquidación definitiva e a adopción de
resolucións que lle correspondan en materia de expropiación
forzosa.
Artigo 31º
As instalacións que resulten das obras realizadas aplicaranse ó
servicio público que determine a súa construcción unha vez
finalizadas e recibidas provisionalmente. Con esta finalidade, a
empresa poñeraas ó dispor de Augas de Galicia, sen prexuízo da
explotación que lle poida corresponder, ou fará a súa entrega por
conta daquel organismo ás entidades locais destinatarias, se é
este o caso.
Artigo 32º
A empresa percibirá unha retribución compensatoria do custo dos
servicios que preste en execución dos encargos efectuados ou no
desenvolvemento de tarefas relacionadas con eles. Esta retribución
fixarase para cada encargo en relación cos gastos derivados das
funcións que teña que desenvolver a empresa.
Explotación de instalacións.
Artigo 33º
33.1. A empresa poderá levar a cabo a explotación e mantemento de
instalacións de regulación, de abastecemento de augas e de
tratamento e evacuación de augas residuais de titularidade da Xunta
de Galicia ou doutras administracións no territorio da Comunidade
Autónoma.
33.2. O encargo de prestación de servicio será formulado pola
Administración titular en cada caso e requirirá a aceptación da
empresa cando esta titularidade non corresponda á Xunta de Galicia
ou a entidades públicas nas que esta teña participación
maioritaria.
33.3. O encargo deberase referir necesariamente ós seguintes
aspectos:
a) Prazo de prestación do servicio.
b) Orzamento estimado de acordo coa xustificación que se efectúe
do contido da prestación.
c) O réxime de retribución anual con expresión, se é o caso, das
achegas que se efectúen para a dotación dun fondo de reposición
das instalacións.
d) As condicións técnicas a que deba suxeitarse a explotación.
Artigo 34º
A empresa prestará os servicios encomendados de forma directa ou
indirecta; neste último caso, mediante os contratos oportunos con
terceiras empresas. Coa mesma finalidade poderanse constituír
sociedades públicas, empresas mixtas ou doutro tipo e consorcios,
todo iso de conformidade co disposto na Lei 11/1992, de réxime
financeiro e presupostario de Galicia e, se é o caso, coas normas
de réxime local aplicables.
Artigo 35º
35.1. Cando preste servicios susceptibles de seren retribuídos
mediante tarifas esixibles ós destinatarios daqueles, a empresa
procederá ó seu cálculo e aplicación, de acordo co procedemento
e requisitos establecidos na Lei 13/1991, de taxas, prezos e exaccións
reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
35.2. En cada caso, as tarifas calcularanse de xeito que permitan
cubrir na súa integridade os custos de prestación do servicio de
que se trate, incluídos os gastos de explotación e xestión, as
cargas financeiras, os investimentos e amortizacións repercutibles
e os impostos esixibles pola actividade.
Capítulo V
Réxime económico e financeiro
Patrimonio e recursos económicos.
Artigo 36º
36.1. Constitúen o patrimonio da empresa os bens que lle sexan
adscritos para o cumprimiento dos seus fins e os bens e dereitos de
calquera natureza que produza ou adquira con cargo ós seus recursos
propios.
36.2. Os bens da Comunidade Autónoma adscritos ou cedidos á
empresa conservan a súa titularidade e cualificación xurídica
orixinais, correspondendo a esta utilizalos, administralos e
explotalos conforme as disposicións da lexislación do patrimonio
da Comunidade Autónoma de Galicia.
36.3. En ningún caso se integrarán no patrimonio da empresa os
bens de titularidade estatal, autonómica ou local que estean
afectos a servicios dos que lle fose encomendada a súa explotación,
así como as instalacións que resulten das obras a que se refiren
os artigos 27º a 32º destes estatutos.
Artigo 37º
Os recursos económicos da empresa están constituídos por:
a) As asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus
organismos autónomos, así como das entidades locais e outras
administracións públicas.
b) As subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle
concedan calquera persoa pública ou privada.
c) O producto das taxas, prezos e demais instrumentos financeiros
derivados por prestacións previstas na Lei 13/1991, de taxas,
prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) O rendemento do seu patrimonio.
e) As remuneracións derivadas da prestación dos distintos
servicios que lle sexan encargados polo organismo autónomo Augas de
Galicia.
f) Os ingresos obtidos por operacións de crédito.
g) Calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.
Orzamentos.
Artigo 38º
38.1. O presidente da empresa ordenará anualmente a elaboración
dun programa de actuación, de investimentos e de financiamento das
actividades da entidade na forma prevista nos artigos 83 e seguintes
da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.
Este programa considerará separadamente os encargos de obras e
servicios efectuados á empresa e o réxime das dotacións económicas
correspondentes.
38.2. O Consello de Administración aprobará inicialmente este
programa antes do 15 de maio anterior ó exercicio de que se trate e
remitirallo á Consellería de Economía e Facenda a través da de
Política Territorial, Obras Públicas e Vivienda, que deberá
informar acerca do seu contido.
Artigo 39º
39.1. Os orzamentos de explotación e de capital da empresa
elaboraranse conforme as disposicións da Lei 11/1992, e
presentaranse ante o Consello
de Administración antes do inicio do exercicio correspondente.
39.2. Así mesmo, o presidente formulará anualmente a memoria, o
balance e as contas do exercicio, axustados ás previsións do Plan
Xeral de contabilidade pública, que deberán ser aprobados nos tres
primeiros meses do exercicio seguinte polo Consello de Administración
antes da súa remisión ó Consello da Xunta de Galicia. A
documentación presentada conterá, se é o caso, a proposta de
distribución do resultado do exercicio, con indicación da
porcentaxe destinada á constitución das reservas ou outras
finalidades.
39.3. Para os efectos do disposto neste artigo e o precedente
entenderase, en todo caso, que o exercicio económico coincide co
ano natural.
Endebedamento.
Artigo 40º
40.1. O Consello de Administración da empresa poderá formaliza-las
operacións de crédito, dentro do límite e cos requisitos que se
recollen na Lei 11/1992 e nas leis anuais de orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma, e de acordo coas características que sexan
fixadas ou aprobadas para cada operación.
40.2. A empresa poderá prestar avais, nos termos dos artigos 41 e
45 da Lei 11/1992, en favor das empresas en que participe, e
unicamente dentro dos límites e para as finalidades determinadas
que expresamente se establezan para ela nas leis anuais de
orzamentos.
Fiscalización e réxime contable.
Artigo 41º
41.1. A empresa está sometida ó réxime de contabilidade pública
nos termos previstos pola Lei 11/1992, de réxime financeiro e
presupostario de Galicia, e nas disposicións dictadas para o seu
desenvolvemento.
41.2. A suxeición ó réxime de contabilidade pública comporta a
obriga de renderlle contas das operacións, calquera que sexa a súa
natureza, ó Consello de Contas de Galicia.
41.3. A empresa levará a súa contabilidade segundo os
procedementos máis axeitados á índole das súas operacións, de
modo que permita un coñecemento adecuado e un control efectivo das
súas actividades e os seus custos.
Artigo 42º
O control financeiro da empresa efectuaranse mediante procedementos
de auditoría e de acordo coas previsións do título V, capítulo
I, sección 3ª da Lei 11/1992, de réxime financeiro e
presupostario de Galicia.
|
|
|
Título:
|
Corrección
de erros.-Decreto 125/1996, do 27 de marzo, polo que se
aproban os estatutos da Empresa Pública de Obras e Servicios
Hidráulicos.
|
Advertidos erros no devandito decreto publicado no DOG nº 62, do mércores
27 de marzo, cómpre face-las oportunas correccións:
-Na páxina 2.864, columna 2, liña 3, onde di: «que para o
ejercicio ou exercicios de que se trate», debe dicir: «que para o
exercicio ou exercicios de que se trate».
-Na páxina 2.865, columna 1, liña 53, onde di: «para o
cumprimiento dos seus fins», debe dicir: «para o cumprimento dos
seus fins».
|